O clítoris


O clítoris é un órgano que está situado na parte de diante da vulva, xusto onde comezan os labios menores. En realidade, desde fóra só se aprecia unha especie de pequena boliña, situada xusto entre ambos os dous extremos dos labios menores (glande do clítoris), e prendida por unha especie de pequeno talo (corpo do clítoris), de maneira que esta boliña posúe unha certa mobilidade.

clitoris

Pero, en realidade, o clítoris é moito máis grande, na medida en que a maior parte do seu volume está oculto tras a pel. Así, a ambos os dous lados do corpo, hai dúas estruturas longas, que se dirixen cara atrás, e que se van estreitando progresivamente ata rematar en dous extremos puntiagudos, máis ou menos á altura do orificio de entrada da vaxina (cruz do clítoris). Pola súa vez, na parte de atrás do corpo do clítoris hai outra estrutura que se prolonga tamén cara atrás, neste caso pola parte de dentro (cola do clítoris), que chega ata moi perto da parede anterior da vaxina.

O clítoris é un órgano eréctil (igual que o pene dos homes). Isto quere dicir que cando se estimula directamente o glande, cando se toca, se acaricia, se lambe ou se masaxea, ou ben cando a persoa está excitada sexualmente, énchese de sangue e aumenta de volume e de consistencia, faise máis grande e máis duro. Ademais, ten unha chea de terminacións nerviosas que fan del unha das principais zonas eróxenas na muller. Isto quere dicir que a estimulación do clítoris, por sí soa, pode lograr unha resposta sexual completa, ata chegar ao orgasmo e á súa resolución. De feito, moitas mulleres alcanzan o orgasmo máis pola estimulación do clítoris que polo coito.

Por outra parte, a cola do clítoris pode ser estimulada a través da vaxina, por exemplo introducindo os dedos, ou o pene ou un vibrador e, cando se estimula convenientemente, xera un gran pracer e mesmo pode producir tamén un orgasmo. Esta zona da vaxina, que está situada na parte de diante, máis ou menos cara á metade, dase en chamar punto G.

clitorisI