Doenzas xeradas por parásitos externos


ETS provocadas por parásitos externos son a pediculose e a sarna.

Pediculose, causada por uns insectos chamados Phithirius pubis, coñecidos como piollos patos (ladillas en español). Aliméntase do sangue da persoa infectada. Cada espécime vive de 3 a 4 semanas.

  • A transmisión é sempre por contacto sexual, producíndose no 95% das relacións. A transmisión por roupa ou obxectos non é creíble.
  • Afecta sobre todo á mocidade, especialmente ás mozas, sendo o proído o síntoma principal. As roeduras deixan manchas escuras na pel.
  • Tanto os insectos como os ovos pegados ás raíces dos pelos son visíbeis.
  • Elimínanse con locións ou champús parasiticidas.

Sarna ou roña, producida polo arador da sarna, o Sarcoptes scabiei. A femia vive baixo da pel humana, excavando túneis onde deixa os ovos. Cada espécime vive arredor de 4 semanas.

  • A transmisión require contactos prolongados, polo xeral sexuais, aínda que poden ser doutro tipo. Tamén se pode transmitir pola roupa, aínda que isto é máis raro.
  • É máis frecuente nos homes. Produce un proído cada vez máis intenso, e poden verse os regos que fan baixo a pel.
  • Afecta sobre todo a pel con pregues: pulsos, cóbados, membranas interdixitais, éngoas, axilas e xenitais.
  • Cúrase con locións específicas.