Os testículos


testiculosSon dous órganos de forma ovoide e aplanada, que penduran da parte baixa do abdome, entre ambas as dúas éngoas. Miden aproximadamente 4 centímetros de longo, por 2,5 de ancho, e pesan entre 10 e 15 gramos cada un.

Están envoltos polas chamadas bolsas escrotais, separados entre si por un tabique interescrotal (formado polo mesmo tecido cá bolsa) e cubertos pola pel do escroto, que é grosa e lixeiramente engurrada.

Se cortamos un testículo pola metade, de arriba abaixo, podemos observar que no seu interior hai diversos elementos.

Unha capa máis externa, chamada túnica albuxínea, que é febrosa e que constitúe unha especie de codia protectora. Esta capa emite prolongacións cara ao interior, que dividen o testículo en compartimentos, agás pola parte de atrás.

Dentro de cada un destes compartimentos están os túbulos seminíferos, que son uns tubiños estreitiños e, tan longos, que teñen que estar pregados para colleren dentro da cavidade. Isto dalle un aspecto semellante ao dun ovelo.

Se collemos un destes túbulos e o cortamos transversalmente, podemos observar, en primeiro lugar, que esta sección é redonda, e está lixeiramente deformada por un lado. Podemos ver tamén que o túbulo está formado por unha parede delgadiña e que o seu interior está "recheo" por gran cantidade de células:

* Por un lado, hai moitísimos espermatozoides en distintos estadíos de maduración: espermatogonias, espermatocitos primarios, espermatocitos secundarios, espermátides, espermatozoos e espermatozoides, que se atopan xa na parte máis interna do túbulo, preparados para saír.
* Por outro lado, as células de Sertoli, que teñen a función de proporcionar nutrición aos espermatozoides e aos seus precursores.
* Por último, están as chamadas células intersticiais, que se aloxan nesa pequena "deformación" da parede do túbulo da que falábamos anteriormente. Estas células son as que fabrican testosterona (hormona sexual masculina), estimuladas pola FSH da hipófise.
  • Sobre os esperamtozoides