Diccionario de termos
A
Aborto:
Interrupción do embarazo, que se pode producir de forma espontánea ou provocada (interrupción voluntaria do embarazo: ver IVE)
Amenorrea:
Ausencia de menstruación (regra), temporal ou permanente.
Anel vaxinal:
Método anticonceptivo consistente nun anel moi flexible que contén hormonas (estróxenos e proxestáxenos). Introdúcese na vaxina e colócase na súa parte superior, onde se deixa estar durante tres semanas.
Anticoncepción:
Control da natalidade por diversos métodos, con obxecto de evitar que se produza un embarazo non desexado.
Azoospermia:
Ausencia de espermatozoides no seme.
B
Bisexual:
Persoa que se sente atraída eróticamente por persoas de ambos os dous sexos.
C
Canle cervical:
Conduto que percorre o interior do colo do útero. É moi estreito e habitualmente está taponado por unha substancia semellante ao moco, agás nos días da ovulación, durante a regra e no momento do parto.
Cérvix ou colo do útero:
Zona máis estreita do útero, situado na parte inferior deste, que o comunica coa vaxina.
Chancro:
Lesión ulcerosa que pode ser ou non dolorosa. Acompáñase dun ganglio inflamado situado perto do chancro.
Chancroide:
Infección de transmisión sexual (ITS) causada pola bacteria Haemophilus drucreyi. É máis propia de países tropicais ou en vías de desenvolvemento, a súa transmisión ocorre por contactos xenitais sen protección.
Ciclo menstrual:
Período comprendido entre o primeiro día da regra e o día anterior á regra seguinte, ambos os dous incluídos. A súa duración depende de cada persoa, pero o habitual é que teña unha duración entre 25 e 35 días. (ver tamén menstruación)
Cisexual:
Persoa cuxa identidade sexual é coincidente coa que lle foi socialmente asignada ao nacer en base aos seus xenitais.
Citoloxía
Proba diagnóstica tamén chamada “test de Papanicolau” que consiste en analizar as células do colo do útero e da vaxina, e que permite determinar a existencia de lesións precursoras do cancro de colo de útero ou do propio cancro de colo de útero. A Sociedade Española de Ginecología y Obstetricia (SEGO) recomenda facer unha primeira citoloxía aos 20 anos ou, no caso de ter relacións de penetración, no momento do seu inicio. Posteriormente será o persoal médico quen indique a súa periodicidade.
Clamidiase:
Infección de transmisión sexual causada por unha bacteria chamada Chlamydia trachomatis. É altamente transmisible a través de prácticas oráis, anais e vaxinais, é mais común en persoas novas, sendo máis frecuente en persoas con vulva (colo do útero, recto ou gorxa) tamén pode infectar a persoas con pene (uretra, recto ou gorxa) sempre que se teñan relacións sen protección.. Cando se detecta hai que tratala con antibióticos, tanto para a persoa afectada coma para as súas parellas sexuais dos 60 días anteriores.
Climaterio:
Período da vida das persoas que se caracteriza por unha serie de cambios no organismo producido polo cese (ou diminución) de actividade das glándulas sexuais (testículos e ovarios). A súa duración é variable, e pode estenderse entre 4 e 5 anos. Afecta a ambos sexos aínda que de xeito diferenciado, polo que está asociado á menopausa (momento da última menstruación) e a andropausa. En ambos casos é un proceso que afecta a capacidade de reproducirse, e que vai acompañado de cambios corporais (atrofias de útero, sequidade vaxinal, diminución do desexo erótico, dificultade nas ereccións, etc) máis cambios psicolóxicos e emocionais.
Clítore:
Órgano xenital, situado na parte de diante de vulva, xusto onde comezan os labios menores, formado por tecido eréctil. Desde fóra só se aprecia o seu glande e o corpo, porque a súa meirande parte (corpos cavernosos e bulbos) están no interior da vulva. Extremadamente sensíbel, é importantísimo na sexualidade das persoas con vulva. De feito, moitas só chegan ao orgasmo a través da súa estimulación.
CMV (Citomegalovirus)
Infección producida por Citomegalovirus, da familia dos herpes. Está moi estendida e non é grave, agás en persoas inmunodeprimidas (sen defensas) ou durante a xestación. As vías de transmisión son o contacto directo con fluídos corporais dunha persoa infectada (saliva, fluídos xenitais, etc) Non ten tratamento específico.
