Primavera Xove, novo programa para a mocidade galega

No contexto actual, no que persisten certas restricións derivadas da pandemia da Covid-19, as opcións de lecer e ocio educativo seguen sendo reducidas. Por iso, e co fin de ofrecer novas iniciativas e alternativas saudables á mocidade para o seu tempo libre, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia pon en marcha este 2021 un novo programa especialmente pensado para esta situación, na que é preciso xerar espazos seguros, pero tamén divertidos, formativos e favorecedores da transferencia de valores e coñecemento

Tres formatos diferentes, dous meses e un só público: os mozos e mozas galegos

O novo programa chámase Primavera Xove e levarase a cabo entre os meses de maio a xuño. Está composto por tres formatos de accións diferentes totalmente gratuítas que buscan dar resposta aos gustos e necesidades dos mozos e mozas, con independencia da súa idade. Por iso, haberá accións concretas tanto para os rapaces máis novos como para os estudantes universitarios ou que xa remataran os seus estudos.

A programación desta nova iniciativa de educación non formal e entretemento saudable estará composta por:

  • Programa de fin de semana (de venres a domingo) en albergues xuvenís para mozos e mozas de 14 a 17 anos.
  • Encontros de desenvolvemento e aprendizaxe xuvenil nos campus universitarios de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo. Formación, charlas inspiradoras e networking.
  • Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xove dependentes da Xunta de Galicia.

Todas as actividades levaranse a cabo seguindo as medidas de prevención, seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19. Así mesmo, para a actividade nos albergues xuvenís que inclúe pernoita deberase achegar unha declaración responsable sobre condicións de saúde á entrada da estancia, que será facilitada con anterioridade pola Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

1.Programación de fin de semana en albergues xuvenís

primaveraxove alberguesEste programa levarase a cabo nos albergues xuvenís LugII, localizado na cidade de Lugo, e en Gandarío, no concello de Bergondo. Ofertaranse un total de 160 prazas que permitirán aos mozos e mozas ampliar as súas habilidades e competencias, así como participar en actividades físico-deportivas, de aventura e tecnolóxicas, fomentando actitudes de cooperación e respecto.

Quen pode participar?

O programa está dirixido a mozos e mozas empadroados en Galicia que teñan entre 14 e 17 anos no momento da solicitude e queiran gozar dun programa de actividades de educación non formal nos albergues xuvenís.

Prazas

O número de prazas dispoñibles en cada unha das opcións e fins de semana é de 20, o que suma un total de 160 prazas dispoñibles.

Cando?

  • Do 14 ao 16 de maio
  • Do 21 ao 23 de maio
  • Do 28 ao 30 de maio
  • Do 04 ao 06 de xuño
  • Do 11 ao 13 de xuño

Prazo e método de inscrición

O prazo de inscrición comezará o día 7 de maio ás 13.00 horasFORMULARIO DE INSCRICIÓN

As prazas adxudicaranse, como se dixo anteriormente, por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles por programa.

No formulario de confirmación de solicitude só se poderá elixir unha quenda, se ben no caso de que queden prazas libres, ofreceráselles aos mozos e mozas que presentaran xa unha solicitude de participación a posibilidade de inscribirse noutro programa no que haxa vacantes.

Consulta todas as condicións de participación, requisitos e información sobre o programa no seguinte enlace

Declaración responsable sobre a covid-19

 

2. Encontros de desenvolvemento e aprendizaxe xuvenil nos campus universitarios

primaveraxove universidadeA través deste programa, a Xunta de Galicia busca ofrecer alternativas de ocio formativo e responsable en tempos de Covid-19 que poidan ser complementarias ao currículo académico dos mozos e mozas, ao mesmo tempo que se traballan habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Cada xornada enfocarase a un ámbito concreto e comezará cunha charla formativa e inspiradora a cargo dun ou varios relatores recoñecidos no seu eido. Serán profesionais, empresarios/as, creativos/as relevantes na contorna e no panorama nacional ou autonómico tales como os divulgadores científicos Jorge Mira e Deborah García, o consultor de márketing e emprendemento Javier Varela, a xornalista e influencer Patricia García @donkeycool; a experta en márketing responsable Jessica Bardanca @Jess.con.jota, ou o creador de contido en RRSS Coque Macho. Nun segundo ciclo falaremos de sustentabilidade e responsabilidade social, educación emocional, e cultura e creatividade, con idéntico formato e algunha sorpresa.

O obxectivo é favorecer o debate e o networking sobre a temática tratada a través de obradoiros en grupos reducidos en espazos diferentes, distendidos, abertos e innovadores.

Quen pode participar?

Estas xornadas están dirixidas principalmente a mozos e mozas universitarios, aínda que se pode inscribir a mocidade en xeral, de 18 a 30 anos.

Prazas

Estas xornadas terán un aforo reducido para garantir todas as medidas de seguridade e prevención fronte á Covid-19. Deste xeito, poderán asistir 20 persoas como máximo a cada sesión, seleccionadas por orde de inscrición. Cada persoa moza poderá participar en tantas xornadas como queira.

Cando?

Esta acción levarase a cabo todos os mércores de maio e xuño a partir do vindeiro mércores 12. A programación, totalmente gratuíta para as persoas participantes, será de tarde e cada xornada terá unha duración aproximada de 2 horas.

Consulta todas as condicións de participación, requisitos e información sobre o programa no seguinte enlace

Prazo e método de inscrición

O prazo de inscrición a cada acción abrirase a partir do 7 de maio ás 13.00 horas. FORMULARIO DE INSCRICIÓN

As prazas adxudicaranse por estrita orde de inscrición. As persoas que non obteñan praza pasarán á lista de reserva. Poderase escoller participar nunha ou en varias das accións contempladas na programación.

Actividade financiada no marco do proxecto Lidera, aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP).

 

3. Feiras Primavera Xove nos 12 Espazos Xoves

primaveraxove espazos xovesAo longo de todos os venres do mes de maio, cada Espazo Xove celebrará unha feira de ocio educativo para a mocidade da súa contorna. Aínda que cada unha terá as súas particularidades e nela participarán persoas diferentes, haberá varios denominadores comúns:

  • Venres pola mañá: charla formativa coa participación dos institutos de cada zona e convite a coñecer o espazo xove.
  • Venres ou sábado pola tarde: celebraranse varios obradoiros de cultura urbana, artes, emprendemento, etc. e tamén haberá actuacións musicais.

Quen pode participar?

A mocidade das contornas de cada espazo xove.

Cando?

  • 7 maio: Lalín (tamén 8 de maio), Pontedeume e Betanzos (tamén o 4 de xuño)
  • 14 maio: Curtis, Ourense e Vilalba
  • 21 maio: Viveiro, Noia e Chantada
  • 28 maio: Vilagarcía, Carballo e Tui

Prazo e método de inscrición

Estas xornadas terán un aforo reducido en cada un dos obradoiros para garantir todas as medidas de seguridade e prevención fronte á Covid-19. Pódese reservar praza nas diferentes actividades en cada espazo xove nos formularios dispoñibles na seguinte ligazón. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

Consulta todas as condicións de participación, requisitos e información sobre o programa no seguinte enlace