A pel


A pel adoita ser considerada como un órgano. Trátase dunha capa que recobre a parte exterior de todo o corpo, para protexelo, pero tamén para facilitar a relación do noso corpo co medio que nos rodea e con outras persoas.

Tamén hai outro tipo de envolturas, chamadas mucosas, que recobren os orificios e os condutos naturais: a boca, o tubo dixestivo e respiratorio, a vaxina, etc. Son semellantes á pel, con algunhas diferenzas, por exemplo, as mucosas están permanentemente húmidas, non teñen pelo e tampouco teñen queratina.

A pel e as mucosas están cheas de terminacións nerviosas sensitivas. Hai millóns e millóns de terminacións deste tipo, que reciben o contacto dos elementos do medio exterior (aire, auga, obxectos, outros seres vivos...) e conducen os estímulos que supón este contacto ata o cerebro... é o sentido do tacto, que nos permite relacionarnos con todo aquilo que tocamos ou que nos toca, e experimentar as sensacións que isto produce.

As sensacións táctiles infórmannos sobre a temperatura, humidade, presión e textura das cousas, e poden ser agradables ou desagradables. Por exemplo, adoita resultarnos agradable e pracenteiro sentirmos un roce lixeiro de algo quentiño, suave e esbaradizo; pola súa vez, adoita resultarnos desagradable o roce brusco ou forte de algo demasiado frío, ou demasiado áspero... imaxina a diferenza que hai entre unha caricia e unha raspadura cun papel de lixa... ou entre un baño quentiño e un anaco de xeo esbarando polo teu lombo abaixo, sobre todo se tes frío...

Pois ben, cando ti mesma ou alguén que a ti che apeteza che fai caricias, ou masaxes, ou che dá lambetadas, ou bicos, prodúcese unha sensación moi pracenteira e, se o fai en determinadas zonas da pel, ou nalgunhas das mucosas (vaxina, clítoris e, ás veces, ano) pódeche producir unha certa excitación, que te leva a querer máis e máis estimulación... até podes ter un orgasmo...

Por iso podemos considerar a pel coma un órgano que intervén no exercicio da sexualidade.