A Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores, UATAE, pon en marcha a primeira edición do proxecto Xeración SOSTENIA: Impulsando Emprendementos Sostibles de persoas mozas (entre 16 e 35 anos) con Intelixencia Artificial.
O obxectivo do programa é fomentar a cultura emprendedora e promover o autoemprego para que a mocidade coñeza os fundamentos sobre as distintas estratexias de emprendemento e melloren a súa capacidade de liderado co propósito de xerar un impacto positivo na súa contorna utilizando de maneira responsable a IA. Preténdese motivar o espírito emprendedor e a iniciativa persoal, que é clave para o desenvolvemento profesional dos mozos.
Actividades
1. Charlas de motivación con entidades para a innovación social sostible
Charlas de motivación e primeiro contacto con entidades que representan á mocidade, pemes e traballadores autónomos a nivel nacional, así como con outras entidades interesadas na innovación social sostible co uso da intelixencia artificial, para involucralos no desenvolvemento do proxecto.
2. Charlas técnicas con mozos e mozas emprendedores
Explicarase o funcionamento das ferramentas coas que conta UATAE para a elaboración de plans de empresa e impulsar a actividade emprendedora.
3. Test do sentido emprendedor
Realizarase un test ás e os participantes para identificar o seu potencial e motivación para emprender proxectos de innovación social sostible co uso da intelixencia artificial.
4. Talleres de emprendemento
Asistencia a talleres prácticos para o desenvolvemento de habilidades emprendedoras, enfocados no uso da intelixencia artificial en proxectos de innovación social sostible.
O paso cero do emprendedor: Retos e oportunidades.
Intelixencia artificial para emprendedores Ferramentas e uso responsable.
Innovación Social para o Emprendemento Sostible con IA.
Xeración de Ideas Innovadoras para o Emprendemento Sostible con IA.
Deseño de Modelos de Negocio Sostibles con IA.
Prototipado e Validación de Conceptos para Emprendementos Sostibles con IA.
Estratexias de Marketing Dixital para o Emprendemento Sostible con IA.
Finanzas Sostibles para Emprendedores con IA.
Xestión de Proxectos e Planificación Estratéxica para Emprendementos Sostibles con IA.
Desenvolvemento de Habilidades de Liderazgo para o Emprendemento Sostible con IA.
5. Desenvolvemento de plataforma e comunidade en liña
Crearase unha plataforma de formación en liña a través de moodle que sirva como centro de recursos, contido e comunidade para os e as mozas emprendedoras interesadas en proxectos de innovación social sostible co uso da intelixencia artificial
6. Asesoramento para o emprendemento
Cada usuario/a terá acceso a un experto en proxectos de innovación social sostible e o uso da intelixencia artificial, quen os asesorará no desenvolvemento das súas ideas e a implementación dos seus proxectos.
7. Casos de éxito
Asistencia a charlas de testemuños de autónomos sobre a súa experiencia persoal de emprendemento.
8. Concurso proxecto empresarial
Os proxectos que se desenvolvan no programa poderán inscribirse nun concurso de plans de Empresa.
https://uatae.org/generacion-sostenia-emprendimientos-sostenibles/#actividades
A Semana Europea da Mocidade 2024 é un acto organizado pola Comisión Europea cada dous anos para celebrar e promover o compromiso, a participación e a cidadanía activa da mocidade en toda Europa e fóra dela.
Queres saber máis sobre as oportunidades que ofrece a UE e as súas políticas? Queres expresar a túa opinión sobre os asuntos que che importan? Ou participar en actividades e debates? Aproveita esta oportunidade e dálle voz á túa visión.
Datas: do 12 ao 19 de abril de 2024. «Dálle voz á túa visión» (asuntos principais: democracia e eleccións europeas).
A Semana Europea da Mocidade 2024 ten lugar dous meses antes das eleccións europeas, que se celebrarán entre o 6 e o 9 de xuño de 2024. Isto significa que o debate se centrará na democracia e as eleccións europeas. Chegou o momento de que a mocidade europea adquira maiores compromisos na sociedade e poña en práctica a democracia. Asegúrate de que a túa voz se oia e non te esquezas de votar!