Coito:
Práctica erótica que consiste na introdución do pene na vaxina (coito vaxinal), ou no ano (coito anal).
Colo do útero:
(Ver cérvix)
Condutos deferentes:
Canles longas e estreitas que saen dos testículos, pasan polas éngoas, introdúcense no abdome e rematan na parte de atrás da próstata, ao se xuntar co conduto seminal, para formar o conduto exaculador, que se introduce nesta. A súa función é a de conducir os espermatozoides ata dito conduto exaculador, onde continúan o seu traxecto mesturados co seme. A ligadura dos condutos deferentes ao seu paso polas éngoas (vasectomía), impide o tránsito dos espermatozoides e, en consecuencia, o embarazo.
Corpo (do útero):
Parte máis voluminosa do útero, situada na súa parte superior. É o lugar onde se implanta, se aloxa e se desenvolve o embarazo.
Corpos cavernosos:
Son dúas estruturas cilíndricas de tecido eréctil que se atopan no pene e mais no clítoris. Cando se produce a excitación sexual énchense de sangue, as válvulas que hai na súa base pechan e isto fai que se produza unha erección. No caso do pene, esa erección permitirá unha penetración, e no caso do clítoris favorece a súa sensibilidade e estimulación.
Criptorquidia:
É unha alteración debido á cal os testículos (un ou os dous) fican no abdome, en lugar de descender para situarse na bolsa escrotal, que permanece baleira. Corríxese cirúrxicamente sen maiores problemas.
Cunnilingus:
Estimulación da vulva (clítoris, entrada da vaxina, e labios) coa boca e coa lingua.
D
Diafragma:
Método anticonceptivo de barreira que consiste nunha carapucha redonda e con forma de cúpula, relativamente grosa e flexible, que se coloca na parte superior da vaxina, tapando o extremo inferior do colo do útero. É conveniente untalo cunha crema espermicida.
Dismenorrea:
Menstruación (regra) dolorosa. Pode ser causada por endometriose (ver endometriose).
Dispareunia:
Dor durante o coito vaxinal.
DIU (Dispositivo Intrauterino):
Método anticonceptivo que consiste nun trebello que se insire no interior do útero por persoal médico, sendo efectivos durante varios anos desde a súa colocación. Existen varios tipos de dispositivos e a súa duración varía segundo o tipo e modelo.
E
Embarazo:
Proceso de desenvolvemento de un ou máis ovos (óvulo/s fecundado/s), que vai desde a súa implantación no interior do útero ata o momento do parto. Dura 40 semanas aproximadamente (uns nove meses) e ten dúas fases: o período embrionario (tres primeiros meses) e o período fetal (seis últimos meses).
Embrión:
Nome que recibe un organismo en período de desenvolvemento. Na especie humana, o embrión é o organismo que se desenvolve durante os tres primeiros meses do embarazo. Durante este período, o embrión vai diferenciando e configuarndos os distintos órganos e sistemas.
Endometrio:
Tecido que tapiza o interior da cavidade uterina, no que se implanta a mórula (ver mórula). Está formado por dúas capas: a basal e a funcional. Esta última, máis superficial e moi vascularizada, prepárase en cada ciclo para a antedita implantación (embarazo) e, se non se produce, remata por desprenderse, eliminándose o seu contido pola vaxina, cara ao exterior, dando lugar á regra.
Endometriose:
É unha enfermidade que ocorre cando o endometrio medra fóra do útero, noutros órganos coma nos ovarios, nas trompas de Falopio, detrás do útero, nos intestinos, na vexiga, etc. Non se coñece a súa causa. Os seus síntomas adoitan ser dor pélvica, menstruacións moi dolorosas, fatiga crónica, sangrados entre períodos, síntomas dixestivos, etc. Non ten cura, pero existen tratamentos para algúns síntomas.
Epididimo:
Estrutura relativamente voluminosa e alongada que está situada na parte posterior do testículo. Consta de cabeza, corpo e cola. No seu interior conflúen os condutiños eferentes, que conducen os espermatozoides. Polo extremo da súa cola sae o conduto deferente..
Erección:
Endurecemento do pene ou do clítoris debido á afluencia de sangue aos xenitais durante a excitación sexual. Así, os ditos órganos énchense de sangue, que queda "atrapado" no seu interior ao pecharen unhas válvulas que hai na súa base, o cal provoca o seu aumento de tamaño e endurecemento.
