¿Cómo se pode infectar unha persoa?


As persoas só nos podemos infectar, é dicir, o VIH só pode entrar no noso corpo, procedente doutra persoa que xa estea infectada ou enferma. Como vimos anteriormente, as persoas que están infectadas polo VIH ou enfermas da SIDA teñen os virus no seu sangue e tamén nalgúns dos seus líquidos corporais. Dentro destes, teñen importancia na transmisión dos fluídos xenitais (seme dos homes e secreción vaxinal das mulleres) e o leite materno. Polo tanto, podémonos infectar cando o sangue ou o fluído xenital dunha persoa infectada entra en contacto co noso sangue ou con algunhas das nosas células.

* A través de certos contactos sexuais feitos sen protección:

  • As prácticas coitais, é dicir, con penetración, sexa esta anal ou vaxinal. Neste tipo de prácticas, o VIH dos fluídos xenitais pode atravesar a mucosa da vaxina ou do ano (as mucosas, que son as capas de recubremento que tapizan os condutos do interior do corpo e os seus orificios de entrada, poden ser atravesadas polo virus). Así mesmo, as mucosas son menos resistentes que a pel e, polo tanto, é máis frecuente que se produzan pequenas rozaduras e erosións, que facilitan a entrada… aínda que non nos decatemos de que as temos, porque non doen nin molestan, nin emiten a cantidade de sangue necesario para que o poidamos ver. Por outra parte, hai maior superficie de contacto na vaxina que no pene (a mucosa da vaxina ten máis superficie que a pel do pene)… Pola súa vez, as mulleres, durante a menstruación, teñen no útero unha chea de pequenos vasos sanguíneos abertos (están sangrando), o cal facilita a infección. Mesmo nos días anteriores e posteriores á regra hai algúns vasos rotos. Polo tanto, non fai falla estar nos días de maior sangrado para que poida haber contacto entre o seme e o sangue… Así que xa vedes o importante que é protexerse…
  • As prácticas de sexo oral, na medida en que o VIH, procedente do fluído xenital, pode atravesar a mucosa da boca. Así mesmo, isto facilítao a posibilidade de que exista algunha erosión nos labios ou na boca, que tampouco ten que ser visible nin dolorosa.


En todas as demais prácticas sexuais (bicos, caricias e agarimos de todo tipo, etc.) non hai contacto entre o virus e a persoa que non está infectada… polo tanto non teñen risco ningún.

* A través dalgún obxecto que estivo en contacto co sangue dunha persoa infectada e entra en contacto co sangue doutra:

  • Neste sentido, o caso máis frecuente hoxe en día é o das xiringas que se comparten para a administración de certas drogas. Así, unha persoa que usa drogas mediante a inxección nunha vea pode transmitir o virus ou infectarse con el, só no caso de que comparta a xiringa con outras. Esta infección prodúcese a través do sangue que queda na xiringa e na agulla despois da inxección.
  • Outra posibilidade é a de infectarse por compartir obxectos de uso persoal que poidan producir sangue co seu uso. Por exemplo, follas para afeitar, ou, xa moito menos, cepillos de dentes. Este tipo de contacto é moito menos importante que o anterior, xa que é moito menos frecuente que se produzan lesións e, sobre todo, porque é raro que se compartan este tipo de obxectos. De feito, as persoas estamos habituadas a non compartilos. Sen embargo, debemos sinalar a importancia que están a adquirir hoxe en día prácticas coma a das tatuaxes e o piercing, que supoñen a utilización de agullas coas que se atravesa a pel e que, en consecuencia, se non se desbotan unha vez utilizadas ou non se esterilizan convenientemente, poderían servir de vehículo para a entrada do virus.
  • Os obxectos de uso sanitario, como bisturís, tesouras, xiringas, etc. non afectan hoxe en día ás persoas usuarias dos servizos de saúde, porque, ou ben son dun só uso (desbótanse despois de utilizalos), ou son rigorosamente esterilizados e comprobados antes de volvelos a usar. Polo tanto, hoxe en día non existe este risco nos países desenvolvidos, como é o caso do noso.
  • Por último, hai anos, producíronse algunhas infeccións a través de transfusións de sangue ou dalgún dos seus derivados, nun primeiro momento porque non se coñecía o necesario sobre o virus como para podelo detectar e despois porque non se realizaban os controis das persoas doadoras. Sen embargo, a partir de 1985, o sangue que se doa é convenientemente analizado mediante probas que permiten detectar o VIH e outros axentes infecciosos que se poderían transmitir cando se fai unha transfusión ou se preparan produtos derivados.

* Transmisión vertical: consiste na infección dun fillo ou filla dunha muller infectada, durante o embarazo, o parto ou a lactación, se a nai lle dá o peito. Neste sentido:

  • Existe a posibilidade de que se transmita durante o embarazo, por pasar o virus do sangue da nai ao feto, a través da placenta.
  • Outra posibilidade é a de transmisión durante o parto, debido a que o sangue que se produce (hemorraxia do parto), pode entrar en contacto co sangue da nena ou do neno a través dalgunha pequena rozadura que teña, ou a través dalgunha mucosa.
  • A terceira e última posibilidade é a de infección a través do leite materno, porque este é un dos fluídos corporais nos que está o VIH.
  • Todos os demais contactos entre unha nai infectada e o seu fillo ou filla (bicos, caricias e agarimos, coidados hixiénicos, etc.), non
  • teñen risco ningún.

Polo tanto, a transmisión do VIH só é posible a través das vías que estivemos comentando, e de máis ningunha. Isto quere dicir que todas as cousas que perdamos de facer cada día, pensando que poden ter risco son só iso… cousas que perdemos de facer… pero non por iso estamos máis protexidas.