Os condutos dos testículos integran os chamados condutos rectos: a rede de Haller, os condutiños eferentes e o epidídimo.
- Condutos rectos: Son a continuación dos túbulos seminíferos. Son lisos e sen pregamentos e atravesan o espazo que deixan libre os septos da túnica albuxínea. A súa función é conducir espermatozoides.
- Rede de Haller: É una estrutura formada por unha serie de túbulos que se entrecruzan formando un plexo ou rede, que ocupan o espazo común da parte posterior do testículo, libre dos septos da túnica albuxínea. Constitúen o seguinte tramo do camiño de condución dos espermatozoides.
- Condutiños eferentes: Proceden da confluencia dos tubos da rede de Haller e son lisos. Saen do testículo e conflúen todos na cabeza do epidídimo.
- Epidídimo: É unha estrutura medianamente voluminosa, pegada á parede posterior do testículo. Ten tres partes: cabeza, corpo e cola. O interior do epidídimo é oco, formando un conduto que, na primeira parte (cabeza), é sinuoso. Ao longo do corpo discorre un canaliño tamén sinuoso, resultado da confluencia dos condutiños eferentes. Na cola, este canalículo é algo máis liso que no corpo e, finalmente o dito conduto sae polo seu extremo, dando lugar a unha canle máis ou menos lisa: o conduto deferente.