Condicións xerais Acción de Verán

1. QUE INCLÚE O CAMPAMENTO?

As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2024 disporán dos seguintes servizos:

a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou similar.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade  que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g)  No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino de intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída.

 

2. QUEN PODE SOLICITAR PRAZA?

Poden solicitar praza nas actividades ofertadas as persoas mozas residentes en Galicia.

Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade.

Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.

Así mesmo, as persoas admitidas nun campamento desta convocatoria non poderán solicitar praza noutros programas da Campaña de verán, agás que previamente se dean de baixa no campamento adxudicado.

IDADES

Poden solicitar a participación nas actividades ofertadas as persoas nacidas no ano sinalado para cada actividade no anexo I da orde reguladora.

En canto ás idades mínima e máxima, para poder participar na Campaña de Verán 2024, cómpre destacar:

- As persoas nacidas no ano 2015 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento.
- As persoas nacidas no ano 2006 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia no apartado que figura no seu anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.

Para facilitar a selección dos campamentos e instalacións xuvenís máis axeitadas ás condicións das persoas solicitantes, a programación de actividades e as características das instalacións nas que se desenvolven poderanse consultar nestes enlaces:

En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.

As persoas solicitantes con discapacidade deben optar, de conformidade co sinalado no apartado COMO PRESENTAR A SOLICITUDE, por unha destas dúas vías: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos procedementos.

MENORES EN SITUACIÓN DE TUTELA OU GARDA ADMINISTRATIVA

As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial, poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.

NORMAS DE PARTICIPACIÓN

O incumprimento dos requisitos sinalados para todas as persoas solicitantes impedirá a súa participación no campamento.

3. COMO PRESENTAR A SOLICITUDE

3.1 TIPOS DE SOLICITUDE

A solicitude pode ser individual ou múltiple.

SOLICITUDE INDIVIDUAL

- Procedemento xeral

As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303A).

- Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade

As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo IV (procedemento BS303G).

SOLICITUDE MÚLTIPLE

A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas ou máis irmáns/ás, tanto no procedemento xeral como no de inclusión. Poderán incluírse na solicitude múltiple as persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar, equiparándose a súa situación á de persoas irmáns.

Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que soliciten idéntica instalación, quenda e campamento, identificado co mesmo código. Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma solicitude deben cumprir os requisitos de idade esixidos para as instalacións, quendas e campamentos solicitados.

Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude conxunta, so o poderán facer polo procedemento xeral, e en ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión.

O incumprimento do disposto nesta alínea por unha das persoas participantes, suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude.

- Procedemento xeral:

As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario que se incorpora como anexo III, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303F).

- Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade:

As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (procedemento BS303H).

3.2 COMO CUBRIR A SOLICITUDE

Os anexos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:

a) Cada persoa moza só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas de campamento. Cada quenda vai identificada cun código no anexo I da orde reguladora (alíneas A, B e C).
b) Os datos da persoa solicitante deben ser os da persoa moza que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrirse os datos de todas as persoas irmás que soliciten a súa participación.
c) As solicitudes deberanas asinar as persoas proxenitoras ou titoras dos/as menores solicitantes.
d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.
e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á inadmisión de ambas e a persoa solicitante quedara fóra do sorteo.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

3.3 PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 

PRAZOS

Presentación de solicitudes

Dez días hábiles que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Consulta do expediente

Nesta páxina web habilitarase un enlace para consultar o número de expediente asignado á persoa menor solicitante e os datos da solicitude.
Para ter acceso á consulta de datos deberase incluír o número do DNI da persoa proxenitora ou titora que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI.
Se na consulta se detectan algún erro ou non consta a solicitude que a persoa interesada presentou en forma e prazo, debe chamar a calquera dos números de teléfono que aparecen no anexo IX, de información sobre a convocatoria.

Emenda de erros

A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días hábiles antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día non procederá reclamación ningunha.