Escroto:
Bolsa que recobre e protexe os testículos.
Esmegma:
Substancia de cor branca e formada por residuos das secrecións do pene. Cómpre retirala na hixiene diaria porque pode conter bacterias e é responsable do mal olor e sabor dos xenitais.
Espasmo vaxinal:
Contracción involuntaria dos músculos da parede da vaxina, que se produce en ocasións, no decurso dunha práctica erótica, dificultando ou mesmo impedindo a penetración.
Esperma:
Seme. Substancia formada polo líquido seminal e os espermatozoides, que se expulsa ao exterior a través da uretra na exaculación.
Espermatozoide:
Célula que se madura nos testículos, forma parte do seme e é responsable da fecundación do óvulo.
Espermicida:
Método anticonceptivo de base química, que se presenta en forma de crema ou de óvulos e que destrúe os espermatozoides. Por si só é un método moi pouco fiable, pero aumenta a efectividade doutros métodos, como o diafragma ou a esponxa, por iso se suxire o seu uso combinado con estes.
Esponxa vaxinal:
Método anticonceptivo de barreira que consiste nun disco de esponxa relativamente groso, que se introduce na vaxina, previamente empapado nunha crema espermicida. Conta cun cordón para facilitar a súa extracción. Ten baixa efectividade.
Estróxeno:
Hormona feminizante que se produce nos ovarios a partires da menarquia (primeira menstruación). As súas funcións son: o desenvolvemento dos caracteres sexuais secundarios (desenvolvemento das mamas, do pelo púbico, ensanche das cadeiras), e a preparación do aparato reprodutor para a posible fecundación dun óvulo, en cada ciclo.
ETS (Enfermidade de Transmisión Sexual): Ver ITS
Excitación:
Fase da resposta sexual na que se produce un aumento progresivo da tensión sexual e do pracer que esta leva aparellado, a través da estimulación das zonas eróxenas.
Exaculación:
Expulsión do seme polo burato da uretra. Esta expulsión pode ter lugar no momento do orgasmo, ou ben noutros momentos (ver polucións nocturnas). Algunhas persoas con vulva tamén exaculan, neste caso durante o orgasmo, expulsando un líquido de aspecto semellante ao do seme, pero con diferente composición e sen espermatozoides.
F
Fecundación:
Unión do espermatozoide co óvulo.
Felación:
Práctica erótica que consiste na estimulación do pene co emprego da boca e da lingua.
Feto:
Na especie humana, o feto é o organismo que se desenvolve durante os seis últimos meses embarazo. O desenvolvemento do feto consiste na maduración e crecemento dos órganos e sistemas, ata o punto de facer posible a vida autónoma fóra do útero materno.
Fimose:
Estreitez do prego da pel do prepucio, que non permite a saída do glande e, polo tanto, dificulta ou mesmo chega a impedir a erección. Non é grave, e corríxese a través dunha sinxela operación cirúrxica, con anestesia local.
Fluxo vaxinal:
Substancia líquida segregada polas glándulas da vaxina, que a protexe fronte a infeccións e que facilita a práctica da penetración proporcionando lubricación.
Fondo (do útero):
Parte superior do corpo do útero. É a zona máis ancha e nos seus extremos dereito e esquerdo, chamados cornos do útero, é onde se insiren as Trompas de Falopio.
G
Giardiose:
Enfermidade transmitida polo parasito Giardia lamblia. Produce diarreas e mala absorción intestinal. As persoas infectadas pódena transmitir durante meses e a práctica sexual a través da que máis se transmite é o coito anal.
Glande:
Extremo ou punta do pene. Ten forma piramidal. Na base ten un pequeno ensanche en forma de anel e no vértice está o orificio da uretra.
Glándulas de Cowper:
Están situadas no diafragma uroxenital, na cara inferior da próstata, verten a súa segregación na uretra membranosa para darlle ao esperma a súa composición definitiva. Tamén reciben o nome de glándulas bulbouretrais.
Gónadas:
Glándulas produtoras de gametos ou células sexuais que reciben o nome de testículos e ovarios.
