Cento vinte alumnos dos CEIP de A Lomba (Vilagarcía de Arousa), Fontiñas (Santiago de Compostela) e Virxe de Cela (Monfero), participaron na Cidade da Cultura no I Encontro do Proxecto Móvete de dinamización do voluntariado entre o alumnado dos primeiros cursos de educación primaria.

Ao longo da mañá, as nenas e nenos participantes presentaron os proxectos de voluntariado que desenvolveron ao longo deste curso escolar, que tiveron como temática o desenvolvemento rural, a protección dos dereitos dos animais e o coñecemento da realidade social da contorna. O evento finalizou cun concerto de Paco Nogueiras, onde se interpretou o tema “Móvete”, himno oficial do proxecto.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, que participou nesta iniciativa, afirmou que Móvete “pretende ser o instrumento primixenio para a primeira formación dos máis novos nos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade dende un contexto lúdico e vinculado á música como elemento de motivación”.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece un itinerario de voluntariado integral e completo para todas as idades, de tal xeito que se inicia en Primaria con Móvete, segue con Pasaporte Solidario –dirixido a rapaces e rapazas de ata 12 anos-, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de Secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.