E iso do desamor, que ven sendo?


O desamor é un proceso no cal van diminuíndo os sentimentos cara a unha persoa ou mesmo desaparecendo algúns deles. Da mesma maneira que nos podemos namorar, tamén podemos desnamorarnos. Igual que idealizamos á persoa, desidealizámola e comezamos a vela dun xeito máis real, e comezamos a ver esas cousas que non nos gustan tanto e que non víamos antes, mesmo algunhas veces, parece que comezan a ter máis importancia que as outras. Do mesmo xeito que sentimos unha profunda admiración por ela, podemos deixar de sentila, e pódenos deixar de gustar e podemos deixar de sentir as emocións que sentíamos cando estábamos con ela. Todo isto é o desamor.

Moitas veces, o desamor fai que deixemos de saír con esa persoa da que estábamos namoradas ou namorados e pase a ser unha amiga ou amigo, ou unha relación máis superficial ou mesmo interrompamos calquera tipo de trato con ela. Pero todo isto non depende do desamor, senón máis ben do que ocorra durante o proceso. Porque o desamor non implica necesariamente a perda total e absoluta do amor, senón a súa diminución e o cambio dalgunha das súas cualidades. O namoramento pode deixar paso ao simple apego ou ao agarimo. O que ocorre é que, algunhas veces, no proceso de desamor, pasan cousas moi desagradábeis que nos fan sentir moi mal e que nos levan a "non querer saber máis nada" con esa persoa e isto dáse con máis frecuencia se só se desnamora unha das dúas.

Outras veces, o desamor prodúcese tamén con algunha amiga ou amigo. Xeralmente pasa algunha cousa que nos parece grave e enfadámonos moito con ela ou con el, mesmo cortamos a relación, temporal ou definitivamente e comezamos a deixar de lle ver todas as cualidades que antes lle víamos e mesmo temos ganas de que a deixen de valorar outras persoas. Todo isto tamén é unha forma de desamor. Evidentemente, a relación cambia, diminúe ou desaparece a complicidade e a intimidade, tamén se deteriora a confianza. Todo isto pódese reparar, ou deixar paso a unha relación de simple respecto dende a distancia ou a unha rutura definitiva, todo depende do que sentiramos cando sucedeu "ese algo" que fixo que relación cambiara.

Todo isto é o desamor... moito menos agradábel que o amor pero moito menos lesivo que o odio, só que ás veces, o desamor sucede despois do amor e outras veces non se dá ata que pasa un tempo no que predominan os sentimentos de odio.

E iso é todo o que vos queríamos comentar. Esperamos que vos sexa útil e, por suposto, tamén divertido.