Gonorrea:
Infección de transmisión sexual tamén chamada gonococcia, blenorraxia ou purgacións. Está causada pola bacteria Neisseria gonorrhoede, que se transmite a través de prácticas coitais (vaxinais ou anais) e de prácticas buco-xentitais (sexo oral). Produce uretrite e tamén vaxinite. Nas prácticas buco-xenitais pode producir farinxite. O seu tratamento é sinxelo pero, se non se trata convenientemente, pode producir complicacións importantes.
Granuloma Inguinal:
Infección de transmisión sexual producida pola bacteria Calymmatobacterium granulomatis, propia de países tropicais e subtropicais.
H
Hepatite B: (VHB)
Infección de transmisión sexual que consiste nunha inflamación aguda do fígado, causada polo virus VHB. Causa cansazo, astenia, febre, ictericia, etc. Non hai tratamento específico para o VHB, pero si que existe unha vacina altamente efectiva. As súas vías de transmisión son través do contacto co sangue ou outros fluídos corporais dunha persoa infectada (seme, saliva, etc), a través de contacto sen protección cos xenitais e os seus fluídos, ou por utilización compartida de utensilios intravenosos para as drogas (xeringas); tamén hai transmisión vertical (de nai a fillo/a no embarazo).
Herpes xenital:
Infección de transmisión sexual producida polo virus Herpes simple tipo 2 (VHS-2) e polo Herpes simple tipo 1 (VHS-1). Trátase dun virus exclusivamente humano. Transmítese a través das prácticas coitais, buco-xenitais e por contacto coas lesións da pel. Aparecen grupiños de bochas (no pene, na vaxina, na vulva, nas nádegas...), que doen e que rebentan despois duns días. Existe tratamento antiviral específico.
Heterosexualidade:
Desexo erótico dirixido cara a persoas do outro sexo.
Hime:
Estrutura membranosa, fina e elástica que protexe a entrada vaxinal. Ten función soamente protectora da vaxina, e pode estar presente dende o nacemento ou non. Co tempo e a maduración dos xenitais esta estrutura pode ir reabsorbéndose en maior ou menor medida. Pode ser máis ou menos fibrosa e polo tanto máis ou menos elástica, polo que pode rachar coa introdución de algo dentro da vaxina producindo un pequeno sangrado. Está relacionada co mito da virxindade.
Homosexualidade:
Desexo erótico dirixido cara a persoas do mesmo sexo.
I
I.I.U (Implante Intra Uterino):
Tipo de DIU (Dispositivo Intra Uterino), que consiste nunha restra de pequenos cilindros de cobre suxeitos por un fío, que se implanta no músculo do fondo uterino.
Implantes subdérmicos:
Son como unha especie de barriñas moi delgadas feitas de hormonas, que se colocan na cara interna do brazo, cunha previa anestesia local e unha breve intervención cirúrxica. É un dos métodos máis seguros que existen cunha eficacia dun 99,9% na prevención dun embarazo. A súa duración activa vai dende os 3 ata os 5 anos dependendo do tipo, pero pode retirarse no momento que se desexe.
Impotencia:
Dificultade que consiste na incapacidade de obter ou manter unha erección do pene o suficientemente firme que permita a realización dun coito.
Intercepción postcoital:
Ver tratamento postcoital: pílula postcoital.
IVE (Interrupción Voluntaria do Embarazo):
Interrupción do embarazo (tamén chamado aborto) practicado por decisión da muller embarazada. Sempre se debe realizar por persoal médico e pódense utilizar métodos cirúrxicos ou farmacolóxicos (pílula abortiva).
É decisión libre nun prazo de 14 semanas para as persoas maiores de idade, no caso de persoas menores de idade necesitan o consentimento do/a representante legal.
Inxección anticonceptiva:
Método anticonceptivo hormonal que consiste na administración dunha inxección que inhibe a ovulación. Existen dous tipos: a inxección mensual, que leva estróxenos e proxestáxenos, e a inxección trimestral, que leva só proxestáxenos. En calquera dos dous casos a fiabilidade é moi alta.
ITS (Infección de transmisión sexual):
Infección que se transmite habitualmente e maioritariamente polo contacto cos fluídos xenitais ou pel perixenital dunha persoa infectada ou portadora.
L
Labios maiores:
Grosos pregos da pel, recheos de graxa, que están situados a ambos os dous lados da vulva, desde a parte de diante ata a de atrás, para protexer esta zona.
Labios menores:
Pregos da pel delgados, situados debaixo dos labios maiores e que se encargan de protexer a entrada da vaxina e o clítoris.