Principais razóns para unirte:
— organizar todo tipo de actividades en toda Europa e máis aló, e participar nelas;
— debater temas que sexan pertinentes para ti e os teus amigos e amigas;
— participar en diálogos importantes cos responsables das políticas e a toma de decisións;
— coñecer as oportunidades que ofrece a UE, como Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade;
— inspirarte nas interesantes historias doutros mozos e mozas;
— descubrir por que o teu voto é importante para as próximas eleccións europeas.
Se queres máis información, ponte en contacto coas axencias nacionais de Erasmus+, o Corpo Europeo de Solidariedade e a rede Eurodesk.
Actividades: Participa en actividades en toda Europa e máis aló das nosas fronteiras
A Fundación Princesa de Girona lanza o programa «Generación propósito» de liderado con impacto social, cuxo obxectivo central é apoiar, impulsar, acompañar e acelerar o crecemento persoal e profesional de mozos e mozas con propósito, con potencial de desenvolvemento e con vontade de crear un futuro máis inclusivo e sostible nos ámbitos de:
> Saúde e calidade de vida.
> Sustentabilidade e medio ambiente.
> Igualdade de oportunidades.
> Educación.
> Tech for Good.
> Cultura
Este programa vai dirixido a mozos e mozas:
> Que teñan unha idea e quéirana converter nunha iniciativa relevante xerando un impacto positivo.
> Que queiran mellorar o mundo, cooperando con outros.
> Cunha actividade creativa e inquietos.
> Con compromiso, vontade e implicación.
> Con conciencia social e cunha mirada máis aló da súa propia carreira profesional.
> Con espírito crítico e resiliente.
«Generación propósito» é un programa de desenvolvemento competencial que conectará o talento para xerar iniciativas con impacto positivo na sociedade e que permitirá á mocidade seleccionada:
1. Adquirir novas competencias e habilidades
2. Adquirir novos coñecementos
O programa desenvolverase en tres fases:
Fase 1
Formación e traballo en equipo
Participantes: 100
Formato: En liña
Calendario: De maio a setembro
Duración: 40 h (cápsulas de 2 horas de formación/un día á semana)
Fase 2
Campus de Xirona
Entre os 100 participantes seleccionaranse a 50 que participarán no Campus:
Participantes: 50
Formato: Presencial
Calendario: Novembro de 2024
Duración: 4 días
Fase 3
Desenvolvemento de iniciativas
Entre os 50 participantes da segunda fase, seleccionaranse e farase un seguimento das cinco iniciativas con impacto social que xurdisen do traballo colaborativo.
Os requisitos para presentar a candidatura son:
> Ter entre 20 e 30 anos.
> Contar cunha formación mínima a nivel de ESO.
> Haber nado ou residir legalmente en España.
> Contar cun nivel de inglés medio.
O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 15 de abril de 2024.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) promove un uso seguro, responsable e positivo da tecnoloxía entre a mocidade no Día da Internet Segura, Safer Internet Day (SID), que se celebra cada 6 de febreiro.
Ademais das características propias de seguridade dos equipos tecnolóxicos, é fundamental que os usuarios tomen conciencia da importancia de reforzar a súa ciberseguridade. O CPEIG recorda algunhas medidas básicas de protección para mitigar os riscos e protexer os datos persoais e profesionais:
Sentido común. A prudencia é a mellor barreira contra o malware (software malicioso). Coida especialmente o apartado de descargas e instalación de aplicacións de sitios non seguros; a navegación por determinadas páxinas de internet; a apertura de correos electrónicos ou arquivos engadidos non solicitados ou que chegan de remitentes descoñecidos, ou os que chegan de redes sociais ou aplicacións de mensaxería que conteñen vulnerabilidades explotables polos ciberdelincuentes para as campañas de malware.
Actualiza o sistema operativo e aplicacións. Todos os sistemas operativos contan con ferramentas para manter actualizados os seus equipos. Son de uso obrigado porque inclúen actualizacións de seguridade contra ameazas coñecidas. Tan importante, ou memo máis que a anterior, é a actualización de aplicacións instaladas ás últimas versións, xa que soen incluír parches de seguridade. Cando as versións son máis antigas, teñen maior risco de ser atacadas por ciberdelincuentes que atopan vulnerabilidades no programa.
Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
Protexe os navegadores. Todos os navegadores web inclúen características avanzadas de seguridade, pero débese revisar e configurar a súa activación porque son as aplicacións coas que se accede a internet e os seus servizos. Tamén se debe prestar atención aos avisos sobre sitios inseguros que mostran os navegadores, e revisar as extensións instaladas porque algunhas son fonte frecuente de introdución de malware. Outra posibilidade interesante para mellorar a privacidade é utilizar unha sesión en «Modo Invitado», totalmente desligado do perfil orixinal do usuario, incluíndo configuración ou historial.
Coida os contrasinais. A regra de ouro para estar seguro en liña é contar cun contrasinal aleatoria forte e distinta para cada sitio web, especialmente para uso nos destinados a banca en liña e comercio electrónico. Os contrasinais longos e complexos (combinando números, maiúsculas e símbolos) preveñen os ataques. O uso dun contrasinal diferente para cada conta evita ter todas elas comprometidas a vez cando se produce unha violación de datos. Pódese utilizar xestores de contrasinais que as crean e as recordan.
Realiza copias de seguridade. A realización de copias de seguridade é altamente recomendable para un usuario ou profesional que pretenda protexer a información persoal e corporativa dun equipo informático, ademais de ser una tarefa de mantemento que contribúe á saúde do hardware. As copias de seguridade deben almacenarse nun dispositivo de almacenamento externo ao do equipo ou nun servizo de almacenamento na nube.
Precaución coas redes Wi-Fi públicas. Os puntos de acceso a internet sen fíos e gratuítos estendéronse por múltiples espazos en poboacións, zonas de restauración, aeroportos, estacións de tren ou metro, hoteis e en todo tipo de negocios. Demostradas altamente inseguras, pódense utilizar para unha navegación intrascendental, gardando as debidas precaucións, pero non para accesos que requiran mostrar os teus datos, accesos e contrasinais.
Activa a restauración do sistema. A restauración dos sistemas operativos é unha ferramenta que pode “salvarnos a vida” ante un erro do software, instalación de drivers ou dalgunha aplicación que non funciona correctamente, e tamén ante a entrada dun virus no equipo.
Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.
Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.
Guías, materiais didácticos, ferramentas e outros materiais que poden resultar moi útiles: https://www.incibe.es/menores
Logo de iniciar a súa colocación nos centros educativos, arranca a dotación de Puntos Laranxa contra o acoso escolar nos Espazos Xove da comunidade autónoma.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron o Espazo Xove de Vilargarcía de Arousa, onde vén de ser habilitado un destes puntos á disposición da mocidade que tamén chegarán ás residencias xuvenís e de estudantes. Ambas coincidiron en fomentar a tolerancia cero ante calquera conduta contraria á convivencia, e en reclamar a implicación do conxunto da sociedade na loita contra o acoso.
En total está prevista a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar en todos os colexios e institutos galegos sostidos con fondos públicos, nos Espazos Xove e nas residencias xuvenís e de estudantes.
Estes puntos laranxas, que contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, funcionan a modo de caixa de correo a través da cal a mocidade pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan integral contra estas condutas impulsado pola Xunta de Galicia co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares e os espazos de interacción da mocidade conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.
Galiciencia, a feira científica promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), abriu o prazo para que os centros interesados se inscriban e vaian presentando os seus proxectos; poderán facelo ata o 18 de marzo a través da web da feira.
O obxectivo da nova edición e é novamente achegar o universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato.
Esta 19ª convocatoria celebrarase os días 8, 9 e 10 de maio, en formato presencial e tamén en liña.
A temática elixida é Mellor, de Madeira, un material que o Parque quere promover de xeito particular, en liña cos seus obxectivos de desenvolvemento sustentábel. Así, na feira porase de relevo a importancia da madeira como material respectuoso co medio, con múltiples beneficios para o noso planeta por ser un produto renovábel, biodegradábel e cunha ampla variedade de aplicacións en eidos diversos como a construción e a fabricación.
Na modalidade presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP; que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade online non hai límite de proxectos.
Premios
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.
O equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática Mellor, de Madeira, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.
