Uso
Ten unha eficacia dun 99,9% e custa entre 2 e 12 euros (valor aproximado).
Comezas a tomar a pílula o primeiro día da regra e, a partir de aí, tomas unha diaria (que convén que sexa sempre nun mesmo momento do día), ata completar os 21 días. Logo descansas 7 días e volves a comezar outro envase. Nalgún momento dentro deses 7 días terás unha hemorraxia que, aparentemente, é coma unha regra, aínda que algo menos abundante.
Algunhas marcas dispoñen de envases de 28 pílulas, en lugar de 21, pero só hai 21 activas (con hormonas), as 7 restantes son placebos (non levan hormona ningunha) e adoitan ser doutra cor, para que non te confundas. Neste caso, en lugar de descansar os 7 días, debes tomar unha pílula das doutra cor cada un destes días –durante os cales terás igualmente a hemorraxia da que che falábamos antes– e logo comezar o novo envase sen descansar.
É importante que saibas que:
- Debes comezar a tomar as pílulas do novo envase, aínda que esteas coa hemorraxia.
- Se esqueces unha pílula activa, debes tomala en canto te acordes, incluso se iso supón tomar dúas xuntas. Se pasan máis de 12 horas, a eficacia pode verse afectada, co que é recomendable acudir a un Centro 'Quérote Máis' ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se esqueces dúas ou máis pílulas activas, debes desbotar as que non tomaches e continuar coa que che corresponda ata rematar o envase, pero é importante que comeces a utilizar un método de barreira (condón, por exemplo), e que acudas a un Centro de Asesoramento Afectivo-Sexual ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se tes vómitos e diarreas antes de que pasen 2 horas dende a toma, debes tomar unha nova pílula canto antes. Se pasan máis de 12 horas antes desta toma, a eficacia pode verse afectada, co que é recomendable acudir a un Centro de Asesoramento Afectivo-Sexual, ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se tes trousos e/ou diarreas severas durante máis de 24 horas, debes suspender a toma das pílulas, comezar o uso do condón e acudir a un Centro de Asesoramento Afetivo-Sexual ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se estás tomando algún tipo de fármaco (antibióticos, anticonvulsionantes, herba de San Xoán, etc.) debes informar ao teu/túa médico/a, pois algunhas medicinas poden interferir na eficacia da pastilla e viceversa.