Axudas económicas para a formación práctica en empresas

02 Xun 2021

A Consellería de Educación convoca axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT), nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.
2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.

Requisitos
Alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.
O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2021.

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. O primeiro prazo, ata o 21 de xuño, para o para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2020-marzo 2021 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2021.
Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual.
O alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2021 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2021, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2021. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2021. O alumnado que teña horario flexible con autorización da secretaría xeral e remate despois do 31 de decembro de 2021 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

Contía da axuda.
A) Alumnado que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.
Na Comunidade Autónoma:
Ata un máximo de 375 € cando se cumpran as seguintes condicións:
- O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo.
- O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello de residencia do/a alumno/a durante o período de realización da FCT ou da FP dual.

A contía que percibirá o alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.
Fóra da Comunidade Autónoma.
Percibirán unha cantidade fixa de 200€ aínda que realicen a FCT ou a FP dual en varios centros de traballo.

B) Alumnado que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español.

Unión Europea:
Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía: 120 € contía base e 72 € por semana
Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa: 180 € contía base e 120 € por semana
Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Suecia: 240 € contía base e 150 € por semana


Non integrados na Unión Europea:
Europeos: 180 € e 120 € por semana
Doutros continentes: 240 € e 150 € por semana

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED202A
Máis información no DOG do 2 de xuño de 2021 e en www.edu.xunta.es/fp