Son dous órganos aplanados, de forma ovalada, que están situados a ambos os dous lados do abdome. En condicións normais son pequenos e a súa superficie está formada por unha chea de vesiculiñas moi pequenas (aproximadamente dúascentas mil en cada un).
Están suxeitos ao útero e a outros puntos do abdome por unha serie de ligamentos, para que se manteñan no seu sitio.
Os ovarios maduran e comezan a funcionar como tales a partir da puberdade que, no noso caso, se pode producir en calquera momento a partir dos 11 anos, aínda que tamén se pode adiantar un pouco. De feito, noutros lugares do mundo prodúcese bastante antes, aos 7 ou 8 anos en determinados países. Unha vez que comezan a funcionar, mantéñense activos durante moito tempo, concretamente ata o chamado climaterio (coloquialmente menopausia), que adoita suceder entre os 45 e os 55 anos. Desde ese momento, cesan as súas funcións e vanse atrofiando pouco a pouco.
Durante o seu período activo, os ovarios compren dúas funcións: a maduración dos óvulos, que son as células que poden ser fecundadas, dando lugar á xestación dun novo ser humano; e a produción de hormonas (estróxenos e proxesterona).