Hepatite B


Dos cinco virus coñecidos da Hepatite: A, B, C, D, e E, só o da B (VHB), é claramente transmitido polo contacto das mucosas vaxinal, anal e bucal, con sangue ou secrecións da persoa infectada. Precisa, pois, relacións sexuais desprotexidas ou convivencia moi íntima. Tamén se transmite na xestación, no parto e nos días seguintes a este, da nai ao recén nacido.

O contacto directo sangue-sangue é a vía máis perigosa. As normas que controlan as transfusións impiden esta vía, que nun principio foi a maioritaria.

Compartir xiringas sen esterilizar entre usuarios de drogas é unha práctica de altísimo risco. A exposición a outros obxectos cortantes ou punzantes infectados (agullas e bisturís, follas de barbear, instrumental médico, agullas de tatuaxe) tamén é moi perigosa.

A OMS calculaba entre 200 e 300 millóns de persoas portadoras do VHB a finais do século XX. O 30% das persoas enfermas van morrer de cirrose ou de cancro de fígado.

Logo dunha incubación de 50 a 150 días, comeza a fase de enfermidade, que se manifesta con anorexia, fatiga, malestar, bascas e trousos, dor nas articulacións, músculos e cabeza, fotofobia, tos… ao cabo de 1 ou 2 semanas aparece a ictericia, mellorando os síntomas xerais. O fígado medra, doendo no lado dereito do abdome. Entre 2 e 12 semanas despois, desaparecen as molestias. Esta hepatite aguda cronifícase nun 5 ou 10% dos casos. O resto curan sen consecuencias.

Non hai tratamento específico que elimine o virus, só podemos aliviar os síntomas. A vacinación das persoas con risco é definitiva.

Os individuos que son portadores sans do VHB pódense identificar facilmente cunha análise de sangue que fan no Centro de Saúde.

O VHA contáxiase por vía oral-fecal (auga, comida, intimidade, sexo). Igual que para o VHB, existe unha vacina, pero non tratamento contra o virus.

O VHC transmítese polo sangue, como o VHB, pero non está claro se tamén se transmite por vía sexual, así que cómpre utilizar protección nas relacións, mentres non se desbote por completo esta vía.