A anticoncepción hormonal de emerxencia, tamén chamada "pílula poscoital" ou "pílula do día seguinte", pódese utiliza para previr o embarazo cando se produciu unha práctica erótica ou situación con posibilidades de embarazo (penetración vaxinal pene-vaxina sen utilizar un método anticonceptivo, por rotura ou retención do preservativo, se se esquece a toma da pílula máis aló de 12 horas na primeira semana, etc.).
A pílula só debe ser tomada, como o seu nome indica, en situacións de emerxencia. Isto é así por varios motivos, entre eles porque non é 100% eficaz, non reduce as posibilidades de transmisión de infeccións de transmisión sexual, produce alteracións hormonais, e porque ao tomala con frecuencia, o organismo dará respostas menos efectivas (como se se acostumara ás altas doses hormonais) e, consecuentemente, haberá máis posibilidades de embarazo.
Preséntase en envases dunha pastilla e no mercado exsiten dúas opcións:
- Unha pílula que é un preparado a base de proxestáxeno que pode tomarse ata as 72 horas. A súa eficacia é maior canto ante se tome (mellor nas primeiras 24 horas).
Hoxe en día dispénsase pola Seguridade Social (de forma gratuíta en Galicia nalgúns Centros de orientación familiar (COF) e nalgúns Puntos de Atención Continuada (PAC)) e nas farmacias (sen necesidade de receita médica abonando o seu custe).
- Unha pílula que contén acetato de ulipristal e que pode tomarse ata pasados os 5 días. A súa eficacia é maior canto antes se tome (mellor nas primeiras 24 horas).
Hoxe en día véndese nas farmacias sen necesidade de receita médica abonando o seu custe.
Uso
É imprescindible tomar a dose tan pronto sexa posible, preferiblemente dentro das primeiras 12 horas e sempre antes das 72 horas ou 5 días (dependendo da pílula) seguintes á situación que se valora con posibilidades de embarazo, porque cada 12 horas que pasan, aumentan as posibilidades de embarazo.
É importante que saber que:
* Se quen a toma ten trousos, vómitos, antes de que pasen tres horas dende a toma da pílula, pódese tomar outra (dun envase novo), sempre e cando se estea dentro da marxe de 72 horas/5 días dende a situación con posibilidades de embarazo.
* Se quen a toma ten trousos continuados e/ou diarrea importante no momento de tomar a anticoncepción de emerxencia, debe consultar o tema no Centro de orientación familiar ou no Centro de saúde/médico que teña de referencia, xa que se pode ver comprometida a súa efectividade, aumentando as posibilidades de embarazo.
* É moi importante non esquecer nunca que a anticoncepción de emerxencia só protexe fronte ao embarazo. Isto quere dicir que NON protexe ante as situacións nas que pode haber a posibilidade de que se transmita unha infección de transmisión sexual.
* Frecuentemente non ten efectos secundarios importantes, só leves e pasaxeiros, se os hai. Pero pode consultarse previamente ou lelos no prospecto da pílula.
* Non ten un 100% de eficacia e o risco de fallo dependerá do día do ciclo e das horas transcorridas dende a situación con posibilidade de embarazo.
* NON é abortiva, nin afecta a un embarazo xa existente (a proxesterona é a hormona da gravidez).