A vaxina


É un conduto ou canle moi elástico, situado na parte inferior do útero, co cal comunica polo seu extremo superior, e co exterior polo extremo inferior. Esta situada por detrás da uretra e por diante do recto e do ano.
A posición da vaxina non é exactamente vertical, senón que se dirixe lixeiramente cara atrás (quere isto dicir que o seu extremo superior está máis recuada có seu extremo inferior).

A lonxitude da vaxina é de aproximadamente 8-9 centímetros na parte posterior e de 6-7 centrímetros pola parte dianteira, debido ao espazo ocupado polo extremo do cérvix do útero, que se introduce nela oblicuamente.

O orificio vaxinal externo, situado entre o orificio da uretra e o ano, está semipechado por unha membrana fina chamada hime (coloquialmente virgo). Esta membrana ten unha ou varias perforacións, que permiten a saída do fluxo menstrual e doutras segregacións vaxinais, e adoita de rachar na primeira relación coital, aínda que pode romper antes disto, ou simplemente estar tan aberta que non racha coa entrada do pene.

Por outra parte, na parede da vaxina, especialmente na súa parte inferior e no chamado vestíbulo vaxinal, hai unha serie de glándulas (glándulas de Bartholin, glándulas parauretrais, etc.), que segregan distintos líquidos (fluxo vaxinal), que cumpren dúas funcións:

  • Protexer o interior da vaxina ante a entrada de axentes estraños: na medida en que este fluxo é ácido, pode destruír moitos microorganismos perxudiciais.
  • Actuar como lubricante nas relacións coitais, facilitando a entrada e os movementos do pene.

As funcións da vaxina son:

  • O coito, que consiste na introdución do pene e os movementos deste no seu interior.
  • A vía de saída do fluxo menstrual (regra).
  • O último tramo da canle do parto, para a saída do feto ao exterior.