Existen gran cantidade de emocións dierentes. Para comprendelas mellor, podémolas, "agrupar", tendo en conta que algunha son máis "básicas" ou máis "primarias" e, polo tanto, poden englobar a outras. Neste sentido, adóitanse considerar máis básicas: a ledicia, a tristura, o medo, o enfado e o desgusto, e hai quen engade tamén a sorpresa.
Tamén son emocións, por exemplo, o xúbilo, o entusiasmo, a euforia, a vergoña, a confusión, a ira, a rabia, a ansiedade, a nostalxia, a amargura, o aburrimento... e unha chea delas. Pero todas estas, pola súa vez, producen ao remate algunha das básicas. Iso si, debido ao seu carácter subxectivo, pódense relacionar con elas de diferente maneira segundo quen as sinta. Por exemplo, a unha persoa, a vergoña pódelle causar desgusto, a outra pódelle causar enfado e a outra mesmo ledicia... Todo isto é perfectamente posible.
Igual que sentimos emocións diferentes e de xeitos diversos, tamén utilizamos xeitos distintos para as expresar... e facémolo máis ou menos claramente, e tamén máis ou menos intensamente. Así, hai persoas ás que "se lles nota" moi ben cando están ledas, ou desgustadas, ou enfadadas... Adóitase dicir delas que son moi expresivas. Tamén hai xente que se sente con frecuencia "moi leda", ou "moi enfadada", ou "moi triste"... trátase de persoas "de emocións de gran intensidade", comunmente utilízase o termo "moi apaixonada" para falar desta cualidade. En calquera caso, cando sentimos unha emoción forte, notamos cambios físicos (coma cóxegas, encrespamento do pelo, tensión ou relaxamento dos músculos do corpo) e, sobre todo, o cambio do estado de ánimo... a partir de aquí, o pensamento permite que saibamos de que emoción se trata.
Como nos damos de conta do que senten as outras persoas? Pois moitas veces porque o din... outras veces porque o expresan con xestos, posturas, etc., outras veces porque "non están coma sempre", ou "non fan o mesmo ca sempre", ou "non fan as cousas da mesma maneira que normalmente"... Observástedes isto algunha vez? Seguro que si! En calquera caso, ás persoas menos expresivas nótaselles moito menos, mesmo algunhas veces non nos é posible sabelo.
En todo isto hai unha cuestión moi importante, que cómpre termos en conta: moitas veces temos dificultades para identificar as emocións doutras peroas, especialmente se as coñecemos pouco, porque utilizan maneiras menos convencionais de exteriorizalas. Así, por exemplo, hai costume de entender que cando unha persoa chora é porque sente tristura ou desgusto, non? Sen embargo, non é tan raro que alguén chore cun enfado e mesmo coa ledicia, verdade? Tampouco é moi infrecuente que "lle dea a risa" se está moi "nerviosa", ou se ten medo, a pesar de que se entende que a risa expresa outras cousas.
Estes convencionalismos veñen dados por unha serie de "normas sociais", que probabelmente están relacionadas coas nosas primeiras capacidades de expresión: de bebés, rimos cando sentimos pracer e choramos cando sentimos dispracer ou dor... pero, se o pensamos ben, isto non tería por que quedar así establecido, ou non imos sentindo cousas cada vez máis complexas? Pois, do mesmo xeito, podemos ilas expresando de maneira cada vez máis complexas tamén, de feito xa o facemos, só nos queda considerar que son boas e lexítimas, porque saber o que sentimos e poder expresalo é beneficioso para a nosa saúde e para o noso benestar, aínda que o fagamos usando formas menos convencionais. Probabelmente, se nos afixéramos a expresar todo isto á nosa maneira, tamén "admitiríamos" a maneira que ten de facelo o resto da xente, e acabaríamos por considerar normais todo este tipo de expresións.
Mentres tanto, as normas "obrígannos" a facer cousas ben curiosas e, por certo, ás veces, ben pouco saudábeis. Fixádevos, por exemplo: é moito máis frecuente ver chorar a unha muller que a un home, non? Ben, pois aínda supoñendo que o pranto sexa expresión de tristura (que non ten por que selo), podémonos preguntar: é que os homes non están tristes nunca, ou é que non o expresan así?, como o expresan entón? Porque está claro que chorar desafoga, non? Ou non nos alivia cando o facemos? Imaxinades o que pasaría se, de súpeto, se prohibise chorar?! Pois algo así é o que pasa na práctica, as "normas" acaban por permitir ou prohibir toda unha serie de cousas, na medida en que, se nos afastamos delas, parece que non se nos acepta tan ben como se as seguimos. É certo que sentirnos aceptadas e valoradas polas demais é fundamental para nós... pero se para isto nos temos que rexer por normas que nos poden causar prexuízos, non credes que pagaría a pena tentar que isto cambiase? non sería mellor que nos aceptasen polo que somos e non polo que poidamos facer nun momento dado? credes que paga a pena intentalo?