Infección polo virus do papiloma humano


Coñecemos arestora máis de 130 tipos distintos de papilomavirus, algúns deles moi importantes polo seu potencial oncoxénico: producen cancro de colo do útero (cérvix), de pel, de vaxina, de vulva, de ano e de pene. A maioría só producen verrugas. É a ETS máis frecuente, entre as causadas por virus: uns 270 millóns de mulleres no mundo; 15 millóns na Unión Europea; e en España hai entre 700.000 e 1.400.000 mulleres infectadas, das cales teñen verrugas xenitais (condilomas), aproximadamente medio millón.

A transmisión é sexual e ocorre no 70% dos coitos sen protección con persoas infectadas, pero tamén se pode transmitir por contacto da pel dos xenitais ou mesmo autotransmitirse, multiplicándose as verrugas.

A maior frecuencia é entre a mocidade (de 20 a 24 anos), sendo as e os adolescentes a poboación de máximo risco.

A infección por VPH ten varias fases, logo da transmision:

  • Fase de incubación dos virus que, polo regular, pasa desapercibida. Pode durar entre 3 semanas e 8 meses. Nesta fase non hai síntomas pero xa pode transmitirse.
  • Fase na que aparecen as lesións típicas, sexan visibles (condilomas ou pápulas) ou non. Cando non son visíbeis fálase de infección subclínica e é moi frecuente. As lesións só poden ser detectadas na consulta, pero a enfermidade é igualmente transmisible.
  • Fase tardía, sexa con síntomas permanentes, sen síntomas ou con recorrencias.

Ten longas fases sen síntomas nin lesións visíbeis, pero contaxiosas. A ausencia de lesións (verrugas, pápulas) visíbeis nos xenitais non exclúe a infección nin a transmisión dos virus. As lesións visibles características son os condilomas, verrugas ou espullas que saen na pel e nas mucosas vaxinal e ano-rectal, illadas ou en piñas. Tamén poden ser como pequenas elevacións planas na pel (pápulas).

As lesións subclínicas son as máis perigosas, pola súa relación directa co cancro, en especial o de cérvix (colo do útero). Todas as mulleres precisan facer un estudo periódico para saber se as células desa zona do útero son normais ou están afectadas polo VPH. A proba é a citoloxía vaxinal, e cómpre facela como mínimo cada tres anos, atá cumpridos os 70. Saber se hai virus alterando xa as células, saber se é un papiloma canceríxeno, permite actuar cando o tratamento é sinxelo e eficaz, evitando a progresión desas lesións invisíbeis ao cancro propiamante dito.

Os síntomas clínicos son case exclusivamente femininos: proído e ardentía, con ou sen condilomas, na vulva, na vaxina, no perineo e na área perianal; leucorrea (exceso de fluxo vaxinal); sangrado despois do coito (coitorraxia); ou dor no coito (dispareunia).z

O VPH tamén pode producir cancros menos comúns có de cérvix: os de vulva, de vaxina, de ano e de pene. Outra vía de transmisión dos papilomas son as relacións buco-xenitais, con risco de verrugas na boca e na gorxa.

Hoxe en día non hai tratamento que mate os virus de ADN, como os papilomas. Tanto os medicamentos como a cirurxía tentan eliminar as lesións e as súas consecuencias, diminuír a carga viral para axudar as defensas celulares a eliminar os virus restantes e controlar as repeticións (recidivas). É unha infección que vai durar toda a vida e que pode recidivar en calquera momento e en calquera parte dos xenitais.

Para eliminar as verrugas e condilomas recéitanse líquidos e cremas. Tamén se poden cauterizar co bisturí eléctrico, por conxelación, con láser ou eliminalas con cirurxía. Tamén se utilizan os medicamentos potenciadores das defensas e, ás veces, substancias anticancerosas. O tipo de tratamento depende do tipo de lesións e da súa localización.

Tamén che convén saber que xa existen varias vacinas contra os VPH máis perigosos e que disporemos delas nun futuro inmediato.