Novas e actividades (1093)

Os cuartos Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. Neste 2020 a gala de entrega está a ser substituída pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas polas poetas galegas Lucía Aldao e María Lado a través do sitio de Youtubeiras no Youtube.

1. O Premio á Mellor Canle é para a canle Pradorua. O xurado decidiuno así pola súa oferta de “contidos variados, orixinais e de calidade” que proporciona “a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual”.
2. O Premio Youtubeir@ é para Olaxonmario, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de “grande impacto” ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”.
3. O Premio ao Mellor Vídeo é para O cabalo de Alberte Merlo, que para o xurado significa unha “mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia” chea de “enxeño e retranca”.
4. O Premio á Calidade Lingüística recoñece o vídeo As patacas do Paraíso, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta “un uso coidado da lingua” e “unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un “plus de calidade, de frescura e de proximidade” á produción.
5. O Premio Impacto é para o vídeo Xogando con Ana Pontón aos Sims, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con Olaxonmario, no cal entrevistan a candidada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”.
6. O Premio á Calidade Técnica é para Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata “dunha mostra representativa da serie Os vinte dos XX, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico”.
7. O Premio Comunicación recaeu en Un rapá transquilo, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a “absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor” ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero.
8. O Premio Creatividade pon en valor a canle O Son das Ideas, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude “o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno”. Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica”.
9. O Premio ao mellor vídeo musical é para Lume, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, “actualiza a música galega a ritmo de trap”.
10. O Premio Didáctico recoñece o traballo de Naturiza, canle de Diego Ferraz que, para o xurado, “achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural”.
11. O Premio Pioneiro recoñece a canle Cousas rarismASMR, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva “o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito”.
12. O Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia, de Pablo Rodríguez Vila.

Xa podes consultar as novas do boletín Eurodesk do mes de decembro:

Boletín Eurodesk de decembro de 2020

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña presentou o día 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o proxecto Talentos Inclusivos, desenvolto en colaboración con ASPACE Coruña e apoio do Consello Social da UDC.

A iniciativa Talentos Inclusivos ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a problemática coa que se encontran no día a día as persoas con diversidade funcional.
Para isto, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que o alumnado participante deberá aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

Os centros educativos que xa confirmaron a súa implicación son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES de Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos San Juan Bosco (A Coruña) e IES David Buján (Cambre).

Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos procurarán ao longo do curso escolar desenvolver e aplicar unha solución tecnolóxica ás diferentes problemáticas diarias expostas polos usuarios de ASPACE Coruña. O alumnado estará asesorado por un equipo de 20 investigadores do CITIC, á súa vez profesores da Facultade de Informática, xunto con terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas de ASPACE Coruña. Facilitar o cambio de canais de televisión nun mando a distancia ou evitar obstáculos as cadeiras de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.

Máis información no CITIC e en ASPACE

https://citic.udc.es/

https://www.aspacecoruna.org/proyecto_talentos_inclusivos_aspace_citic_udc.html

Video do acto de presentación

TALENTOINCLUSIVOVIDEO

Esta semana Girl STEM conversa con Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña e investigadora en proxectos de Computación e Intelixencia Artificial.

Esta entrevista, realizada pola informática galega e Premio Ada Byron, Luz Castro, salienta que temos que corrixir eivas na intelixencia artificial porque nos ofrece resultados que perpetúan os nesgos de xénero en accións tan cotiás como as traducións automáticas ou os asistentes persoais. Sobre o futuro da intelixencia artificial, a profesora Alonso asegura que «a gran revolución vai vir en áreas como a sanidade e o ensino».

A entrevista: https://archive.org/details/sg-amparo-alonso-v-3-1

O Instituto da Mocidade resolve os Premios Nacionais de Mocidade para o ano 2020.

Concede un único premio de 2.000 euros, en cada unha das seguintes categorías:

- Compromiso Social a Alexandra Daiana Floare

- Cultura a José García Ruiz

- Medio Ambiente a Rodrigo Beltrán Casarío

- Deporte a Aida de Miguel Simón

- Ciencia e Tecnoloxía a María González Manso

- Dereitos Humanos a Pablo Prego Meleiro.

Concede unha mención honorífica, sen dotación económica, na categoría de Ciencia e Tecnoloxía a Álvaro José Solaz García.

Máis información no BOE do 4 de decembro de 2020

Como motivo do Día Internacional do Voluntariado, 5 de decembro, a asociación "Reconece" celebra o seu nacemento oficial o vindeiro sábado 5 na sede do Consello da Mocidade de España.

"Reconece" ten como obxectivo acreditar as competencias e habilidades adquiridas durante os voluntariados, como a planificación, a flexibilidade ou o traballo en equipo, para mellorar o perfil dos mozos e mozas de fronte ao mercado laboral.

O obxectivo principal de Recoñece é articular unha rede nacional de organizacións que impulsen o recoñecemento destas competencias, establecendo un diálogo entre administracións públicas, empresas e entidades xuvenís e de voluntariado, para dar visibilidade ás experiencias de voluntariado e os seus beneficios.

Para iso, a "Red Reconece" promove un Sistema En liña de Acreditación. A través de diferentes figuras, e ao longo dun proceso auditado, as persoas que o soliciten recibirán unha acreditación das competencias adquiridas durante a súa experiencia de voluntariado.

https://reconoce.org/

BActo Fundacional 5D Reconoce

A atención educativa ao alumnado que non poida asistir ao seu centro realizaraa o profesorado de cada área, materia, ámbito ou módulo do centro educativo en que está matriculado e de non ser posible, encargarase o equipo docente ou departamento didáctico correspondente.