Látex:
Material que se emprega na fabricación de preservativos (condóns)
Lesbianismo:
Nome que recibe a orientación do desexo de mulleres que se senten atraídas cara outras mulleres.
Libido:
Desexo erótico que moviliza o impulso da busca e encontro íntimo coa persoa desexada.
Ligadura de Trompas:
Metódo anticonceptivo cirúrxico para as persoas con útero. Consiste en seccionar e atar os extremos das Trompas de Falopio, evitando así que o espermatozoide poida atoparse co óvulo e fecundalo.
Liña alba:
Rexión de forma alongada e estreita situada na liña media da cara anterior do abdome. Distínguese ben porque ten unha cor máis clara có resto da pel, e isto faise especialmente evidente ao longo do embarazo, onde por mor do incremento de actividade hormonal, pode escurecerse notablemente. Tamén se denomina liña de Hunter.
M
Mamas:
Son dúas glándulas situadas na parte ántero-superior do tórax, a ambos os dous lados da liña media. As mamas masculinas non están desenvolvidas e as femininas medran e maduran a partires da puberdade, formando dúas prominencias de tamaño variábel. No seu cumio, central, hai unha zona rugosa e máis escura chamada areola, no centro da cal se atopa un pequeno promontorio máis escuro aínda chamadomamila. A súa función e fabricar e segregar leite durante o embarazo e o período de lactancia. Tamén son zonas eróxenas altamente sensíbeis.
Marcha atrás:
Tamén chamada Coitus interruptus. Método anticonceptivo natural de moi baixa fiabilidade que consiste en retirar o pene da vaxina xusto antes de que se produza a exaculación.
Masturbación:
Estimulación das zonas eróxenas e xenitais a través de caricias, masaxes, bicos ou lambetadas, que pode producir un alto grao de pracer podendo desencadear a resposta orgásmica Pódea levar a cabo unha persoa consigo mesma ou cunha parella.
M.E.L.A.:
Método anticonceptivo natural (Método Lactancia Amenorrea). Mentres se manteña a lactancia exclusiva e non haxa sangrados vaxinais, poden pasar 6 meses sen ovular de xeito natural. A súa efectividade é alta, pero diminúe cando se reduce o número de tomas pola bebé ou o bebé.
Menopausia:
Época da vida na que se deixan de ter menstruacións porque os ovarios deixan de producir estróxeno e proxesterona. Considérase menopausa cando ten pasado un ano sen período menstrual.
Menstruación:
A menstruación é o sangue que sae do útero ao exterior pola vaxina cando non houbo fecundación do óvulo, e polo tanto embarazo. Isto ocorre habitualmente tódolos meses, cada 28 días aproximadamente. O tempo que vai dende o primeiro día de sangrado ata o día anterior ao seguinte sangrado chámaselle ciclo menstrual, e hai variabilidade de duración entre as persoas. Este proceso ocorre dende a puberdade ata o que se coñece como o final do período fértil (menopausa).
Meseta:
Fase da resposta sexual humana. A excitación chega ao nivel máximo e mantense durante un tempo variable, ás veces precedendo ao orgasmo. Pode ser máis ou menos longa e de intensidade constante ou con algún altibaixo.
Método Billings:
Método anticonceptivo natural que consiste en identificar a presencia de moco na vaxina: cando hai regra ou non hai moco na vaxina (días secos), permite o coito sen risco. Cando o hai (días húmidos), non se poden ter relacións coitais.Precisa de aprendizaxe para coñecer ben o corpo e saber avaliar o moco. Aínda así, é moi pouco fiable.
Micoplasmas (Infección por):
Infección de transmisión sexual causada por diversos micoplasmas. Os máis comúns son Mycoplasma Hominis, o Mycoplasma Urealyticum e o Mycoplasma Genitalis. Pode pasar desapercibida durante moito tempo, transmitíndose durante todo este período. Os seus síntomas e vías de transmisión son moi semellantes aos da Clamidiase e aos da Gonorrea. Cúrase con antibióticos.
Micose xenital:
Infección da vulva, da vaxina ou do pene causada por fungos, sobre todo por Candidas.Tamén se chama Candidiase e ten moitas vías de transmisión, e aínda que é considerada unha ITS, a súa causa principal soe ser a baixada de defensas que facilita a proliferación dos fungos naturalmente presentes na vaxina. Afecta máis ás persoas con vulva que ás persoas con pene e o seu tratamento é sinxelo e eficaz.
