De ónde saíu o VIH

A orixe do VIH foi un tema que deu lugar a moita polémica, na medida en que a súa aparición e propagación fora un fenómeno súbito e desenvolvido nun período de tempo moi curto… Despois de moitos debates, aceptouse como explicación máis plausible que se trate dunha derivación dalgún virus que afecta os simios, virus que por outra parte son semellantes aos que afectan as persoas.
Por outra parte, é coñecida a existencia dunha serie de costumes moi estendidos en certas tribos da África Central, que consisten en inxectar sangue de monos ás persoas, na busca do rexuvenecemento. Polo tanto, sería lóxico pensar que a orixe da propagación se poida situar nesta rexión.

Unha vez infectada unha persoa nalgún destes lugares, o seu paso ó mundo urbano e a súa difusión pódese explicar a través dos movementos demográficos que tiveron lugar nese continente a partires da descolonización: loitas tribais (entre unhas tribos e outras), persecución política, etc., que obrigaron a moita xente a abandoar os seus lugares de orixe e trasladárense a outros países, rexións e mesmo continentes, fenómeno este que non se producira en ningún momento anterior.

Por outra parte, comezaron as campañas de vacinación masiva e a loita contra infeccións de transmisión sexual, que non sempre se facían con xiringas dun só uso ou convintemente esterilizadas, o cal puido facilitar a extensión da infección. A partir deste xermolo de propagación, a mobilidade social propia da década dos 80 (extensión do turismo, emigración, etc.), o cambio nos costumes sexuais, a comercialización do sangue e os seus derivados, a maior utilización en medicina de tratamentos endovenosos e o ritual de compartir xiringas entre as persoas usuarias de drogas por vía intravenosa, explicarían a extensión do virus polo resto do mundo.