XII Certame de Cinema OUFF Escola

26 Abr 2021

A Concellaría de Educación do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o XII Certame de Cinema OUFF Escola

O Certame de Cinema OUFF Escola nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.

Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

“Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cine en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir precisa do cine”.
Chano Piñeiro

Poderá participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2020-2021, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto.

Estabelécense dúas categorías:
A) Infantil e primaria
B) Outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son)

As obras deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Todos os traballos estarán en lingua galega.
- Deberán ser orixinais ou adaptacións, non comercializados, e non presentados con anterioridade a este certame.
- Modalidades: ficción, documental, animación.
- Duración: até 20 minutos, créditos incluídos.
- A temática será libre.
- Quedarán excluídos aqueles traballos que inciten ao racismo, xenofobia, homofobia e calquera tipo de violencia, así como os que atenten contra a dignidade da persoa.
- As obras presentaranse en formato dixital.
- Cada traballo non deberá conter máis dunha obra e deberá estar en perfecto estado para a súa proxección.
- Cada obra irá identificada co título, a duración e o centro de ensino de procedencia.

A inscrición formalizarase:
1. Enviando o cuestionario que aparece na sección de OUFF Escola das páxinas web www.educacionourense.com y www.ouff.org  antes do 5 de xullo 2021, totalmente cuberto e asinado polo profesor ou profesora responsábel do audiovisual ao enderezo de correo electrónico ani.cacabelos@ourense.es.
2. Para a recepción dos traballos facilitaráse un link da película e a súa clave de visionado a través de vimeo ou semellante que se enviará ao correo eléctrónico ani.cacabelos@ourense.es

OUFF Escola concederá os seguintes premios:
Categoría A
1.º Premio: seiscentos euros (600)para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200)para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300)para o centro educativo.

Categoría B
1.º Premio: seiscentos euros (600)para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400)para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200)para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300)para o centro educativo.

Prazo: 5 de xullo de 2021

www.ouff.org