Sorteo público ante notario/a

O día, hora e lugar de realización do sorteo anunciarase nesta páxina web

Presentación da documentación das persoas participantes seleccionadas

Nos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do resultado do sorteo nesta páxina web.

Chamadas ás persoas participantes en listaxes de espera

A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web


Adxudicación das prazas en resultas

As prazas de resultas estarán expostas nesta páxina web, onde se anunciará a apertura desta fase.

 

4. ADXUDICACIÓNS DE PRAZAS

A adxudicación das prazas, tanto no procedemento xeral como no de prazas reservadas para inclusión, realizarase por sorteo, por medios informáticos e ante notario/a.

Efectuaranse dous sorteos independentes segundo o procedemento polo que se solicite, o xeral ou o de prazas reservadas para inclusión.

O día, hora e lugar de realización do sorteo anunciaranse na páxina web de xuventude, xuventude.xunta.es.

Mediante este sorteo cubriranse as prazas que se especifican no anexo I (alíneas A, B e C).

No procedemento xeral a adxudicación de prazas a persoas con discapacidade que soliciten campamentos noutras comunidades autónomas relacionados no anexo I C, requirirá da confirmación de admisión da comunidade autónoma de destino, conforme ao seu propio procedemento en materia de discapacidade. Unha vez realizado o sorteo, realizarase a consulta á comunidade autónoma de destino, nos casos que proceda.

LISTA DE ESPERA

O sorteo tamén dará lugar a unha lista de espera para cada unha das quendas de campamentos recollidas no anexo I.

Incluirase a cada participante unicamente nunha lista de espera para unha única quenda entre as que solicitou.

O número de reservas en cada quenda será do 50% das prazas convocadas. Xerarase a lista de espera tanto no sorteo de prazas do procedemento xeral como no específico de prazas reservadas para inclusión.

RESULTADO DO SORTEO

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, e publicará nesta páxina web a lista de persoas admitidas para cada quenda de campamentos e a lista de espera correspondente, no prazo máximo de 2 meses dende a publicación da convocatoria.

Para os efectos desta publicación e en virtude da normativa de protección de datos persoais, as persoas admitidas virán identificadas exclusivamente polo número de expediente asignado pola aplicación informática de xestión do procedemento. Procederase do mesmo xeito respecto das persoas incluídas nas listas de espera.

O número de expediente asignado á persoa menor solicitante poderase comprobar nun enlace dispoñible nesta web.

5. DOCUMENTACIÓN QUE DEBEN PRESENTAR AS PERSOAS SELECCIONADAS TRAS A ADXUDICACIÓN DE PRAZA NO SORTEO.

5.1 As persoas admitidas deberán presentar a seguinte documentación:

    • Xustificante do pagamento.
    • Copia do DNI/NIE da persoa menor. Se non ten DNI deberá achegar a copia do libro de familia.
    • Copia da tarxeta sanitaria ou seguro médico privado.
    • Cuestionario de saúde e autonomía persoal e declaración de saber nadar (anexo VI). As persoas con discapacidade deberán facilitar neste documento a información actualizada que permita valorar os apoios específicos que precisa, de ser o caso.
    • Declaración sobre a autorización para a captación de imaxes (anexo VII).

No caso de persoas con discapacidade, ademais:

    • certificado acreditativo do grao de discapacidade cando non fose expedido na nosa comunidade autónoma ou se opoñan a súa consulta, e a copia do ditame técnico facultativo emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente.

5.2 Presentación da documentación:

A documentación sinalada debe presentarse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica (sede.xunta.gal).

Deberá acceder ao seu expediente e elixir a acción: achega de documentación separada da solicitude.

Debe seleccionar, como unidade destinataria da documentación, o Servizo de Xuventude e Voluntariado da provincia onde se desenvolva o campamento. No caso de intercambios debe seleccionar o Servizo de Actividades para a Xuventude.

5.3 Prazo de presentación da documentación:

cinco días hábiles que comezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación do resultado do sorteo.

