I FEIRA INICIATIVA XOVE: Un espazo para o desenvolvemento de ideas da mocidade

04 Xun 2021

Iniciativa Xove é un programa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que concede axudas de ata 5.000 euros para que as persoas mozas poidan desenvolver ideas que, transformadas
en proxectos empresariais e/ou iniciativas de interese, poidan reverter na mocidade actual e na nosa sociedade.

Neste momento, a convocatoria de axudas para 2021 , á que poden concorrer tanto grupos informais de mozos e mozas, asociacións xuvenís e entidades legalmente constituídas, ten o prazo de solicitudes aberto ata o 14 de xuño. No marco deste programa, a Xunta de Galicia organiza a I Feira Iniciativa Xove, co fin de visibilizar os proxectos xurdidos ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos e impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras por parte da mocidade. Esta feira terá lugar o vindeiro sábado 12 de xuño no Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Podes seguir a presentración das 11 horas e a rolda de pitchings das 18 horas en directo a través de este enlace!

Contidos da feira

Na feira, que combinará o formato presencial e en liña, levaranse a cabo as seguintes actividades:

  • Espazo expositivo de proxectos xurdidos ao abeiro do programa Iniciativa Xove, protagonizados por grupos informais de mozos e mozas. Con acceso libre para o público en xeral.
  • Talleres prácticos, tanto en formato dixital como presencial, sobre habilidades e competencias profesionais e para o desenvolvemento de modelos de negocio e marketing. Necesaria inscrición previa no formulario que aparece a continuación.
  • Rolda de presentacións de proxectos e networking, que se poderá seguir tamén en liña vía streaming.
  • Asesoramento e resolución de dúbidas acerca da presentación de iniciativas no marco do programa Iniciativa Xove. Para acceder a esta parte tamén é necesario realizar unha inscrición previa. Necesaria inscrición previa no formulario que aparece a continuación.

Consulta AQUÍ o programa detallado do evento.

Destinatarios e inscrición

As actividades están dirixidas a mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, con residencia en Galicia ou en Portugal.

As prazas para os talleres, tanto en formato presencial como en liña, son limitadas, así que non o dubides e formaliza a túa inscrición, totalmente gratuíta, no seguinte enlace. As prazas para estas actividades serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Consultas e información: xuventude@xunta.gal

PROXECTO LIDERA

Esta actividade enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do
territorio.

Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a FundaciónGalicia Europa, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.