¿Qué efectos produce o VIH-SIDA na persoa?


Agora xa sabemos cales son as células afectadas polo VIH. Para entender as repercusións que ten a súa afectación, debemos coñecer o papel que xogan no noso organismo. O sistema inmunitario está formado por un conxunto de células que defenden o organismo diante da presenza de calquera axente estrano. Así, se no corpo entra un axente deste tipo (microorganismo, substancia química allea, etc.), ou se desenvolve no seu interior algún proceso igualmente estrano (un tumor, por exemplo), as células do sistema inmune póñense en funcionamento e tentan destruílo, cousa que conseguen por si soas moitas veces. Pero aínda que isto non sexa así e a persoa afectada precise de axuda médica, o sistema inmune fai unha boa parte deste "traballo" de defensa, que facilita moito a curación da enfermidade.

As células do sistema inmunitario son de varios tipos e cada unha delas cumpre unha función. Así, hai células que actúan inmediatamente, coma os macrófagos, que "comen" o axente estrano, sexa cal sexa este, e outras que se poñen en funcionamento un pouco máis tarde, porque precisan saber de que clase de axente se trata para o combatelo mellor. Estas células chámanse linfocitos e tamén poden ser de varios tipos: os linfocitos T, que coordinan a resposta inmunitaria, permitindo que comece e remate a tempo, e que se produza coa intensidade necesaria, e os linfocitos B, que fabrican unhas substancias chamadas anticorpos, para neutralizar o axente estrano. Dentro dos linfocitos T están os chamados linfocitos CD4, que se encargan de poñer en marcha a resposta inmune e de que esta teña a intensidade suficiente. Estes linfocitos son os que resultan máis afectados polo VIH, de maneira que, cando isto sucede, a persoa vai quedando sen capacidade para se defender. Por isto, calquera axente externo que entre no organismo non recibe a resposta axeitada e remata por producir unha enfermidade grave. Por exemplo, calquera microorganismo dos que causan enfermidades comúns e leves, que ás veces nin siquera chegan a producirse como tales, convértese nunha enfermidade moi grave se a persoa non ten as defensas necesarias para o destruír… e falamos de procesos coma a gripe, as infeccións por fungos, etc.