Miometrio:
Capa muscular do útero. É intermedia entre o perimetrio e o endometrio, e é a máis grosa das tres. É moi elástica e estira durante o embarazo, presionada polo contido do útero. Durante o parto experimenta contraccións con obxecto de expulsar o feto e a placenta.
Molluscum contagiosum:
É unha infección da pel da familia da varíola que pode ser considerada infección de transmisión sexual cando afecta a esta área. O 60% dos casos en persoas adultas transmítense polas relacións eróticas nas que existe contacto pel con pel con alguén infectado. Producen pápulas pequenas cunha depresión típica no centro, que aparecen na vulva, perineo, pene, cara interna das coxas, baixo ventre. Rara vez dan proído. Tamén se pode transmitir ao ter contacto con roupa, toallas ou xoguetes eróticos, incluso unha persoa pode transmitila a outras zonas do seu propio corpo ao tocar ou rascar as pápulas. Soen desaparecer espontaneamente.
Monte de Venus:
Zona lixeramente prominente entre o final do ventre e a vulva, cuberta de pelo. Tamén coñecido co nome de pube.
O
Ogino-Knaus:
Método anticonceptivo natural consistente na abstinencia da práctica da penetración vaxinal durante os días da ovulación e posteriores, supoñendo que esta se produce no medio do ciclo. É un método pouco fiable.
Orgasmo:
Liberación súpeta da tensión sexual acumulada durante a excitación e a meseta, acompañada dunha gran sensación de pracer. Hai persoas que poden experimentar máis dun orgasmo seguido. Adoita de coincidir coa exaculación a través do pene e ás veces tamén da vaxina.
Ovarios:
Glándulas xenitais gónadas) situadas a ambos os dous lados do útero. Teñen o tamaño dunha améndoa e a súa superficie está formada por folículos, pequenas bolsiñas en cada unha das cales hai un óvulo sen madurar. Tamén fabrican estróxenos e proxesterona, responsables do ciclo menstrual.
Ovulación:
Rotura dun folículo do ovario, que produce a liberación de un óvulo maduro (que é captado pola Trompa de Falopio) e de certa cantidade de estróxenos, que se incorporan ao sangue. O día da ovulación e as 72 horas seguintes constitúen o período fértil en cada ciclo.
Óvulo:
Célula producida polos ovarios, que pode ser fecundada por un espermatozoide, dando lugar a un embarazo.
P
Papiloma humano (VPH):
Infección de transmisión sexual causado polo virus VPH (Virus do Papiloma Humano). É a ITS máis frecuente entre as causadas por virus. Existen moitos tipos de VPH. Produce lesións tipo condilomas, verrugas ou espullas que saen na pel e nas mucosas vaxinal e ano-rectal, illadas ou en piñas. Tamén poden ser como pequenas elevacións planas na pel (pápulas). As familias máis perigosas deste virus son as responsables das lesións que producen cancro de útero, cancro anal e algúns cancros de gorxa. Non existe tratamento antiviral específico, aínda que hai vacinas para os tipos máis perigosos de VPH.
Parches transdérmicos:
Método anticonceptivo hormonal que consiste na colocación dun parche adhesivo sobre a pel (nas nádegas, nos ombros, no brazo ou no abdome). Este parche libera hormonas (estróxenos e proxesterona), que se absorben a través da pel.
Pediculose:
Infección de transmisión sexual causada polo parásito Phithirius Pubis, coñecidos como Piollos Patos (ladillas, en español). O contaxio pode ser por contacto coa zona xenital, neste caso pel con pel, producíndose no 95% das relacións onde un dous membros da parella está infectados/as. Tanto os insectos como os ovos pegados ás raíces dos pelos son visíbeis. Elimínanse con locións ou champús parasiticidas.
Pene:
Órgano xenital, de forma cilíndrica, que pendura da parte máis inferior do abdome, diante dos testículos. A súa función é reprodutiva (realiza o coito) e tamén a de eliminación dos ouriños.
Perimetrio:
Capa máis externa do útero. É delgada e elástica.
Perineo:
Rexión situada entre ambas as dúas coxas, que vai desde a parte de abaixo do pube ata o ano. É unha zona altamente eróxena.
