Obradoiro de drons

06 Xul 2021

Cambre vivirá un verán de altos voos coa organización dun obradoiro de drons dirixido aos mozos do municipio. A iniciativa, enmarcada dentro do programa TRANS-FÓRMATE da Oficina Municipal de Información Xuvenil, levarase a cabo entre o 28 de xullo ao 13 de agosto.

O Concello ofrecerá un total de 16 prazas para os mozos e mozas de Cambre de entre 12 e 15 anos. O curso realizarase en dúas quendas, a primeira terá lugar os días 28, 29 e 30 de xullo, mentres que a segunda desenvolverase o 11, 12 e 13 de agosto. En ambos os casos, as sesións impartiranse de 10.00 a 14.00 horas no pavillón polideportivo Os Campóns.

Ao longo da formación, as persoas participantes descubrirán que é un dron e que tipos de aeronaves existen. Así mesmo, aprenderán a manexalo e realizarán circuítos, carreiras e xogos cos que dominarán as técnicas de voo.

O prazo de inscrición estará aberto desde o luns, 5 de xullo, ata o día 15 do mesmo mes. As persoas interesadas poderán apuntarse tanto nos rexistros municipais (solicitando, para iso, cita previa) como na sede electrónica.

http://www.cambre.es/wp-content/uploads/2021/07/Actividad_OBRADOIRO_DE_DRONS.pdf