Mañá terá lugar a conferencia final desta iniciativa, que ten como obxectivo mellorar a orientación profesional da mocidade
Ao abeiro da actividade, os socios realizaron unha investigación conxunta e estanse a elaborar estudos sectoriais no eido marítimo, das TIC, do turismo, do emprendemento e da migración
Ademais de Galicia, participan no programa socios de distintas entidades e organizacións de Italia, Francia, Irlanda, Portugal, Grecia, Holanda, Letonia e Eslovaquia
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, xunto cos seus socios do proxecto europeo Youth4job, presentarán mañá os primeiros resultados desta iniciativa, que ten por obxectivo mellorar a orientación profesional da mocidade.Esta conferencia final, que está organizada polo departamento autonómico, contará coa presenza de máis de 50 expertos e representantes duns vinte países europeos. Tamén participará unha representante da Dirección Xeral para o emprego, Asuntos sociais e Inclusión da Comisión Europea, Inés Legler, que informará sobre a nova iniciativa para o emprego xuvenil.
O Youth4job enmárcase dentro do Programa comunitario para o emprego e a solidariedade social (PROGRESS) da Comisión Europea. A súa finalidade é a identificación e a transferencias de boas prácticas e de servizos de calidade en materia de orientación laboral, tendo en conta a perspectiva do emprego. Ademais, contempla tamén o intercambio de coñecementos e a difusión dos resultados acadados.
En concreto, os socios da iniciativa realizaron unha investigación conxunta e están a elaborar estudos de casos sectoriais a pequena escala, nos eidos marítimo, das TIC, do turismo, do emprendemento e da migración.
A Dirección Xeral de Xuventude aportou experiencias de boas prácticas no eido do emprendemento financiadas por fondos propios da Consellería. En concreto, achegou os puntos clave de catro programas: Iniciativa Xove, Galeuropa, Cooperativízate e Xuventude Crea, todos eles orientados ao emprendemento e á inserción laboral.
O proxecto Youth4job está coordinado pola cooperativa social italiana PROMIDEA e, ademais da Consellería de Traballo e Benestar, ten como socios a entidades e organizacións de Italia, Francia, Irlanda, Portugal, Grecia, Holanda, Letonia e Eslovaquia.
En concreto, participan neste: o departamento de políticas para a mocidade e o Foro Rexional da Cultura da rexión de Campania en Italia; a rede de informadores da mocidade IJCA, de Cöte d’Azur, en Francia; a Autoridade rexional para o sureste SERA, de Irlanda; a Axencia de desenvolvemento para o Val do Ave (ADRAVE) de Portugal; o Centro para o desenvolvemento rexional helénico HRDC, de Grecia; a Asociación de municipios ISD Noordenkwartier de Holanda; a Academia marítima LMA de Letonia; e a Axencia para a innovación e a cooperación europea AIEC, de Eslovaquia.
No marco desta iniciativa, realizouse unha primeira reunión de traballo dos socios no mes de marzo en Santiago. Posteriormente, tivo lugar en Nápoles (Italia) o “Seminario internacional sobre a mobilidade na formación: un factor clave que amplía os horizontes da educación, a formación e o emprego”. E, mañá, achégase xa o final do proxecto coa celebración desta conferencia, que se complementará o venres coa reunión interna dos socios do programa para intercambiar información e coordinarse.