Novas e actividades (1122)

XGN 21

Xul 28, 2021

A party informática XGN R Encounter retomará o seu formato presencial na súa edición 21ª que desenvolverase entre os días 9 e 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, onde se darán cita afeccionados á informática e ás TIC nos seus dous pavillóns principais con máis de 10.000 metros cadrados cada un.

Nas vindeiras semanas irase deseñando a programación desta nova edición que conta con R como empresa colaboradora e patrocinadora oficial e co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

A pasada edición tivo que realizarse de xeito virtual, e a intención da organización é recuperar completamente o seu programa de actividades para os participantes rexistrados da intranet do evento, que incluirá numerosas actividades formativas e lúdicas, quedando aínda por decidir a fórmula que adoptará a extranet desta cita anual que é das poucas que se manteñen na xeografía española, en boa medida pola popularidade da banda larga e das comunidades en liña que permite que non haxa que agardar a un evento para manter a comunicación con outros usuarios con intereses afíns.

https://xgnr20.xgnrencounter.gal/ 

O Museo do Videoxogo de Cangas está a presentar unha interesante iniciativa chamada Música e Videoxogos que estrearase cun par de concertos en setembro-outubro, con música en directo e algunhas das pezas máis importantes da historia dos videoxogos interpretadas ao piano por Andrea García González.

Estes recitais serán en dous museos: o primeiro, o 2 de setembro, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) dentro do programa das III Xornadas Videoxogo e Literatura da Fundación Carlos Casares; sendo a segundo cita no propio Museo do Videoxogo en Cangas.

Este proxecto desenvolvido pola Fundación Museo do Videoxogo en colaboración con Iago Gordillo Recuncho Gamer, pretende achegar música de videoxogos á sociedade galega, en contexto expositivo, cun enfoque marcadamente cultural e cunha formulación pioneira en Galicia

http://muvi.gal/ 

A Xunta vén de poñer en marcha a nova web Galicia Olímpica que recolle toda a información sobre os 21 deportistas olímpicos e 14 paralímpicos galegos que participan nestas datas na celebración dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio.

A nova páxina web nace da colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte que ademais, axudan aos deportistas coas Axudas Reto Galicia Toquio con Igualdade 2021 que achegan aos competidores un total de 300.000 euros. Deste xeito os deportistas galegos levan a Toquio a campaña NON contra a violencia de xénero.

https://galiciaolimpica.gal/?nowprocket=1 

Proxecto Libera abre a convocatoria para 1m2 polas praias e os mares.

Do 18 ao 26 de setembro recolleranse os residuos abandonados nas praias, tanto fluviais como mariñas, así como o resto de contornas mariñas.

O fin é coñecer o estado destas contornas grazas a través da Ciencia Cidadá, e liberalos de basuraleza.

A esta iniciativa poderanse unir asociacións, Ong, administración pública, empresas e grupos de voluntarios en xeral. Podemos ser parte da solución.

Tes ata o 12 de setembro para abrir o teu punto!

https://proyectolibera.org/proximos-eventos/ 

O Internacional Youth Think Tank convida á mocidade residente en Europa de entre 18 e 24 anos a participar na Conferencia Internacional da Mocidade, onde terán a oportunidade de presentar as súas ideas e suxerencias sobre como manter unha sociedade democrática e aberta.
A conferencia desenvolverase entre o 22 e o 25 de novembro de 2021 en Gotemburgo (Suecia).

Os gastos de viaxe serán gratuítos para quen resulte seleccionados.

Requistos: Mozos e mozas residentes en Europa de entre 18 e 24 anos.
Prazo: 16 de agosto de 2021.

https://iythinktank.com/call-to-our-third-european-youth-conference/ 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia.

Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:
a) Información, orientación e asesoramento.
b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.
c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.
d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.
e) Fomento da capacidade emprendedora.
f) Prospección empresarial.
g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
h) Formación para o emprego. A formación estará dirixida a obtención de, polo menos, un certificado de profesionalidade.
i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas.
j) Obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures) así como outros que informen as persoas usuarias das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

Entidades beneficiarias:
1. Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2020 superior a 500 persoas
2. As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Tipos de programas:
A) Programas integrados destinados exclusivamente a mulleres.
B) Programas integrados destinados a persoas desempregadas pertencentes aos seguintes colectivos prioritarios:
a) Persoas con discapacidade.
b) Persoas en risco de exclusión social e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
c) Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.
d) Persoas menores de 30 anos con baixa cualificación.
e) Persoas menores de 30 anos cualificadas.
f) Persoas maiores de 45 anos.
g) Persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia non incluídas na letra b).
h) Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.
i) Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.
j) Mulleres.
k) Persoas desempregadas de longa duración.
l) Persoas inmigrantes.
m) Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

