A superficie dos ovarios está formada por milleiros de vesiculiñas moi pequeniñas, cada unha destas vesiculiñas ou bolsiñas, ás que chamamos folículos primarios, está envolta por unha capa ou parede, formada por moitas células pegadas entre si, e está chea dun líquido (líquido folicular) no cal fica mergullada unha célula (oocito primario). En condicións normais, os folículos primarios son todos idénticos.
A maduración dun folículo primario ten lugar grazas á acción dunha hormona que fabrica a glándula hipófise (unha glándula moi pequeniña, coa forma e tamaño dun chícharo, que pendura da parte inferior do cerebro). Esta hormona é a FSH (siglas de Hormona Folículo Estimulante, en inglés) e chega ata o ovario a través do sangue (como todas as hormonas). Unha vez alí, actúa sobre un calquera dos folículos primarios dos ovarios, ao chou, e provoca que este comece a madurar.
Neste proceso de maduración suceden varias cousas á vez. Por un lado, o oocito primario comeza o seu proceso de preparación para poder ser fecundado, dividíndose a través dunha meiose, para quedar coma unha célula de 23 cromosomas (en lugar de 23 pares), o cal lle permite unirse co espermatozoide do home (que tamén ten 23 cromosomas), para formar unha célula de 23 pares, como todas as da especie humana.
Por outro lado, as células que forman a cuberta ou parede do folículo comezan a dividirse, dispoñéndose en dúas capas superpostas: a capa externa (teca externa) e a capa interna (teca interna), e as células da teca interna comezan a fabricar unha hormona da familia dos estróxenos, que se vai acumulando no líquido folicular o cal, loxicamente, aumenta de volume. Temos, pouco a pouco, un folículo cada vez máis grande, cun oocito en proceso de maduración e con cantidade de estróxenos acumulados.
Este proceso, que dura arredor de dúas semanas (aínda que pode haber grandes variacións sempre en condicións normais), remata cando a maduración do folículo primario está completa, dando lugar a un folículo maduro ou folículo de Graff. Neste momento, a parede celular rebenta e o oocito maduro (óvulo) queda liberado, sendo sucionado pola trompa de Falopio, que o empurra cara ao seu interior grazas a unhas velosidades que hai na súa parede, que se moven como se barresen. O óvulo é util para ser fecundado durante aproximadamente tres días, a partir da súa liberación no ovario. Se neste tempo non sucede a fecundación, xa non vale e é desbotado polo organismo.
Pola súa vez, o líquido folicular cheo de estróxenos, absórveno os capilares, pasando a incorporarse ao sangue, o que fai que aumente moito a concentración de estróxenos nela. Desta maneira, as hormonas chegan aos lugares onde realizan as súas funcións, que son as seguintes:
- Avisan á hipófise para que deixe de enviar ao sangue FSH, porque o folículo xa está maduro.
- Provocan que a mesma hipófise envíe outra hormona distinta, chamada LH (hormona lúteinizante)
- Producen un aumento do tamaño das trompas de Falopio, e o movemento das velosidades que empurran o óvulo.
- Producen un aumento do tamaño do útero e tamén dos condutos das glándulas mamarias.
Así, a LH que comeza a enviar a hipófise, volve chegar ata o ovario a través do sangue, estimulándoo para que, no lugar onde estivo situado o folículo que ven de romper, se formen unhas células novas, voluminosas, que fabrican e envían ao sangue outra hormona, chamada proxesterona. Este conxunto de células forman unha masa avultada, de cor amarelo, que se chama corpo lúteo, ou corpo amarelo (de aí o nome da hormona).
Pola súa vez, a proxesterona que hai no sangue comeza a facer os seus efectos:
- Produce un aumento de grosor da capa funcional do endometrio do útero, no que se multiplican os vasos sanguíneos, preparando así a implantación do embrión, no caso de que se tivese fecundado un óvulo.
- Completa a preparación das glándulas mamarias para unha posible secreción de leite.
- Impide que se produza unha nova ovulación, por iso se utiliza a proxesterona como anticonceptivo.
Finalmente, se non se produce a fecundación do óvulo, o corpo lúteo comeza a cambiar, dando lugar ao corpo branco, que xa non libera proxesterona, diminuíndo a súa cantidade no sangue ata que chega un momento no que deixa de cumprir a súas funcións e, así, despréndese o endometrio funcional, dando lugar á hemorraxia menstrual, menstruación ou regra, comezando un novo ciclo.
Consideramos, polo tanto, que cada ciclo completo vai desde o primeiro día da regra ata o día anterior á regra seguinte, ambos os dous incluídos, e dura aproximadamente 28 días, aínda que se poden producir variacións absolutamente normais, de maneira que hai mulleres que teñen os ciclos de 26 días, outras de 29 ou 30, etc. Mesmo ocorre que hai casos nos que os ciclos teñen sempre a mesma duración e outros nos que hai diferenzas de un ou dous días entre un ciclo e outro.
Nos primeiros meses dende a menarquia (primeira regra), ás veces, prodúcense ciclos moi irregulares en canto á súa duración. Isto é completamente normal e máis frecuente canto máis noviña sexa a moza, e é debido á falta de maduración total dos órganos implicados. Así, pouco a pouco, vanse regularizando os períodos, ata que chega un momento en que se estabilizan de xeito definitivo.