|
A mocidade ten que ser a principal protagonista do seu desenvolvemento e participar activamente na vida social, económica e cultural, e é un deber da Administración proporcionar as canles para que esta participación sexa efectiva de xeito que poidan expresar as súas ideas, opinións e concibir e desenvolver os proxectos que sexan do seu interese.
Un dos nosos obxectivos prioritarios é fomentar a participación da mocidade co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en práctica as súas ideas relacionadas co emprendemento, a empregabilidade, o lecer, a comunicación e as novas tecnoloxías. Preténdese acadar, así mesmo, a igualdade de oportunidades estimulando proxectos nos que participen as mulleres e as persoas con discapacidade.
Coidamos que favorecendo que a xuventude se involucre a través da participación e o asociacionismo, estamos a facilitar experiencias nas que as mozas e mozos van ser quen participen e colaboren nas súas comunidades, desenvolvendo así habilidades sociais, a capacidade de toma de decisións, o espírito critico e inconformista, implicando así unha defensa dos seus dereitos e valores democráticos, sociais e solidarios.
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (DXXeV), pretende acadar unha participación social activa e dinámica da xuventude que permita a creación de sinerxías que redunden nunha mellora das súas oportunidades e na súa calidade de vida. Para isto pon en marcha, un ano máis, Xuventude con iniciativa.
Xuventude con iniciativa supón unha aposta polo potencial e polas capacidades da nosa mocidade, que se manifestarán, sen dúbida, a través dos proxectos realizados no ámbito do programa Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil.
 
|