6. ADXUDICACIÓN DE PRAZAS ÁS LISTAS DE ESPERA

As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo serán ofrecidas na fase de reserva dos respectivos procedementos (xeral ou de prazas reservadas para inclusión) ás persoas solicitantes que figuran nas listas de espera correspondentes.

No caso de que se produzan baixas, o servizo de xuventude da xefatura territorial da provincia na que se localice o campamento ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no caso de campamentos de intercambio, contactarán, seguindo a orde de lista, coas persoas da lista de espera mediante chamada telefónica ao número de teléfono indicado no formulario de solicitude, no apartado do representante legal.

Realizaranse 3 chamadas entre as 9.00 e 14.00 h, que serán rexistradas para a constancia da súa realización. De non contactar coa persoa interesada, esta será dada de baixa e chamarase á seguinte na lista de espera.

Unha vez recibida a comunicación e aceptada, na mesma chamada telefónica, a praza ofrecida, deberán presentar electronicamente a documentación sinalada no punto 5 nun prazo de 2 días hábiles a partir desta chamada.

A documentación deberá presentarse electrónicamente conforme ao sinalado no punto 5.2.

No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado, a praza ofreceráselle á seguinte persoa da lista de espera.

A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web.

7. ADXUDICACIÓN DAS PRAZAS DE RESULTAS

As prazas que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación expostos anteriormente serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande, aínda que non tivera presentado unha solicitude no prazo do artigo 5, sempre que reúna as condicións e requisitos esixidos na orde reguladora para participar na convocatoria.

Estas prazas estarán expostas no apartado FASE DE RESULTAS nesta páxina web, onde se anunciará a apertura da citada fase de resultas.

A oferta de prazas actualizarase en tempo real, en función das prazas que vaian quedando dispoñibles.

Para solicitar as prazas de resultas a persoa interesada deberá presentar un formulario en liña, conforme se indicará nesta páxina web.

As prazas de resultas adxudicaranse por orde de recepción da solicitude.

Se unha persoa xa ten adxudicada unha praza en calquera da fases do procedemento (sorteo, fase de reserva ou fase de resultas) non poderá resultar adxudicataria dunha nova praza en fase de resultas se non renuncia á praza previamente adxudicada. No formulario de solicitude de resultas habilitarase un espazo para comunicar esta renuncia.

Se a persoa solicitante figurase na lista de espera dalgún campamento, deberá comunicalo no formulario de solicitude de resultas para, de ser o caso, dala de baixa nesa lista antes da adxudicación da praza solicitada en resultas.

A reserva de praza deberá facerse de maneira individual, para unha única persoa solicitante.

Cada solicitante poderá facer a solicitude de, como máximo, tres quendas de campamento, por orde de preferencia, sempre que reúna o requisito de idade para todas as solicitadas.

Unha vez comprobada na aplicación informática a dispoñibilidade da praza solicitada, asignarase esta á persoa interesada e comunicarase a adxudicación mediante correo electrónico ao enderezo indicado na solicitude, que disporá dun prazo máximo de dous días hábiles para presentar a documentación relacionada no punto 5.

A documentación sinalada debe presentarse a través da sede electrónica (sede.xunta.gal).

Poderá empregarse o código de procedemento PR004A.

Debe seleccionar, como unidade destinataria da documentación, o Servizo de Xuventude e Voluntariado da provincia onde se desenvolva o campamento.

No caso de intercambios debe seleccionar o Servizo de Actividades para a Xuventude.

No caso de non aceptar a adxudicación deberá indicalo contestado ao correo electrónico de comunicación da adxudicación, no prazo de dous días.

8. PREZOS

Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I (alíneas A, B e C) da orde de convocatoria, fixados conforme á Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

DESCONTOS:

    • 50% para as persoas membros de familia que teñan o título de numerosa, membros de familias monoparentais e membros de familias acolledoras.
    • 25% para as persoas usuarias do Carné Xove.

Os descontos citados en ningún caso serán acumulables.

