O obxectivo principal deste Barómetro de Opinión realizado por UNICEF España en colaboración coa Universidade de Sevilla, foi a creación e aplicación dun instrumento que permita coñecer as preocupacións e opinións de nenas, nenos e adolescentes de España sobre asuntos sociais e políticos, así como avaliar indicadores de saúde, felicidade e calidade dos seus contextos de desenvolvemento próximos, tales como a familia, amizades, profesorado e compañeiros de clase.
Nesta terceira recollida participaron 208 centros educativos e 9.505 mozos e mozas de 11 a 18 anos de todo o territorio español.
Os efectos da pandemia de COVID-19 (14,6%), xunto coa guerra de Ucraína (12,8%), a economía (12,7%), e o cambio climático, o medio ambiente e a contaminación (7,8%), son as principais preocupacións dos nenos, nenas e adolescentes no noso país.
Os resultados do informe mostran tamén un aumento da confianza en institucións -especialmente científicas, centros educativos e ONG-, mentres que os partidos políticos e os políticos son os que obteñen unha peor valoración. Así mesmo, diminúe o interese da infancia e a adolescencia en colaborar con organizacións ou en actuar en temas que lles afectan.
Cando se lles preguntou acerca dunha listaxe de determinadas cuestións sociais en concreto, os abusos sexuais á infancia destacan como algo que preocupa bastante ou moito a 9 de cada 10 enquisados. Tras esta problemática sitúanse a pobreza e a fame no mundo, o acoso e ciberacoso escolar ou a saúde mental da infancia e a adolescencia, que preocupa bastante ou moito a 8 de cada 10.
Destaca a diminución da preocupación pola desigualdade de xénero, o machismo e a violencia machista, que na primeira edición do barómetro (2019-20) preocupaba ao 89,1% e situábase en primeiro lugar, na segunda (2020-21) baixaba ao oitavo cun 80% e nesta terceira edición (2021-22) sitúase no decimotercer posto cun 75,1%.
O informe tamén mostra que un 70% dos nenos, nenas e adolescentes considera que a situación política e económica de España é regular, mala ou moi mala. Ademais, entre unha listaxe de 21 profesións que se lles presentou, as máis valoradas resultaron ser as de médico (8,6), policía (7,6), arquitecto e deportista (ambas cun 7,4). No caso contrario, a menos valorada é a de político (4,7), seguida pola de modelo e banqueiro (6). Resalta que a profesión de influencer ou youtuber reciba unha valoración de 6,26.
A media de satisfacción vital dos nenos e adolescentes é elevada, segundo as enquisas realizadas no barómetro. Aínda que no caso das mozas, das persoas nadas fora de España ou con nivel adquisitivo baixo, os seus niveis de tristeza son máis significativos. Nesta edición é onde a porcentaxe de mozas que manifestan sentirse sós é o máis alto da serie iniciada en 2019, cun 39,8%. Con todo, as porcentaxes baixan nos niveis adquisitivos baixos e, por exemplo, o 8,5% dos nenos e nenas de nivel adquisitivo baixo senten sempre tristes, fronte ao 5,6% do nivel adquisitivo alto. En xeral o nivel de benestar aumentou respecto a a anterior edición do barómetro, coincidindo cos momentos máis álxidos da pandemia, aínda que esta segue sendo a maior preocupación.
Nesta terceira edición do Barómetro incluíuse un bloque complementario sobre estereotipos de xénero. Neste sentido cabe destacar que, aínda que prima a igualdade en todas as profesións sobre as que se lles preguntou, dúas delas mostran os estereotipos de xénero máis marcados: policía e o coidado de nenos: o 19,6% considera que policía é un traballo que deberían facer só ou sobre todo os homes; e o 21% da mostra considera que o traballo de coidar nenos debería ser feito só ou sobre todo por mulleres. Ademais, persiste tamén a idea de que hai actitudes máis propias dun sexo que doutro. Ao redor de 1 de cada 10 participantes consideran que hai cuestións máis propias de homes, como é ser dominantes ou actuar como un líder, mentres que hai outras máis frecuentes en mulleres, como expresar agarimo abertamente ou querer lucir un bo aspecto.
https://www.unicef.es/sites/unicef.es/files/communication/Barometro_infancia_202122.pdf
O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda:
Requisitos das persoas:
- Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda.
- Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
- Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda.
- Estar empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.
- Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM de 2022 *.
Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
1. Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
2. Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
- Non ser propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.
Requisitos da vivenda:
- Que a vivenda estea localizada nun municipio de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
- Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 €.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e impostos.
As solicitudes tramitaranse preferiblemente en https://sede.xunta.gal/portada cos procedementos VI435A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro de 2023.
Máis información no DOG do 7 de febreiro de 2023 e en http://igvs.xunta.gal/
*IPREM de 2022: 579,02 €
Seis historias arredor da música de tradición oral en Galicia
O Consello da Cultura Galega presenta un novo proxecto web, Axudádeme a cantar, unha serie documental que mostra e reivindica o canto acompañado con percusión de man. Son seis capítulos que “percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional”
Axudádeme a cantar é un documental de seis capítulos que pretende poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba dunha extensión e diversidade importante no territorio galego. Neste documental de seis capítulos, contan coa colaboración de tocadoras tradicionais, participantes en procesos de recollida e divulgación, e artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e comparten o seu arte.
Eu e máis ti, compañeira
Eu e máis ti, comarada
Eu e máis ti, compañeira
Facemos a foliada
(Castrelo, Vimianzo) Recollida por Xabier Diaz
A Xunta de Galicia vén de estrear perfil institucional en TikTok co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega.
Deste xeito, e aproveitando a bagaxe do amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook (cuxas contas suman máis de 320 mil seguidores), o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital.
Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar o xeito de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o alcance e visibilidade de medidas de interese para un sector da poboación que está a empregar habitualmente este medio para permanecer informado.
O Foro Europeo da Mocidade lanza a "Capital Europea da Mocidade" (CEJ) 2026. Este título asígnase a unha cidade europea por un período dun ano durante o cal se pretende empoderar aos mozos e mozas, impulsar a participación xuvenil e reforzar a identidade europea.
Cada ano, unha nova cidade europea ten a oportunidade de mostrar as súas ideas innovadoras, proxectos e actividades que pretenden alzar as voces dos mozos e achegar unha nova perspectiva xuvenil a todos os aspectos da vida da cidade.
A iniciativa Capital Europea da Mocidade pretende apoiar tanto á mocidade como á cidade para abrir estas posibilidades e marcar o camiño para seguir por outros municipios europeos.
A Capital Europea da Mocidade ten un impacto positivo en moitos ámbitos:
Abre novas oportunidades
Achega cambios positivos
Fomenta a participación activa
Promove o voluntariado
Fomenta a identidade europea
Fomenta a diversidade e a inclusión
Reforza as organizacións xuvenís
Impulsa o investimento na mocidade
Amplifica a súa propia voz en Europa
Convértese en punto de encontro internacional
Conecta aos mozos
Unha cidade pode converterse en Capital Europea da Mocidade se se distingue de forma positiva e conta cun ambicioso programa de capacitación dos mozos.
Pídese aos municipios solicitantes que expoñan a súa visión para converterse en Capital Europea da Mocidade 2026 e como pode capacitar aos mozos, impulsar a participación xuvenil e achegar cambios á súa cidade.
Os seguintes elementos crave son esenciais para calquera candidatura ao título de EYC:
Participación xuvenil
Toma de decisións conxunta;
Dimensión europea.
Criterios de selección
O premio está aberto a calquera autoridade local (definida como un municipio ou grupo de municipios situados nunha zona xeográfica común) dos Estados membros do Consello de Europa que sexan partes no Convenio Cultural Europeo adoptado en 1954 en París.
