As persoas temos capacidade para saber o que sentimos...

 

Hoxe en día hai algunhas discusións sobre os posibles sentimentos de determinadas especies animais... hai quen di que as condutas destes expresan moitas veces algo moi semellante ao que nós coñecemos como sentimentos e mesmo emocións. Tamén hai quen non está de acrodo. Por iso non podemos afirmar categoricamente que só as persoas temos capacidade para sentir. Sen embargo, podemos dicir que somos os únicos animais que temos a capacidade de saber o que sentimos... e mesmo cara a quen o sentimos e, ás veces, por que o sentimos..., e todo isto ninguén o dubida.

Partindo desta base, preguntámonos... utilizamos con moita frecuencia esta capacidade?, porque, claro está, as capacidades desenvólvense na medida en que se exercitan e se utilizan. Por exemplo, se unha persoa non falou nunca con ninguén, é difícil que desenvolva a súa capacidade para falar, aínda que a teña... É máis, se conversa moi pouquiñas veces e con moi pouca xente, é probábel que desenvolva esta capacidade moito menos que se se comunica con frecuencia e con xente variada. Para falar do desenvolvemento das nosas capacidades vale calquera exemplo. En xeral, podemos dicir que as capacidades son unha especie de "atributos potenciais" que se poden desenvolver máis ou menos dependendo do que se utilicen... e sentir, máis concretamente saber o que sentimos, é unha destas capacidades.

Sobre estas cousas tamén hai diversas teorías e, por suposto, bastante debate. Pero nós querémosvos propoñer aquí algunhas cuestións de carácter xeral, que cremos que vos poden axudar a situar os voso sentires, porque saber estas cousas pode ser gratificante... e mesmo divertido... probamos?... veña!