En portada (1171)

VIHDende o dia de hoxe luns, a Consellería de Sanidade vai poñer en marcha, nos centros Quérote+ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e nalgunhas asociacións antisida, o proxecto de realización das probas rápidas de detección do VIH.

O que Sanidade pretende con esta medida é diminuír o retraso diagnóstico do VIH en poboacións con prácticas de risco, e que non acoden con frecuencia ao sistema sanitario, facilitando, ademais, o acceso ao diagnóstico definitivo e ao tratamento antirretroviral. Xunto con todo o anterior, téntase incrementar as prácticas preventivas nas persoas que acoden a realizar a proba.

En consecuencia, estas probas, que dende mañá pon en marcha a Administración sanitaria galega, están destinadas a facilitar a detección polo VIH en persoas de 16 anos en diante, con prácticas de risco altas, que non foron diagnosticadas previamente.

Preferentemente, ofertaráselle a persoas que manifesten prácticas de risco sexuais, así como prácticas de compartir materiais para inxectarse drogas. Son pois, un complemento das probas estándar, e conseguen que se poida obter, nun prazo de 20 a 40 minutos, un primeiro resultado que deberá ser confirmado, posteriormente, cunha proba diagnóstica de laboratorio.

As características destas probas rápidas fan posible que non teñan que realizarse dentro da estrutura do sistema sanitario, senón que se poden facer en diferentes entidades, como é o caso dos centros de informacion sexual ou as asociacións antisida.

As probas se realizarán sobre unha mostra de fluído oral do interesado, xa que permite unha recollida da mostra moi sinxela.

So o persoal das entidades colaboradoras que estea acreditado será o autorizado para a realización da proba rápida do VIH. Deste xeito, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, facilitará ás entidades colaboradoras, de modo gratuito, as probas rápidas de VIH en fluído oral.

O proceso da proba inclúe, necesariamente, tres procesos, entre os que están, o consello asistido e consentimento previo á realización da mesma; a realización da proba rápida en fluído oral segundo as especificacións técnicas do produto; e, ademais, o consello asistido posterior a levala a cabo.

Se a persoa non é reactiva, reforzarase o consello asistido sobre prácticas seguras. Se a persoa é reactiva, procederase a recomendar a necesidade de establecer un diagnóstico de certeza e, se está de acordo, derivarase a un centro sanitario. Xunto con todo o anterior, remarcaranse os beneficios dun control e tratamento precoz, e a necesidade de adoptar prácticas seguras para evitar a reinfección e a transmisión a outras persoas.

Sinalar, así mesmo, que a proba será totalmente gratuita para as persoas solicitantes da mesma.

Importancia do diagnóstico precoz
Sanidade lembra que un dos piares básicos da loita contra a sida é a detección precoz dos novos casos de infección VIH. Asemade, o diagnóstico precoz ofrece a posibilidade de beneficiarse da terapia antirretroviral nas etapas precoces da infección, así como modificar as condutas que favorecen a transmisión do virus a outras persoas.

As probas rápidas de detección do VIH ofrecerán, ademais da vantaxe de facilitar unha detección precoz, a posibilidade de chegar a colectivos con escaso contacto cos servizos de saúde ou reticentes a acudir a eles. Deste xeito, as probas rápidas poden ter un importante atractivo para estas persoas, pola accesibilidade dos lugares onde se fan e a inmediatez de resultados que proporcionan.

Sinalar, por último, que as entidades colaboradoras e lugares onde se poderá solicitar a proba rápida anónima de VIH en fluído oral, a partir de mañá, son; Centros Quérote+ de Santiago, Lugo, A Coruña, Vigo, Ferrol e Ourense; CCANVIHAR (Asociación cidadán de loita contra o VIH e a sida (Vigo); Lazos Pro Solidariedade (Ferrol), Comité Antisida de Coruña Casco (A Coruña), Colega Galicia (A Coruña e Santiago), Comité Cidadán Antisida de Ourense, Comité Cidadán Antisida Galego (Santiago), e ONGD Ecos do Sur (A Coruña).

banner_lei_xuventudeA Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está a traballar na elaboración do borrador de Anteproxecto de Lei de Xuventude. Co obxecto de acadar un texto que recolla as suxestións de todos e todas os mozos e mozas galegos, así como de colectivos e entidades afectados, poñemos á vosa disposición o texto do borrador, para que poidades facer aportacións ao mesmo a través do correo electrónico subdireccion.programas@xunta.es, ata o venres, 15 de xullo, indicando no asunto “alegacións Lei de xuventude”.

