DigiTalent

08 Feb 2022

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, lanza un programa no marco do Plan DigiTalent para fomentar vocacións e adaptar a estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais

Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen gran impacto na sociedade dixital. O Big Data, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión medioambiental serán algúns dos temas a tratar, con contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces e rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.

O ciclo de webinars abre xa a súa inscrición aos primeiros relatorios para os máis novos/as. As xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo. Con isto, a Amtega busca achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes dun xeito dinámico, xerando espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquedanzas.

Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia

A Amtega segue a poñer o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, onde destacan as actuación dirixidas a centros educativos. Neste eido, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, na que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade.

Pola súa banda, Altia Consultores ven de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos desfruten ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do Data Center de Altia situado en Vigo.

Este trimestre ven marcado tamén polo lanzamento de talleres de introdución á tecnoloxía LED, ao deseño e impresión 3D e á robótica colaborativa impartidos polos expertos e expertas de Televés e pola apertura de Mentoring Day, co que se busca achegar ao alumnado da ESO e Bacharelato á realidade do mundo laboral acompañados polos profesionais da empresa.

Iniciativas dirixidas á Xuventude

Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas no eido das novas tecnoloxías.

En liña con este eixe estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT DATA suman esforzos coa Amtega para impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo.

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.


Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia

Iniciativas dirixidas á Xuventude