As glándulas accesorias


O conxunto de glándulas accesorias compóñenas as vesículas seminais, as glándulas prostáticas e as glándulas de Cowper ou glándulas bulboureterais.

* Vesículas seminais:
Están situadas entre a parte inferior da vexiga e detrás da próstata. Teñen forma alongada e o seu diámetro maior é de aproximadamente 5 centímetros. Do seu extremo sae un conduto que se xunta co conduto deferente.

Segregan un composto de consistencia líquida (o seme), que verquen a través do seu conduto, que se xunta cos espermatozoides chegados polo conduto deferente, comezando a formarse o esperma. A función desta segregación é a de proporcionarlles un vehículo líquido aos espermatozoides, para que circulen mellor e, ao tempo, para lles achegar elementos de nutrición.

Se non houbese espermatozoides, cousa que ocorre en caso de ter practicada unha vasectomía (ou no caso de ter problemas no testículo), o seme prodúcese igual e a exaculación ten lugar nos mesmos termos, obtendo igualmente todo o pracer sexual. Unicamente non se pode producir a fecundación.


* Glándulas prostáticas:
A próstata é unha glándula de forma ovoide, bastante voluminosa, situada por debaixo da vexiga dos ouriños e atravesada pola uretra e polo conduto exaculador, que desemboca no seu propio interior.

No seu interior están as glándulas prostáticas, formadas por unha serie de unidades secretoras con cadanseu condutiño de secreción. Estes condutos verquen o seu contido na uretra prostática, contido que se mestura co procedente do conduto exaculador, incorporándose ao esperma.

A estimulación directa da próstata, a través do ano, produce unha exaculación.


* Glándulas de Cowper ou glándulas bulboureterais:
Están situadas no chamado diafragma uroxenital, na cara inferior da próstata. Os seus condutos verquen a súa segregación na uretra membranosa, incorporándose ao esperma, que adquire así a súa composición definitiva.

Algunhas veces, as glándulas de Cowper segregan o seu contido á uretra, que o evacúa cara ao exterior sen máis compostos. Esta especie de exaculación falsa, que se produce sen sensación ningunha por parte do home, pode arrastrar algúns espermatozoides que quedasen no caño (de exaculacións anteriores). Por iso hai que ter coidado nas prácticas sexuais sen protección, xa que este líquido, ás veces, abonda para producir un embarazo.