Infección producida polos Virus Herpes Simple tipo 2 (VHS-2) e polo tipo 1 (VHS-1), sendo os humanos o hóspede/reservorio único. É unha das ETS máis espalladas e a primeira causa de úlcera xenital nos países desenvolvidos. Porén, pode darse o herpe "silencioso", que non se padece (non produce enfermidade con síntomas), pero si se transmite mesmo durante anos.
Poden transmitirse nas prácticas xenital–xenital (VHS-2) ou oral-xenital (VHS-1), polo contacto con lesións na pel, mucosas ou secrecións, moitas veces descoñecidas.
É máis diagnosticado en mulleres (80% dos casos) que en homes (20% dos casos). Hai centos de millóns de persoas infectadas nos países desenvolvidos: estímanse unhas 5 transmisións por mil habitantes cada ano.
A infección polo VHS-1 ocorre decotío na infancia e pode repetirse moitas veces. Aparecen as típicas vexiguiñas nos beizos, que logo rebentan para formarse unha postela na ferida. Tamén saen na boca ou son chagas de comezo.
O transmisión do VHS-2 prodúcese nos períodos de actividade sexual. A muller inféctase no 80% dos casos de relación sen protección cun home que padeza esta enfermidade.
O herpes xenital pode ser inicial, cando é o primeiro episodio da enfermidade. A incubación do virus prodúcese nun período que vai dende os 2 aos 20 días. O promedio de días de incubación é de 7 e os síntomas son:
- Saen pequenas bochas agrupadas, que doen e duran entre 10 e 12 días. Logo rebentan, deixando úlceras que cicatrizan ás dúas semanas. Pódese notar perda de sensibilidade, ardentía e proído días antes de aparecer as bochas. Hai inflamación dos ganglios das éngoas, dor ao mexar, febre, dor de cabeza e malestar xeral. No herpes rectal prodúcese dor, constipado e mucosidade.
- No home, as lesións van estar no pene (no talo ou no glande), ou na zona darredor do ano, no ano mesmo e no recto.
- Na muller saen na vulva, na vaxina, no perineo, no colo do útero, nas nádegas, na zona do ano e no recto.
- Con prácticas buco-xenitais, prodúcese a infección na gorxa (farinxite herpética).
Chámanse Herpe Xenital Recurrente aqueles episodios que se producen despois do inicial e ten as seguintes características:
- Aparece no 90% de casos de VHS-2, dentro do primeiro ano de transmisión.
- Pode repetir de 4 a 8 veces ao ano (o número varía en cada persoa).
- As recorrencias duran de 7 a 10 días e afectan menos fóra dos xenitais.
O tratamento faise con medicamentos antivirais.No embarazo, o Herpe xenital precisa control estrito. É rara a transmisión na xestación pero frecuente no parto: entre o 50 e o 60% das nenas e nenos fillos dunha muller con herpes xenital contáxianse durante o parto, morrendo a metade deles. Para evitalo, se o herpes está activo, débese facer unha cesárea.