Como nas anteriores edicións, Galiciencia contará cun concurso de deseño da camiseta oficial, concurso de fotografía e un desafío científico
Concurso de deseño da camiseta oficial
Ademais, o alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2024. O prazo estará aberto tamén ata o 18 de marzo. O alumnado interesado deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados ao enderezo galiciencia@tecnopole.gal ou presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia. https://galiciencia.com/edicion-2024/#camiseta
Concurso de fotografía a través de Instagram. Neste caso o prazo para presentarse remata o 15 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. https://galiciencia.com/edicion-2024/#fotografia
Desafío científico Mellor de Madeira!
O alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia poderá participar no Desafío Científico Mellor, de Madeira! Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse ata o 19 de febreiro a través da páxina web https://atrevete.galiciencia.com/
https://galiciencia.com/edicion-2024/
A Xunta de Galicia convoca o Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa de, entre outros colectivos, persoas mozas menores de 30 anos.
A liña de incentivos á contratación por conta allea inclúe catro modalidades de axudas:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.
c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.
d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.
A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
O incentivo á contratación dunha persoa moza será de 6.000 euros.
Entidades beneficiarias
- Persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea.
- Entidades sen ánimo de lucro
As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal a través dos formularios TR342C
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 29 de setembro de 2024.
Máis información no DOG do 19 de xaneiro de 2024
https://emprego.xunta.gal/portal/gl/8-empresas/empresas-gl/219-apoio-a-contratacion-servizos.html
A Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), vén de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, prevista para o período comprendido entre febreiro e xuño.
Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.
O alumnado participante terá a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. Segundo informan fontes da Tecnópole, nestes intres a Aula Newton Galicia dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas se convertan en pilotos por un día.
Haberá que responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.
https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia
A Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.
Requisitos das persoas aspirantes:
- Ter cumpridos os 18 anos o día anterior á data de realización da proba.
- Non estar en posesión do título de graduado en educación secundaria.
- Non estar nin ter estado a cursar ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ordinaria nin de formación profesional básica no curso 2023/24.
Realización das probas:
- Convocatoria de abril: a proba terá lugar o día 12 de abril de 2024.
- Convocatoria de xuño: a proba terá lugar o día 7 de xuño de 2024.
O prazo de presentación de solicitudes de inscrición na proba serán:
- Para a convocatoria de abril: do 5 ao 21 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos.
- Para a convocatoria de xuño: do 8 ao 19 de abril de 2024, ambos os dous incluídos.
Poderanse presentar solicitudes de inscrición nos seguintes centros educativos:
- A Coruña: EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, nº 3, 2º andar, 15011 A Coruña.
- Ferrol: EPAPU Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
- Santiago de Compostela: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
- Lugo: EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
- Ourense: EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, nº 4, 32002 Ourense.
- Pontevedra: EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, nº 26, 36002 Pontevedra.
- Vigo: EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, nº 8, 1º andar, 36202 Vigo.
As solicitudes poden descargarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED540A
Máis información e exames de anos anteriores en http://www.edu.xunta.gal/portal/node/1238
Publicado no DOG do 11 de xaneiro de 2024
A Semana Europea da Mocidade (SEJ/EYW) é unha campaña bienal da Comisión Europea co obxectivo de promover a cidadanía activa entre os mozos, dar a coñecer as oportunidades que a UE lles ofrece como os programas Erasmus+ e Corpo Europeo de Solidariedade, e escoitar as súas opinións sobre os temas que lles interesan.
A edición de 2024 terá lugar do 12 ao 19 de abril, dous meses antes das eleccións europeas, que se celebrarán entre o 6 e o 9 de xuño de 2024. Polo tanto, durante a Semana poñerase o foco na posta en práctica da democracia e a importancia de que os mozos participen nas eleccións.
Baixo o lema “Dálle voz á túa visión. Democracia en acción”, desde o 12 ao 19 de abril (e durante as semanas anterior e posterior) diferentes entidades organizarán actividades, en diversos formatos (debates, exposicións, charlas, xornadas de portas abertas,…) para impulsar estes obxectivos.
Todas as actividades serán difundidas a través da páxina da SEJ/EYW na que poderás consultar, a través do mapa, as que estean máis preto de ti ou que che resulten máis interesantes.
Se vas organizar unha actividade no marco da Semana é, tamén, o sitio no que debes rexistrala; iso asegurarache a súa difusión.
Fai que se oia a túa voz! Votar é unha forma de facelo.
Máis información
https://youth.europa.eu/