Os gañadores do Parlamento Xove comentan a final do certame en Xuventude.Novas

29 Abr 2015

portada2015abrilOs dous equipos gañadores do Parlamento Xove 2015, un equipo do Colexio La Salle de Santiago na categoría da ESO e outro do IES de Becerreá na de Bacharelato, protagonizan senllas entrevistas no novo número de Xuventude.Novas, a revista interactiva da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Os gañadores en secundaria afirman que en ningún momento deron por gañado o debate, que sempre viron moi igualado. Destacan a importancia da preparación previa e de controlar os nervios. E o equipo triunfador en Bacharelato manifesta que para gañar o máis útil é ter capacidade de refutar con viveza os argumentos dos opoñentes, sen ceñirse estrictamente a ningún guion ou esquema previo.  

Outra entrevista que ofrece esta edición é co gañador do certame Xuventude Crea na categoría de relato breve. Chámase Daniel Barral, cumpriu recentemente a maioría de idade e explica que o seu relato, do mesmo xeito que outros que escribiu, pretende “mostrar a cara humana de acontecementos históricos”. Barral, que tamén escribe poesía e ten intención de adentrarse en xéneros de maior extensión nun futuro, considera que o concurso creativo de Xuventude outorga bastante visibilidade para os novos creadores e tamén un interesante apoio económico.

Polo demais, o contido estrela da portada deste Xuventude.Novas é o resultado do programa ‘Aval Xóvenes’. Trátase dun proxecto piloto con mozos e mozas do ámbito rural, no que participaron 50 persoas durante un ano. A iniciativa logrou unha inserción laboral do 68 %. Resulta interesante ademais porque interviu en múltiples sectores de actividade, co que servirá para dinamizar a economía das zonas de influencia nas que se levou a cabo. Tamén dentro do ámbito da formación laboral, a revista dedícalles unha páxina ás novidades do programa ‘Galeuropa’, que ofrecerá 3.000 prazas de prácticas no estranxeiro ata 2020. Este ano conta cun 55 % máis de recursos que na edición anterior, sempre coa liña de favorecer a experiencia profesional da mocidade, e por tanto a empregabilidade, mediante prácticas nun ámbito internacional.

Xuventude.Novas inclúe tamén unha reportaxe sobre a Iniciativa Xove do grupo informal ‘Mociñas veñen e van’, de Mondoñedo. O seu proxecto ‘Estimulanimal’ ofreceu ocio educativo para persoas con diversidade funcional durante dúas fins de semana. Na actividade participaron usuarios da Fundación ADCOR, Down Lugo, Raiolas, Aprom Cariño e Aspronaga. Baseouse no contacto coa natureza no ámbito do albergue rural Garabullos, na localidade lucense de Cospeito.

A habitual axenda de concertos e actuacións musicais para as vindeiras semanas en toda Galicia completa este número de Xuventude.Novas.

Xuventude.Novas do mes de abril de 2015