As zonas eróxenas


zonasChamámoslle zonas eróxenas a aquelas partes do corpo que son máis sensibles á estimulación. Isto quere dicir que tocándoas, acariciándoas, lambéndoas ou masaxeándoas se produce unha sensación pracenteira moi agradable, e mesmo a excitación sexual e o orgasmo.

Non resulta doado delimitar estas zonas do corpo dun xeito estándar, porque cada persoa ten os seus puntos máis sensibles e, neste sentido, é diferente das demais... por iso é tan importante o coñecemento do propio corpo... para que poidas descubrir cales son as túas zonas sensibles.

Sen embargo, tentaremos de aproximar algo máis esta cuestión, para que poidas ter unha orientación...

Tanto nas mulleres coma nos homes, a pel de todo o corpo dispón de terminacións nerviosas que permiten a obtención de pracer. Polo tanto, as caricias, bicos, lambetadas ou masaxes sobre a pel de calquera parte adoitan resultar moi agradables.

En xeral, podemos dicir que hai algunhas zonas da pel ás que case todo o mundo é especialmente sensible.

Así, tanto ás mulleres coma aos homes resúltalles moi pracenteira:

  • A estimulación de zonas da cara, coma as pálpebras ou os beizos.
  • As orellas
  • O pescozo, especialmente as partes laterais, pero tamén a parte de diante e a de atrás
  • Os ombreiros
  • A parte superior e a liña central do lombo
  • As mamas, especialmente os pezóns e o espazo entre as mamas
  • A parte de diante e os lados da cintura
  • A zona do embigo e a liña alba
  • As éngoas
  • A zona púbica e xenital

Nas mulleres, toda a vulva:
  • Labios maiores e menores
  • A entrada e o interior da vaxina (especialmente a parede de diante, onde está o "punto G")
  • O clítoris (prepucio e cruz)
  • A zona perianal (arredor do ano)
  • A entrada e o interior do ano

Nos homes:
  • O pene, sobre todo o prepucio, pero tamén o corpo e a base
  • A zona dos testículos
  • A zona perineal (entre os testículos e o ano)
  • A entrada e o interior do ano
  • As nádegas
  • A cara interna das coxas, máis intensamente canto máis arriba.

Porén, debes saber que hai persoas especialmente sensibles en determinadas zonas que, convintemente estimuladas, provocan cóxegas... e isto pódelles gustar ou non gustar, así que debes ter en conta o que a túa compañeira ou compañeiro che diga sobre isto, para actuar en consecuencia... Tamén pode haber persoas ás que non lle guste, ou mesmo lles resulte desagradable que as estimulen nalgunha destas zonas ou ben pode non lles apetecer nun determinado momento, e isto tamén o debes ter en conta porque, como xa saberás, nas relacións sexuais é fundamental o respecto pola outra persoa, e tamén por ti mesma ou mesmo, así que, cada vez que teñas unha relación sexual, debes ter en conta que a túa compañeira ou compañeiro e ti tedes dereito a elixir o que vos gusta e vos apetece en cada momento.

Non teñas medo en expresar o que che apetece a ti, nin de preguntarlle á túa parella o que lle apetece a ela...