No caso de que esa atención educativa non poida realizarse desde o centro educativo será o equipo provincial de atención virtual ao alumnado (AVA) o encargado da atención educativa domiciliaria.

O alumnado autorizado a recibir atención educativa virtual considerarase escolarizado para todos os efectos, polo que as ausencias ao seu centro docente durante ese período de tempo se entenderán todas xustificadas.

O alumnado da etapa de bacharelato que non poida ser atendido polo centro educativo recibirá atención educativa do centro de ensino a distancia IES San Clemente, mediante o traslado provisional de matrícula, mantendo a praza educativa no centro de procedencia.

Equipos AVA, de atención virtual ao alumnado:
En cada provincia constituiranse dous equipos AVA, que se responsabilizarán de realizar a atención educativa ao alumnado que, polas circunstancias indicadas anteriormente, non acuda ao centro educativo, e esta non poida ser prestada polo seu profesorado.
a) Un equipo AVA de educación infantil e primaria, que se encargará da atención do alumnado destas etapas, e que estará integrado por profesionais docentes do corpo de mestres coa debida formación psicopedagóxica.
b) Un equipo AVA para atender o alumnado de educación secundaria obrigatoria e os ámbitos de ciencias aplicadas e comunicación e sociedade de formación profesional básica, que estará integrado por profesionais docentes do corpo de profesores de ensino secundario.

Os equipos AVA estarán integrados por profesionais docentes con acreditada solvencia para desenvolver a atención educativa ao alumnado, a través dos servizos educativos dixitais facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Para máis información o DOG do 3 de decembro e www.edu.xunta.gal

O Ministerio da Presidencia publica a regulación do Programa Mocidade delegada de Nacións Unidas en España destinado á mocidade española co fin de ser integrados nasB2030YouthForce LOGO 2nd 2 delegacións oficiais de España ante Nacións Unidas.

Fins do Programa Mocidade Delegada de Nacións Unidas en España:
a) A incorporación da mocidade nas delegacións oficiais de España no marco de Nacións Unidas.
b) Dar a coñecer e aumentar o interese da mocidade española polas Nacións Unidas.
c) Promover o labor que España leva a cabo en materia de política exterior nos distintos foros das Nacións Unidas.
d) Potenciar a participación dos mozos/as na elaboración da axenda multilateral, facilitando que as súas visións sexan tidas en conta no proceso de toma de decisións a nivel internacional.
e) Cumprir cos compromisos adquiridos mediante a Resolución 2250 (2015) do Consello de Seguridade das Nacións Unidas sobre Mocidade, Paz e Seguridade
f) Contribuír á inclusión das inquietudes da mocidade nos foros de Nacións Unidas.

Prazo:  A mocidade interesada en participar no devandito programa deben esperar á publicación no BOE da convocatoria correspondente

Máis información:  https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2020-13800

Xa está dispoñible Camiñares de Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, o terceiro vídeo-clip da Triloxía Meiga, que en outubro inaugurou a publicación de traballos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta.

Pode verse xunto con outros dous vídeos que compoñen a Triloxía Meiga: Axendados e Alalá meigo. Cada un deles está dedicado a un dos elementos da natureza: terra, auga e fogo, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos, Andrea Pousa. Todos estes traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta.

         MÁIS ALTO CA NUNCA: QUERÉMONOS LIBRES E VIVAS.

    DESENMASCAREMOS AOS MALTRATADORES

 

Moitas mulleres son maltratadas e ata asasinadas por parte de homes, polo que o día 25 de novembro é conmemorado para darlle voz ás que máis sofren. Nós, correspondentes do IES Saturnino Montojo, queremos unirnos a esa iniciativa participando en múltiples proxectos:

- Primeiro de todo, creamos este lema, consensuado polo equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo, para lembrar a todas as mulleres que nestes momentos tan críticos están a sufrir a violencia de xénero que non están soas. Utilizamos o termo “desenmascarar” dándolle un dobre sentido: quen son, xa que nos medios nunca se mostran os datos íntegros deles pero das mulleres si, e tamén como son e como as tratan (aproveitando tamén a palabra para facer unha mención á situación pandémica). Por outra parte, empregamos a primeira persoa de plural porque esta lacra aféctanos a todas e todos e nunca deberiamos velo como simples observadoras, senón que debemos actuar construíndo unha sociedade máis xusta e activa.

- Asemade emprendemos unha nova iniciativa na plataforma TikTok subindo vídeos reivindicativos representando escenas comúns destas inxustizas mediante diferentes hashtags como #desenmascaremosaosmaltratadores ou #libresevivas. Serán gravados tamén en diferentes partes do instituto coma na entrada, no patio ou corredores. Estes vídeos finalmente serán compartidos a través das nosas contas doutras redes sociais coma Twitter  ou Instagram. Incluiremos o número 016, que atende situacións exclusivamente de violencia de xénero.

Pensamos que é necesario concienciar á xente de todo o que está a ocorrer e loitar para que nun futuro próximo as mulleres poidamos vivir sen medo e a sociedade sexa máis xusta.

Campaña en TikTok