O pene


É o órgano máis distal e externo do aparato xenital do home. Está situado na parte máis baixa do abdome, da que pendura por diante, e no medio de ambos os dous testículos.

A súa función xenital é a penetración na vaxina e o verquido do seme no seu interior. A súa función urinaria é a eliminación dos ouriños... e a súa función sexual é a obtención de pracer por diversos tipos de estimulación... (ver o apartado sobre sexualidade).

Visto por fóra, o pene é unha estrutura cilíndrica e blanda, cuberta por pel grosa e rugosa, que forma un fondo pregamento no seu extremo (o prepucio), que cubre totalmente unha zona máis abultada có resto, con forma de pirámide, chamada glande.

O seu interior está formado por dous corpos cavernosos, situados na parte de diante e un corpo esponxoso, situado na parte de atrás, polo interior do cal discorre o último tramo da uretra.

Os corpos cavernosos están formados por tecido eréctil (que tamén existe no corpo esponxoso), constituído por unha serie de cavernas rodeadas por unha parede de tecido conectivo. Durante a erección (provocada pola acción de nervios involuntarios), estas cavernas énchense de sangue, as válvulas pechan, impedindo o refluxo e, por este motivo, o pene aumenta de lonxitude e de volume e faise moito máis consistente. O prepucio estira completamente, así coma o resto da pel do pene, deixando o glande ao aire. Todo isto ten por obxecto que poida entrar na vaxina sen dificultade.

Rematado o estímulo que provocou a erección, o cal adoita suceder despois da exaculación (tamén provocada por estímulos nerviosos involuntarios), as válvulas ábrense, os corpos cavernosos e os esponxosos baleiranse de sangue e o pene volve a adoptar o seu tamaño e consistencia habituais.

A erección prodúcese por unha serie de estímulos directos sobre o pene ou outras partes do corpo (zonas eróxenas), a través de tocamentos, caricias, masaxes ou lambetadas, pero tamén se pode producir por estimulación indirecta (unha imaxe, un recordo, un soño...). Cando isto se produce durante o soño, cousa bastante habitual por outra parte, pode chegar a haber unha exaculación (polución nocturna), sen que o home se entere, ou sen lembrar nada cando esperta.