O útero

utero

É un órgano que está situado na parte central do aparato xenital interno, coincidindo coa parte central do abdome. Tén forma de pera, coa parte ancha cara arriba e, non habendo xestación, mide aproximadamente 7 ou 8 centímetros de alto, 5 de ancho, na parte superior, e uns 2,5 centímetros de groso.Está fortemente suxeito ás paredes do abdome e á parte interior dos ósos da cadeira por unha serie de ligamentos, para que se manteña no seu sitio sen moverse.

Ten tres partes:

  • O fondo ou fundus, que é a parte máis ancha e superior. Nos dous extremos do fundus, que se chaman cornos do útero, insírense as trompas de Falopio.
  • O corpo, que é a parte máis voluminosa, comeza no remate do fundus e é máis ancho na súa parte superior que na inferior.
  • O colo ou cérvix, que é máis estreito e está situado na parte inferior. O seu extremo introdúcese na parte superior da vaxina.

Se cortamos o útero ao longo, pola metade, podemos ver que, a pesares de ser oco, case non ten espazo interior, e está formado por tres capas de tecido diferentes:

  • Unha capa delgadiña e máis externa, chamada perimetrio, que recubre todo o útero, agás o cérvix, e tamén os ligamentos de suxeizón.
  • Unha capa grosa, muscular, chamada miometrio, formada por tres capas de músculo superpostas. Esta capa é moi elástica, o que permite que o útero vaia estirando ao longo da xestación.
  • Unha capa interna, chamada endometrio, con dúas zonas ben diferenciadas: unha capa máis superficial, que tapiza toda a superficie interna do útero, chamada endometrio funcional, que se desprende ao remate de cada ciclo, dando lugar á menstruación (coloquialmente a regra); outra capa situada inmediatamente por baixo do endometrio funcional, chamada endometrio basal, que é quen de rexerar a funcional cada vez que esta se desprende.

O oco do interior do útero ten a forma dun triángulo, coa base na parte superior, que ocupa todo o corpo do útero. Pola súa vez, o cérvix está percorrido de arriba cara abaixo por unha especie de canle estreita (canle cervical), cun orificio na parte superior, que comunica co espazo interno do corpo do útero (orificio cervical interno ) e outro na parte inferior, que comunica co interior da vaxina (orificio cervical externo ). Tanto a canle coma ambos os dous orificios están prácticamente pechados habitualmente, en primeiro lugar porque son moi estreitos e en segundo lugar porque están recheos por unha especie de tapón de moco (moco cervical).

O moco cervical constitúe unha barreira que nos protexe contra as infeccións ou a entrada doutros axentes extranos. Pero é importante que saibas que o moco cervical se disolve e os orificios anchean un pouco cando se produce a ovulación, para permitir o ascenso dos espermatozoides e facilitar a fecundación. Tamén desaparece cando se produce a regra e, por suposto, durante o parto, no que se agranda enormemente toda a canle para permitir o paso do feto.

A función do útero é a xestación, permitindo a implantación do embrión e o seu desenvolvemento e maduración, así coma a súa expulsión ao remate do proceso, grazas ás fortes contraccións do miometrio.