Petting:
Palabra inglesa coa que se designan as prácticas de masturbación realizadas en parella. Non inclúe a penetración, pero pode producir unha alta excitación e pracer, podendo desencadear un orgasmo.
Pílula anticonceptiva:
Método anticonceptivo hormonal, que pode conter estróxenos e proxesterona ou só proxesterona, e que inhibe a ovulación. Débese tomar diariamente, sen esquecelo ningún día. A súa efectividade é alta.
Polución nocturna:
Exaculación involuntaria durante o sono.
Poscoital, tratamento:
Tratamento para evitar a fecundación ou a implantación e que consiste respectivamente na inxesta dunha pílula ou na colocación dun DIU. Emprégase cando se realizou unha práctica con posibilidade de embarazo sen protección, ou cando esta fallou. No caso de utilización da pílula hai dúas opcións, a que se ten que tomar dentro das 72h posteriores á práctica con posibilidade de embarazo, ou a que se ten que tomar dentro dos seguintes 5 días. No caso do DIU este pode ser colocado dentro dos 5 días Seguintes
Prepucio:
Pregue da pel da punta do pene que cobre o glande.
Preservativo (condón):
Método anticonceptivo de barreira que impide que o seme se deposite na vaxina. Existen dous tipos: o externo, que é unha especie de "bolsa" de látex que recobre todo o pene, axustándose a el (cunha variante reforzada para utilizar no coito anal), e o interno, unha bolsa máis ancha, fabricada en poliuretano, que se introduce na vaxina, deixando fóra dela o seu borde.
Proxesterona:
Hormona feminizante, fabricada polos ovarios, que ten por función principal a preparación do endometrio para que se poida implantar nel o óvulo fecundado.
Próstata:
Glándulado aparato reprodutor situada debaixo da vexiga dos ouriños. Está atravesada polo primeiro tramo da uretra e polos condutos exaculadores. Segrega unha serie de substancias que se incorporan á composición do seme.
Punto G:
Pequena zona localizada na parte anterior da vaxina, altamente eróxena. Parece corresponder coa raíz do clítoris e a súa estimulación, cos dedos, co pene ou con algún obxecto tipo vibrador resulta moi pracenteira. Tamén nas persoas con pene hai unha zona altamente sensible, neste caso na cara anterior do recto, desde a cal se estimula a próstata, producindo a exaculación.
R
Rede de Haller:
Estrutura formada por unha serie de túbulos que se entrecruzan formando unha rede e ocupando o espazo común da parte posterior do testículo. Son as canles de condución dos espermatozoides.
S
Sarna (roña):
Enfermidade da pel transmitida por un parasito cando se teñen contactos físicos prolongados, sexan sexuais ou non. O axente responsábel é o Sarcoptes scabiei, ou Arador da sarna. A femia vive baixo da pel humana, escavando túneles perfectamente visíbeis, onde deixa os ovos. Produce un proído cada vez máis intenso e afecta sobre todo á pel con pregues: pulsos, cóbados, membranas interdixitais, éngoas, axilas e xenitais. Cúrase con locións específicas.
Seme:
Líquido viscoso de cor branquecina, que contén espermatozoides e unha serie de segregacións das diversas glándulas situadas no traxecto entre os testículos e o pene.
SIDA:
Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida, producida polo VIH (Virus da Inmunodeficiencia Humana), que se transmite a través de prácticas coitais e de sexo oral, e tamén polo sangue. Provoca o debilitamento progresivo do sistema inmunitario. Hoxe en día existen tratamento antirretrovirais que prolongan moito a vida das persoas afectadas, pero aínda non existe tratamento curativo nin vacina.
Sífilis:
Infección de transmisión sexual debida ao Treponema pallidum. A principal vía de transmisión é o contacto directo cunha ferida ou erupción que pode estar na boca ou nos xenitais da persoa afectada e que soe pasar desapercibida (non causan dor), a través de prácticas vaxinais, anais ou orais sen protección. A súa evolución atravesa por varias fases, desde a primaria, coa aparición do chancro, ata a terciaria, con afectación do Sistema Nervioso Central e Sistema Circulatorio. Conforme avanza faise máis grave e irreversíbel. Trátase con penicilina.
Síndrome premenstrual:
Alteracións físicas (dor abdominal, tensión ou dor nos peitos, etc.) e ás veces tamén psicolóxicas (ansiedade, irritabilidade, etc.), que afecta a algunhas persoas durante os días anteriores á regra e que se poden prolongar aos primeiros días da mesma.