Convídase os municipios solicitantes, xunto coas estruturas xuvenís participantes, a presentar un programa polifacético que poña de relevo o seu enfoque na participación xuvenil e os seus plans para crear unha mellor contorna para os mozos nas súas cidades.
Premios
A cidade galardoada anunciarase durante a cerimonia de entrega de premios en Lublin (Polonia), Capital Europea da Mocidade 2023, que terá lugar en novembro de 2023.
Prazos
- 6 de febreiro de 2023 (23:59 CET), para a presentación das notas conceptuais. A solicitude inclúe unha taxa de 300 euros, que deberá abonarse antes da data límite no Foro Europeo da Mocidade.
- 5 de xuño de 2023 (23:59 CET), para a presentación dos formularios de solicitude detallados. A solicitude inclúe unha taxa de 700 euros, que deberá abonarse antes da data límite no Foro Europeo da Mocidade.
- 25 de setembro de 2023 (23:59 CET), para os formularios de solicitude definitivos. A terceira rolda de solicitudes non inclúe taxa.
https://www.youthforum.org/news/applications-for-the-european-youth-capital-2026-are-open
A Mocidade Voluntaria das Nacións Unidas son unha categoría creada recentemente en resposta ao chamamento do Secretario Xeral da ONU a unha maior participación no voluntariado da xeración máis numerosa da historia, formada por persoas menores de 30 anos.
Quen son os Mozos Voluntarios das Nacións Unidas?
Mozos e mozas motivados/as e con talento de entre 18 e 29 anos (ser menor de 29 durante toda a duración do seu voluntariado) que desexan participar en iniciativas de desenvolvemento e paz no seu propio país ou noutro país do mundo.
A súa formación académica e a experiencia requirida varían segundo a asignación, pero en xeral non se espera unha experiencia laboral superior a dous anos.
Destinos
Os voluntarios/as poden traballar en dereitos humanos, loita contra o cambio climático, atención sanitaria primaria, xestión de catástrofes, consolidación da paz ou participación xuvenil entre outras moitas outras áreas.
Poden traballar directamente nunha axencia das Nacións Unidas ou ser asignados a unha das súas organizacións asociadas, a unha universidade ou ao goberno.
Beneficios
As persoas voluntarias veranse recompensadas cunha experiencia que lles acompañará o resto da súa vida.
A súa participación como Mozos Voluntarios das Nacións Unidas será unha oportunidade para cambiar o mundo a mellor e, ao mesmo tempo, perfeccionar as súas propias aptitudes, adquirir coñecementos e comprender mellor as realidades do desenvolvemento internacional e a consolidación da paz.
Dotación
As persoas voluntarias reciben unha asignación básica que lles permite vivir na zona asignada.
Se prestan servizo voluntario fóra da súa zona de orixe, o avión de ida e volta ou o transporte terrestre (segundo proceda) e algúns outros gastos básicos corren a cargo do organismo de acollida.
Recibirán orientación e formación antes e despois do voluntariado.
Duración
A maioría dos voluntariados dos Mozos Voluntarios das Nacións Unidas teñen unha duración de entre 6 e 24 meses. En ocasións, os voluntariados de Mozos Voluntarios das Nacións Unidas nacionais e internacionais son inferiores a seis meses, denominándose estancias de curta duración.
Cando os Mozos Voluntarios ONU son patrocinados por unha institución académica, denomínaselles Novos Voluntarios Universitarios ONU. Os Mozos Voluntarios ONU Universitarios realizan voluntariados de menor duración, xeralmente entre 3 e 6 meses.
A USC e o Consello da Cultura Galega inclúen novos contidos no portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de achegar á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos.
Os novos contidos incorporados teñen que ver co cambio climático, Quecemento global: ameazas e oportunidades.
Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten afondar nas principais causas deste fenómeno causado pola acción humana e nas oportunidades que ofrecen a educación ambiental, a conciencia cidadá ou a innovación científica para revertelo.
http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/especial.php?t=10408#
Abanca e Afundación veñen de lanzar un novo programa de educación financeira, titulado ‘Pon o teu diñeiro a salvo’, que ten como obxectivo dotar ás novas xeracións de competencias dixitais que lles permitan facer fronte á ciberdelincuencia. Está dirixido ao alumnado de ESO e FP Básica, Media e Superior.
Esta proposta formativa contribuirá a que os novos estudantes adquiran os coñecementos necesarios para poder utilizar dun modo seguro, crítico e responsable as tecnoloxías dixitais, incluíndo especificamente contidos relacionados coa ciberseguridade.
A actividade, que ten carácter gratuíto, está exposta para desenvolverse en dúas sesións. Os docentes que desexen inscribir aos seus estudantes poden facelo a través da web https://pontudineroasalvo.afundacion.org/ ou por correo electrónico, na dirección pontudineroasalvo@afundacion.org.
Unha vez realizada a inscrición, o profesorado recibirá todos os materiais e recursos necesarios para traballar estas temáticas dun modo flexible e adaptado á programación do curso.
Entregados os premios da sétima edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea.
O conselleiro de Sanidade salienta a importancia de traballar na concienciación da mocidade sobre a doazón de medula ósea.
Acadou o primeiro premio o traballo "Démoslle a volta á partida", realizado polo alumno da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, David Hortas García.
No que se refire ao segundo premio, recaeu na curtametraxe "Almas Xemelgas", realizado pola estudante de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, Alexia Mariño Beiro, mentres que o terceiro premio foi para o traballo "Comprométete e salva vidas", presentado pola alumna de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela, Zaida López Estévez.
Comprométete a salvar vidas: https://youtu.be/_JeZLEODc_g
Almas Xemelgas: https://youtu.be/wPh48yEEoWw
Démoslle a volta á partida: https://youtu.be/0hag0il6lvU
Xa podes solicitar o teu abono para viaxar gratis en Renfe.
O abono é gratuíto, cuadrimestral e unipersoal.
Só se poderá adquirir un único abono por persoa, para realizar un máximo de catro viaxes ao día, de ida ou volta indistintamente e exclusivamente desde ou ata as estacións de orixe e destino elixidas (non está autorizado o seu uso para subir ou baixar nas estacións intermedias do traxecto elixido).
Os/as menores de 14 anos que non teñan DNI poden adquirir o novo Abono gratuíto Neno. Neste caso, o pai, a nai ou o titor poderán adquirir, por medio do seu NIF, NIE ou pasaporte, un máximo de catro abonos de neno para unha orixe e destino, durante o período de validez.
No momento da compra do abono, deberás elixir as dúas estacións (orixe/destino) entre as que vas viaxar.
O abono é válido para todos os días do cuadrimestre adquirido:
- Primeiro cuadrimestre: validez desde o 1 de xaneiro de 2023, ou data de compra posterior, ata o 30 de abril de 2023
- Segundo cuadrimestre: validez desde o 1 de maio, ou data de compra posterior, ata o 31 de agosto de 2023
- Terceiro cuadrimestre: validez desde o 1 de setembro, ou data de compra posterior, ata o 31 de decembro de 2023
Os abonos do segundo e terceiro cuadrimestre poderanse adquirir con dous meses de antelación.
Podes adquirir o teu abono nos puntos de venda habituais: renfe.com, máquinas autoventa e despachos de billetes da estación.
Poderás formalizar as túas viaxes nas seguintes canles: App de Renfe, renfe.com, máquinas autoventa e despachos de billetes da estación.
O abono é gratuíto, para adquirilo debe abonarse unha fianza de 20 euros (por abono e cuadrimestre). Recoméndase o pago mediante tarxeta de crédito/débito.