Así mesmo vos comunicamos que ao longo do mes de xuño levarase a cabo a presentación do borrador de Lei de Xuventude de Galicia a través de catro encontros provinciais e trece foros de debate con técnicos, entidades xuvenís, asociacións xuvenís, escolas de tempo libre, grupos informais e mozos/as interesados en participar e aportar propostas de mellora ao mencionado borrador de Lei.

Os encontros provinciais terán lugar durante o mes de xuño, ás 12:00 horas o día 21 no albergue xuvenil de Gandarío; na Casa da Xuventude de Ourense o día 22, no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo o día 23, e no Albergue Xuvenil LUG II en Lugo o día 24 a esa mesma hora.

Así mesmo realizaranse 13 foros de debate nos espazos xove da Rede Galega de centros de xuventude de Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Vilagarcía, Tui, Chantada, así como no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, o día 27 de xuño as 20,00 horas, e ás 20,00 horas do día 28 nos espazos xove de Betanzos, Vilalba, Viveiro e Lalín.

Podes descargarte o borrador aqui

Invitámosvos a todos a participar.

casaxuvribadaviaO Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro e o Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inauguraron a Casa da Xuventude de Ribadavia, acompañados do Conselleiro de Educación Jesús Vázquez e o tenente de alcalde, Anxo Colarte. A Casa da Xuventude de Rivadabia levántase nun estreito edificio de tres plantas na zona medieval da vila ourensá. Os representantes da Xunta de Galicia, aproveitaron tamén para visitar as instalacións do Albergue Xuvenil de Vilar de Ordelles en Esgos, onde se está a desenvolver un campamento multiaventura.

Na Campaña de Verán 2010, que deu comezo o pasado 1 de xullo, e no que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, investiu máis de 3.5 millóns de euros. Ademais, estas actividades permiten a creación de mais de 1.100 postos de traballo, especialmente de monitores e directores de tempo libre, pero tamén de cociñeiros, limpadores ou vixiantes.

A gran maioría das actividades levanse a cabo en 18 instalacións distribuídas por toda Galicia, aínda que tamén se reservaron prazas para que os mozos e mozas galegos puideran participar en campamentos doutras comunidades autónomas, cos que a Xunta estableceu convenios de intercambio.

En Ourense participan oito instalacións na Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dúas propias da Dirección Xeral e cinco concertadas, repartindo da seguinte forma, máis de 1000 prazas ao redor de toda a provincia:

- Campamento Xuvenil Penedos de Xacinto: 400 prazas

- Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas: 45 prazas

- Colexio Gillerme Brown: 55 prazas

- Centro de Educación Ambiental Equal: 135 prazas

- Universidade Laboral: 80 prazas

- Albergue Xuvenil Vilar de Ordelles (Esgos): 90 prazas

- Actividades para Maiores de 18 anos: 188 prazas en:

  • Albergue O Corgo (Muíños)
  • Albergue Xuvenil Vilar de Ordelles (Esgos)


- Campo de Traballo Social na cidade de Ourense: 20 prazas

Cabe destacar tamén, que as prazas dos campamentos para menores de idade están todas cubertas, pero inda quedan prazas para participar en Ourense nos programas de actividades para mozos e mozas de entre 18 e 35 anos no mes de agosto, concretamente no programa de aventura e deporte de Muíños (práctica de remo, vela ou piragüismo); e no programa de multiaventura de Pereiro de Aguiar, que inclúe actividades como rutas en quad, kaiak, paintball ou bicicleta de montaña.