Sintotérmico (método):
Método anticonceptivo natural que consiste na combinación do método do moco cervical (Método dos Billing), co da temperatura basal. Esixe un gran control e, aínda que aumenta a fiabilidade con respecto á dos métodos usados por separado, continúa sendo pouco seguro.
T
Temperatura basal:
Método anticonceptivo natural que consiste na toma da temperatura corporal para determinar os días de maior fertilidade do ciclo menstrual. É moi pouco fiable.
Testículos:
Glándulas do aparato reprodutor (gónadas), que penduran da parte máis inferior e central do abdome, envoltas na bolsa escrotal e recubertas pola pel do escroto. A súa función é a de fabricar espermatozoides e testosterona.
Testosterona:
Hormona masculinizante que se produce nos testículos a partires da puberdade. É a responsable dos caracteres sexuais secundarios masculinos (constitución e distribución do pelo corporal e facial, desenvolvemento xenital, etc.).
Transexual:
Persoa cuxa identidade sexual non coincide coa que lle foi socialmente asignada ao nacer en base aos seus xenitais. Pode desexar ou non a utilización de hormonas ou cirurxías que modifiquen o seu aspecto corporal.
Travesti:
Persoa que se caracteriza externamente coma do outro sexo, empregando para isto a roupa e o maquillaxe.
Tricomoniase:
Infección de transmisión sexual causada pola Trichomona vaginalis. É a ITS non vírica máis frecuente en todo o mundo. Ocorre sempre por contacto xenital e afecta sobre todo ás persoas con vulva, causando fluxo vaxinal abondante, de cor amarela-verdosa ou gris-verdosa e fedorento, e proído vulvar intenso. O tratamento é sinxelo pero cómpre dárllelo ás parellas sexuais aínda que non presenten síntomas.
Trompas de Falopio:
Condutos que comunican os ovarios e o útero, nos que se produce a fecundación.
U
Uretra:
Conduto que vai dende a vexiga urinaria ata o exterior. Nas persoas con vulva é recto, corto e elástico. Nas persoas con pene, pola contra, é moito máis longo, ten dúas acobadaduras e é menos elástico.
Útero:
Órgano reprodutor no que aniña o óvulo fecundado e no que se desenvolve o embarazo.
V
Vaxina:
Conduto ancho e recto, situado na parte máis inferior do aparato reprodutor interno das persoas con vulva. Comunica co útero pola parte superior e co exterior pola parte inferior. Ás veces, o seu orificio de entrada desde a vulva está semipechado por unha membrana chamada hime. A súa función reprodutiva (coito vaxinal) e forma parte da canle do parto.
Vasectomía:
Método anticonceptivo cirúrxico para as persoas con pene, que consiste en seccionar e ligar os condutos deferentes ao seu paso polas éngoas, para evitar así que a exaculación conteña espermatozoides. É unha intervención moi sinxela, que non ten repercusión ningunha para capacidade pracenteira e as ereccións.
Vesículas seminais:
Glándulas situadas debaixo da vexiga que se encargan de producir o líquido seminal, que forma parte do seme.
Vestíbulo vaxinal:
Zona comprendida entre os dous labios menores, o orificio da uretra e o orificio vaxinal externo. É unha zona eróxena moi importante.
Vulva:
Aparato xenital externo. Sitúase entre ambas as dúas coxas e está formada, de diante a atrás polo Monte de Venus, os labios maiores, os labios menores, o clítoris, o meato urinario, o vestíbulo vaxinal e o orificio de entrada á vaxina.
X
Xenitais:
Conxunto de órganos cuxo funcionamento está relacionado coa reprodución sexual, o pracer, a excitación, a síntese de hormonas masculinas e femininas, e máis a excreción dos ouriños.
Xenitais externos son: vulva (clítoris, labios maiores, labios menores, uretra, vestíbulo vaxinal), pene e escroto. Xenitais internos son: vaxina, útero, ovarios, testículos, epidídimo, condutos deferentes, vesículas seminais, condutos exaculatorios, próstata, uretra, glándulas bulbouretrais.
Z
Zonas eróxenas:
Partes do corpo especialmente sensibles á estimulación (caricias, bicos, lambetadas, masaxes). A dita estimulación provoca excitación e mesmo pode chegar a producir un orgasmo.