Inicio Novas e anuncios
Search
Search Keyword: Total 4 results found.
Tag: RIX Ordering

Programación do  Baiverán 2010

Todos os veráns o Concello de Baiona, a través das súas concellarías de cultura, mocidade e turismo, tratan de ofrecer unha programación de luxo tanto para os nosos veciños como para os nosos visitantes. Como actuación estrela para a Mocidade,podemos destacar o Concerto de Home G, que terá lugar na nosa vila, no parque da Palma, o venres 13 de agosto de 2010, dentro da programación de actividades para festexar o día da Mocidade. Xa para todos os públicos, o sábado 7 de agosto terá lugar a Gran Gala Musical na que actuarán Lolita, Soraya Arnelas e a Unión como colofón das nosas festas patronais, que terá tamén lugar no Parque A Palma, a partir das 00:30 h.

Mais información: OMIX Concello de Baiona Telf: 986385925
Tags: RIX Pontevedra
A Xunta de Galicia publicou o borrador do Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2013, onde se recollen as principais actuacións que, en materia de xuventude, porán en marcha todos os departamentos da administración autonómica. Neste documento recóllense os retos e obxectivos tendo en conta as necesidades reais dos mozos e mozas galegos. Por iso, dende a Dirección Xeral de Xuventude ponse a disposición das entidades asociativas xuvenís este plan, para que poidan facer as súas aportacións, ata o vindeiro 19 de xullo.As aportación iran ao correo electrónico: xuventude.programas@xunta.es, ou o teléfono: 981.545 696
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe a creación desta nova Rede nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. A conselleira sinalou que se adaptará e ampliará a actual rede de centros de xuventude do Goberno galego. Actualmente, hai 12 casas da Xuventude en Noia, Carballo, Betanzos, Pontedeume, Curtis, Viveiro, Vilalba, Chantada, Ourense, Lalín, Vilagarcía e Tui. Ademais, hai un centro coordinador de información xuvenil en Santiago e o centro xuvenil LUG. A esta rede hai que sumar os sete centros Quérote que existen na xeografía galega. Algúns deles están integrados en casas da xuventude, mentres que outros están en espazos independentes, polo que é preciso "conseguir unha homoxeneización", para que se presten os mesmos servizos en todos os centros da rede.'Espazo Xove. Rede Galega de Centros de Xuventude' ampliará todos os servizos destinados á mocidade que actualmente prestan as instalacións dependentes da Xunta, ao tempo que unificará nun mesmo emprazamento todos os recursos dirixidos aos mozos e mozas, para ofrecerlles unha información integral e de utilidade.Para poñer en marcha este proxecto, o Goberno galego investirá ao redor de dous millóns de euros desde este ano a 2012, que financiarán, principalmente, a mellora das infraestruturas, os equipamentos informáticos e os programas de animación.Beatriz Mato contextualizou a posta en marcha desta iniciativa co fin de dar resposta a unha "dobre necesidade". Segundo explicou, é preciso "acometer un cambio profundo" na infraestrutura dos centros de xuventude dependentes da Xunta, tanto "no que se refire ao equipamento como as propias funcións", que hai que adaptar e actualizar ás demandas da mocidade. Neste sentido, lembrou que moitas das instalacións e funcións das actuais Casa da Xuventude datan de hai 20 anos.Así, os centros disporán, segundo concretou a conselleira, dunha oficina territorial da Rede de información xuvenil, na que se ofertarán as accións, servizos e recursos destinados á mocidade. Estas oficinas contarán cunha zona de emancipación diferenciada, onde destacarán as actuacións en materia de vivenda e de traballo.Os centros incluirán tamén "celeiros da creatividade", que serán espazos de promoción da creatividade xuvenil, nos que se incluirán salas de exposición ou zonas para accións formativas. Ademais, nos casos nos que sexa posible, instalarase un local de ensaio musical, como nos casos de Tui e Lalín.As instalacións da Rede disporán da "zona.net", unhas salas dotadas con medios técnicos relacionados coas novas tecnoloxías, ademais dun espazo propio para a formación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Os centros de Xuventude contarán tamén cun programa de animación xuvenil, con persoal que se ocupará de promover actividades e actuacións en materia de xuventude, sobre todo aquelas relacionadas coa educación non formal da mocidade.Por último, todos os centros da Rede disporán do espazo Quérote+. Este servizo suporá a ampliación dos actuais centros da rede Quérote, de xeito que ofrecerán orientación en máis eidos que no afectivo-sexual, sen que isto supoña ningunha diminución nos servizos que viñan prestando. Ademais de ampliar a súa temática, este servizo pasará a estar presente en 18 localidades, xa que actualmente está só en 7. Así, as vilas de Noia, Carballo, Betanzos, Pontedeume, Curtis, Viveiro, Vilalba, Chantada, Lalín, Vilagarcía e Tui pasarán a contar con este servizo.De feito, a previsión é que no último trimestre deste ano xa se teñan implantado todos os programas, a excepción dos "zona.net" e dos celeiros da creatividade, xa que a súa execución irá en consonancia coa realización das obras e adaptacións a realizar nos centros.Actualmente, xa se ten comezado a formación complementaria do persoal das casas da xuventude e tamén do persoal dos centros Quérote, co fin de que se especialicen nas novas temáticas que teñen que abordar. Tamén están en fase de valoración as ofertas recibidas para a contratación das obras en Noia, Carballo, Betanzos, Pontedeume, Curtis e Lalín, unha mellora das infraestruturas ás que se irán sumando o resto dos centros nos próximos exercicios.Hai que destacar que o cadro de persoal que traballa actualmente en todos estes centros é de 51 persoas, de distintas especialidades, como psicólogos, traballadores sociais, ou educadores sociais. Todos os profesionais prestan servizos tanto en materia de ocio e lecer ou formación; así como en orientación, información e derivación das problemáticas xuvenís aos servizos profesionais e especializados nos mesmos, como nos casos de problemas relacionados directamente coa saúde.En definitiva, Mato sinalou que esta Rede trata de cumprir varios obxectivos: facer máis visibles as políticas en materia de xuventude e máis accesibles os recursos para a mocidade; traballar a creatividade, as novas tecnoloxías e a participación xuvenil; converter os actuais centros Quérote nun servizo de asesoramento integral; e dinamizar todas as medidas incluídas no Plan estratéxico de Xuventude 2010-2013.

 

Ir atrás    Ir arriba