Consello anticonceptivo


Para garantir a elección libre do método é preciso dispor da máxima información sobre todos os que están ao noso alcance, normas de uso, posibles efectos secundarios, controis e prezo. Cómpre individualizar sempre a elección, partindo de que non hai un método universal, que sirva exactamente igual para todo o mundo. A decisión pola escolla do método debe ser sempre tomada en conxunto e a responsabilidade pola súa utilización é da parella.

Cadaquén terá que avaliar as vantaxes e desvantaxes de cada método respecto dos outros, haberá que ver cal é o máis axeitado ao estilo de vida propio e ao estado da saúde, sen esquecer que eses condicionantes poden cambiar no tempo, precisando daquela un novo consello.

En principio, se es unha persoa sá, debes saber que poderás utilizar calquera método. Pero ten en conta que, se tes algún problema de saúde, se estás tomando algún tratamento médico ou se recentemente padeceches algunha enfermidade debes consultar sempre no teu Centro de asesoramento afectivo-sexual ou no teu Centro de Orientación Familiar, porque algúns métodos, sobre todo os hormonais e os intrauterinos, teñen as súas contraindicacións.