As solicitudes deben tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento TR332A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de agosto de 2021.
Máis información no DOG do 21 de xullo de 2021

As axudas de Apadriñamento teñen como obxecto a promoción e o apoio de accións destinadas á mellora da calidade ambiental das nosas contornas naturais levadas a cabo por entidades e organizacións non gobernamentais e sen ánimo de lucro. Para esta anualidade contarase cun máximo de 80 axudas nivel nacional. Un máximo de 5 Apadriñamentos plus de ata 3.000 euros, e o resto de ata 1.500 euros

Onde se deben levar a cabo as accións?
Todos os proxectos que opten a estas axudas de Apadriñamento deben repercutir nunha mellora dos espazos naturais dentro da xeografía española. Por iso, o ámbito de acción deben ser espazos de alto valor ecolóxico, non urbano.

Quen pode optar a estas axudas?
Todas aquelas organizacións, fundacións, asociacións, centros deportivos, etc., sen ánimo de lucro de ámbito local ou nacional e legalmente constituídas con capacidade de desenvolver accións de mellora ambiental cuxo campo de acción comprenda a área no que se van a desenvolver as actividades propostas.

Que tipo de accións poden optar a estas axudas?
O Proxecto LIBERA pretende contribuír a concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de basuraleza. Para conseguir este obxectivo susténtase en tres piares ou eixos de acción:
- Coñecemento: para poder abordar o problema da basuraleza, é necesario saber máis sobre a súa cantidade, composición, orixe, comportamento, áreas de acumulación, etc. Desta maneira, poderemos definir solucións eficaces para a súa prevención.
- Prevención: de nada serve o coñecemento se a cidadanía non comprende o valor de non ensuciar as contornas naturais. Por iso, con este eixo buscamos cambiar hábitos, informar e educar no coidado e o respecto da natureza.
- Participación: a mobilización cidadá é unha das claves para acabar co problema da basuraleza. Se hai unha forma de concienciar é desde a participación, animando á xente para saír ao campo e limpar o que ninguén debía ensuciar.

Poderán optar a estas axudas as propostas que leven a unha mellora ambiental do espazo natural a apadriñar, enmarcada nun ou varios dos piares principais do proxecto.

Para solicitar a axuda, as entidades e organizacións interesadas deben presentar as propostas antes do 17 de setembro de 2021.

https://proyectolibera.org/wp-content/uploads/2021/03/Bases-apadrinamiento-2021-2022-2.pdf 

Día Erasmus 2021

Xul 20, 2021

Do 14 ao 16 de outubro celebraranse os “Erasmus Days” 2021. Tres días de campaña nos que compartir experiencias e difundir os logros e as oportunidades que ofrece o programa Erasmus+.

Nesta edición repasaranse os proxectos desenvolvidos durante o período 2014-2020 e o seu impacto, e difundiranse o novo programa para 2021-2027 e as súas prioridades.

Estas xornadas buscan para dar un impulso á difusión da parte non tan coñecida do programa Erasmus+ como son os intercambios xuvenís, a mobilidade de traballadores do noso sector, as asociacións estratéxicas ou o apoio á reforma das políticas a pesar de que durante o período 2014-2020 financiáronse case 4.000 proxectos.

https://www.erasmusdays.eu/ 

O 12 de agosto celebrase o Día Internacional da Mocidade, unha data promovida pola ONU que busca conseguir a participación dos mozos en todos os ámbitos da sociedade, para solucionar os desafíos aos que a mocidade se enfronta cada día.

https://www.diainternacionalde.com/ficha/dia-internacional-juventud 

Secretaría Xeral para o Deporte convoca prazas de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2021/22, co fin de facilitar o adestramento dos deportistas de tecnificación e rendemento, creando un clima de adestramento e convivencia entre deportistas de diferentes especialidades deportivas, fomentando a educación integral dos deportistas que favoreza o seu desenvolvemento persoal e facilitando a mellora do seu rendemento deportivo coa finalidade de alcanzar o máximo nivel competitivo.

Requisitos:
– Ter nacionalidade española.
– Estar en posesión da licenza deportiva, na modalidade para a cal se presenta a solicitude, emitida pola federación galega correspondente ou ben pola federación española correspondente no caso de que a federación galega da modalidade en cuestión non estea integrada na federación española.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de agosto de 2021
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente en https://sede.xunta.gal coprocedemento PR952A
Máis información no DOG do 19 de xullo de 2021 e no enderezo https://deporte.xunta.gal