Lingua de namorar 2021: mensaxes gañadoras

26 Abr 2021

O xurado do concurso Lingua de namorar 2021 reuniuse o venres 26 marzo para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes:

 

Mensaxes gañadoras da categoría A

 

1º premio: Penso en ti, de María Rey Villar (A Coruña)

En cada noite de primavera,
No solpor en Cabo Vilán,
Salvaxe como alecrín dourado,
Cando nas buguinas escoito o mar,

Cando orballa na cidade,
En cada verso de “Ti e máis eu”,
No claro luar da noite,
Pola mágoa dun adeus.

No danzar das bolboretas,
Depenicando unha flor,
Escoitando bater as ondas,
Lembranza do meu amor.

 

2º premio: Sol e Lúa, de Lucas Paz González (A Coruña)

Vivía sol no eterno baleiro
Luceiro no escuro vivía na nada
Antollo do sino Lúa xurdiu
Escura na luz vivía sen nada.

Sol alumou a Lúa
Lúa virou cara Sol
Sol frío e Lúa velada
Na eclipse xuntos estaban.

 

3º premio: Amar mentres a vida avanza lento, Lara Hernández Iglesias (A Pobra do Caramiñal, A Coruña)

E só este día é noso. Faime un sitio onda ti. Deixa que me acubille nos teus brazos mentres a vida avanza lento. Deixa que nos perdamos neste mundo compartido e falemos de alegres lembranzas, da elemental verdade que fai xustiza nuns corpos que aman.

 

Mensaxes gañadoras da categoría B

 

1º premio: Rea(r)mar, de Lara Álvarez Álvarez (Redondela, Pontevedra)

Esquecín de onde veño,
esquecín quen son,
esquecín amar o que fago,
esquecín.
Tiven que recuperar os meus adentros,
afondar nos meus máis profundos sentimentos.
Tapáronme a boca,
borráronme as mans,
aloxáronme da vida,
e aínda así
puiden atopar-
me
te
nos.

 

2º premio: O fío da vida, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas, Ourense)

A túa última folla caduca
segue prendida no lene baile
da derradeira aperta.

O meigo recendo das sabas
cubriuse de choros
tan sinceros coma crus.

Onde o espazo e o tempo se ausentan,
perdura a melodía
ao ritmo das badaladas.

Espérame á beira da noite.
Guiaranme os carreiros da pel,
os teus átomos amolecidos
baixo a certeza do amor.

 

3º premio: KÓX3G∆S, de Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

A xema dos seus dedos rozando a palma da súa man.
[...]
A mente en branco.
Os ollos pechados.
Primeiro sorrisos, ollos.
Palabras.
Sorrisos, ollos.
Sorrí.
Morde os beizos.
Un nome. Dous nomes.
Dous. Un. Beizos. Mans.
Os seus beizos.
As súas mans.

 

O xurado de Lingua de namorar 2021 preseleccionou, na súa xuntanza do 26 de marzo, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

 

José María Trigo González (Cambados, Pontevedra)

@azrael.musico.medicina

 

Saudando a vida e como a serpe, dobrarnos.
Ti madeira eu cordada d'arco.
Frecha tinguida de Eros
a diana que nos están roubando
entre feches e perimetrias
esta frecha vai voando.

 

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

 

 


bases


categoriaA categoriaB BotonC 2