Para aplicar estes descontos hai que estar en posesión, no momento do pagamento da taxa, dos títulos habilitantes correspondentes: Carné xove vixente e activado, título de familia numerosa,  certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental e resolución de acollemento familiar, expedidos polo órgano competente.

As persoas solicitantes deberán indicar na súa solicitude, marcando o recadro correspondente do formulario, se teñen ou non os citados títulos habilitantes, para a súa posterior comprobación pola Administración; no caso de que se opoñan a esta comprobación deberá achegarse a copia do título vixente de familia numerosa, do certificado de familia monoparental, da resolución de acollemento familiar ou a do Carné xove, segundo o desconto aplicable.

9. DEVOLUCIÓN DE COTA

Se unha vez obtida a praza por calquera dos procedementos de adxudicación e aboado o prezo correspondente a persoa interesada non puidese asistir ao campamento, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:

a) Renuncia á praza comunicada por escrito sempre e cando solicite a devolución da cantidade aboada polo menos sete días hábiles antes do inicio do campamento.

No caso de prazas adxudicadas en fase de reserva ou de resultas e cando non concorra ningunha das outras causas recollidas neste apartado, o prazo para comunicar a renuncia e solicitar a devolución da cota será de 5 días hábiles antes do inicio do campamento, e só se admitirá a devolución de cota cando a data de inicio do campamento permita presentar a solicitude de devolución con esta antelación mínima de cinco días hábiles.

b) Anulación do campamento ou non prestación do servizo por causas non imputables á persoa interesada.

c) Ingreso hospitalario ou causa médica grave que afecte a persoa menor e lle impida incorporarse ao campamento, que deberá acreditarse con informes médicos e/ou do hospital no que estea ingresada a persoa menor.

d) Falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata 2º grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.

e) Abandono do campamento por calquera dos motivos recollidos na letra c), sempre e cando non teña transcorrido máis do 50 por cento dos días de duración do campamento.

As solicitudes de devolución de cota amparadas  no suposto de renuncia recollido na  letra a)  sen que concorra ningunha das causas recollidas nas letras b), c), d) e e), serán denegadas se non se presentan coa antelación mínima sinalada na citada letra a): antelación de 7 días hábiles anteriores ao inicio do campamento ou 5 días hábiles no caso de prazas de reserva ou de resultas.

As persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación (anexo VIII da orde), dispoñible no enderezo sede.xunta.gal (indicando o código do procedemento no buscador), e nesta páxina web.

Estas solicitudes presentaranse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes de devolución de cota dirixiranse á Xefatura Territorial da provincia onde se localice o campamento obxecto da solicitude.

No caso de campamentos de intercambio noutras CCAA, a solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

10. INCORPORACIÓN AOS CAMPAMENTOS

A incorporación e a recollida nas actividades en Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que se indiquen pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

No caso de intercambio para actividades noutras comunidades autónomas será por conta da persoa interesada tanto o traslado ata Santiago de Compostela o día de saída como o traslado para a recollida do/a menor, no mesmo lugar, o día de retorno.

No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, será responsabilidade das persoas proxenitoras ou titoras o traslado para o regreso ao seu domicilio e os gastos que se ocasionen.

11. OBRIGAS DAS PERSOAS ADXUDICATARIAS

As persoas adxudicatarias das prazas estarán obrigadas:

    • A incorporarse ao campamento e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
    • A non abandonar o campamento sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono do campamento antes da súa finalización requirirá a presenza das persoas proxenitoras ou titoras ou persoa debidamente autorizada por estas, e será responsabilidade delas o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen.
    • A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións, as relativas ao cumprimento de medidas persoais de hixiene e prevención existentes no momento do desenvolvemento do campamento e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.

      Poderán ser expulsadas do campamento as persoas participantes que non respecten as citadas normas e cando o seu comportamento dificulte ou impida a convivencia.

ENLACES DISPOÑIBLES :

Anexos

Teléfonos de información: anexo IX