• A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentou no Espazo Xove de Ourense unha nova edición do certame
  • A Consellería de Política Social presentou o pasado xoves no Consello da Xunta o informe sobre o programa de creatividade xuvenil que premiou con máis de 230.000 euros o talento de 168 mozos e mozas dende o ano 2012

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentou na mañá de hoxe unha nova edición do certame Xuventude Crea que no ano 2016 contará cun orzamento de 112.778 euros “para premiar o talento de arredor de 40 novos autores de 12 especialidades distintas na maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega”.

No Espazo Xove de Ourense, Cecilia Vázquez lembrou que Xuventude Crea conta co obxectivo de “fomentar a creatividade xuvenil”. Grazas a este certame, “os mozos e as mozas poden exercitar as súas habilidades, ensaiar solucións innovadoras, valorar o exame crítico das súas obras e outorgarlles visibilidade”, engadiu.

Na convocatoria deste ano poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. O certame ten 12 especialidades: teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias e cociña, sendo esta última a gran novidade xa que esta especialidade nunca formou parte do Xuventude Crea. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual. Ademais, todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas. O xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso. O prazo de presentación dos proxectos remata o 30 de xuño. As bases do concurso pódense consultar no Diario Oficial de Galicia do pasado venres, 22 de abril de 2016.

Informe no Consello da Xunta

A Consellería de Política Social presentou o pasado xoves no Consello da Xunta o informe sobre o programa de creatividade xuvenil Xuventude Crea, que premiou con máis de 230.000 euros o talento de 168 mozos e mozas dende o ano 2012.

O informe presentado establece que, entre 2012 e 2015, o programa Xuventude Crea contou cun orzamento de 361.712 euros, cun total de 984 proxectos presentados e con 168 premiados. A suma do importe dos premios ascende a 236.500 euros. Así mesmo, se fixo entrega de 28 mencións de honra sen dotación económica.

Coa continuidade deste programa, a Xunta de Galicia dá cumprimento ao artigo 9 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de Xuventude de Galicia, xa que se fomenta o espírito emprendedor, potenciando entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que forman parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais ou o compromiso entre outros valores. Así mesmo, a través deste e doutros programas, a administración autonómica adopta accións tendentes a que a xuventude teña facilidades de creación do seu propio posto de traballo.

Xuventude Crea tamén se inscribe no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, Horizonte 2020, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade.