Non hai unanimidade en se é ou non é unha ETS. É unha infección da vulva, da vaxina ou do pene, causada por fungos. Son vexetais do xénero Candida, polo que tamén son chamadas Candidiases. Son contaminantes habituais dos xenitais e os únicos que non escorrenta o pH acedo da vaxina. Isto permite que poidan estar presentes, e mesmo ser transmitidos, sen dar molestia ningunha.
Afectan case sempre a muller e case nunca o home. O 75% das mulleres terán un episodio de vulvo-vaxinite fúnxica (con síntomas) e un 50% destas terán un segundo episodio.
Ten dous mecanismos de transmisión: endóxeno (interno), debido a cambios no ecosistema vaxinal (50-90% dos casos), e exóxeno (externo), por contacto sexual (10-50 % dos casos).
A candidiase vulvo-vaxinal ten unha clínica aguda, con intenso proído e ardentía dos xenitais; leucorrea (exceso de fluxo branco) máis ou menos abondosa, como requeixo, disuria (dor ao mexar), ardor vulvar cos ouriños, e dispareunia (dor no coito).
O tratamento das formas simples é sinxelo e eficaz. Cando é recidivante precisa control e tratamento axeitado e pode ser moi molesta.
Só debe tratarse á parella se ten sítomas: grans vermellos ou brancos, proído, fendas ou peladuras na mucosa do pene.