Posta en marcha do proxecto Youth4JOB

06 Mar 2013

Posta en marcha do proxecto Youth4JOB

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado puxo en marcha o proxecto Youth4JOB  co que se pretende a identificación de boas prácticas e a análise da calidade dos proxectos  europeos destinados para a mocidade nos ámbitos da educación e emprego.PROXECTO

Este proxecto  está financiado no marco do Programa comunitario para o Emprego e a Solidaridade Social (PROGRESS); será coordinado pola cooperativa social italiana PROMIDEA, e ten como socios, ademais da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, o departamento de políticas para a mocidade e o Foro Rexional da Cultura da rexión de Campania, en Italia; a Rede de Informadores da Mocidade IJCA, de Cöte d´Azur, en Francia; a Autoridade Rexional para o Sureste SERA,  de Irlanda a Axencia de Desenvolvemento para o Val do Ave (ADRAVE), de Portugal; o Centro para o Desenvolvemento Rexional  Helénico HRDC, de Grecia; a Asociación de Municipios ISD Noordenkwartier de Holanda; a Academia Marítima LMA de Letonia e a Axencia para a Innovación e a Cooperación Europea AIEC, de Eslovaquia.

Nos estudos que forman parte do proxecto analizaranse as políticas de emprego e educación en catro sectores económicos: tecnoloxía da información e comunicación, espírito empresarial e autoemprego, turismo, sector marítimo e movementos migratorios.

No edificio da Consellería de Traballo e Benestar de San Lázaro tivo lugar o martes día 26 de febreiro a  sesión de inicio do proxecto presidida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado; a esta sesión asistiron representantes das entidades socias e nela estableceuse o plan de traballo, a metodoloxía e as tarefas que se deben desenvolver en cada país así como os aspectos financeiros.

Haberá un seminario internacional en Italia coincidindo co informe intermedio e unha conferencia final na sede da Xunta de Galicia en Bruselas na que se darán a coñecer os resultados dos estudos financiados polo proxecto.