Esta iniciativa, que ten aberto o seu prazo de inscrición, ten a finalidade de achegar á mocidade actitudes seguras no uso dun vehículo
Os destinatarios desta iniciativa son mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, que saiban conducir, aínda que non é preciso que sexan titulares de permiso
Desde 2010 arredor de 1.700 mozos e mozas galegos puideron participar nesta acción formativa destinada a mellorar a seguridade viaria
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, mantén aberto o prazo de inscrición para participar nalgunha das preto de 200 prazas dos cursos de condución segura en 2013.
Esta iniciativa ten a finalidade de achegar á mocidade actitudes seguras no uso dun vehículo, tomando como base o coñecemento dos factores de risco na condución, dos sistemas de seguridade activa e pasiva do vehículo, así como da técnica de condución.
Os destinatarios desta iniciativa son mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, que saiban conducir, aínda que non é preciso que sexan titulares de permiso, xa que a escola que imparte o curso dispón de homologación da Dirección Xeral de Tráfico.
Os cursos impártense os sábados e domingos na plataforma de estacionamento do Polígono Industrial de Teixeiro, en Curtis (A Coruña), ata o 9 de xuño. O número de prazas máximas para cada día é de 15 e a cota do curso é de 24 euros para os posuidores do Carné Xove e de 30 para o resto.
Conta cunha parte teórica seguida doutra práctica aos mandos dun vehículo. Na teórica os alumnos coñecerán os factores de risco, como o alcohol, as drogas, o sono ou as distraccións ou como afectan na condución os elementos de seguridade activa e pasiva como o ABS, o control de tracción e de estabilidade o cinto ou o airbag.
Na parte práctica, os participantes poderán poñerse aos mandos dun vehículo para practicar diferentes técnicas de condución nun circuíto que simula superficies esvaradías, practicas de freadas de emerxencia e con avaría, slálom ou circuíto de Kann.
Os cursos de condución segura desenvólvense desde 2010 en varias localidades galegas. Ao longo destes anos, arredor
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos 30 participantes desta iniciativa que desenvolve a Escola de Tempo Libre Nordesía en Santiago
Nos últimos 4 anos constituíronse en Galicia 17 novas escolas de tempo libre
O obxectivo desta acción formativa é ofrecer aos mozos e mozas ferramentas para mellorar o seu perfil laboral para avanzar na procura de emprego
O Plan de Formación de Xuventude consta este ano de 153 cursos de diferentes temáticas que beneficiarán a preto de 18.000 persoas
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a promover en Santiago a través do seu Plan de Formación un curso de habilidades técnicas do tempo libre para a empregabilidade da mocidade. O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos 30 alumnos desta iniciativa que está a desenvolver a Escola de Templo Libre Nordesía.
A acción formativa, que comezou o pasado 1 de marzo e rematará este luns, ten como obxectivo ofrecer aos mozos e mozas ferramentas que supoñan unha mellora no seu perfil laboral coas que poidan avanzar na procura de emprego. De feito, o curso fomenta que os seus participantes aprendan a utilizar as habilidades que adquiren monitores e directores de tempo libre no proceso de busca de emprego.
A actuación estrutúrase en catro módulos: o primeiro aborda as habilidades sociais e as técnicas que se desenvolven no tempo libre; o segundo estuda os perfís profesionais e as competencias no mercado laboral; o terceiro eixo promove as ferramentas para a aplicación do tempo libre na procura do emprego; e, finalmente, o cuarto descobre outros instrumentos e técnicas innvodadoras na empregabilidade.
Todos os cursos que se están a impartir no eido do tempo libre a través do Plan de Formación de Xuventude foron propostos por algunha das 49 escolas de tempo libre de Galicia, un sector que está en auxe. Son as únicas que poden expedir os títulos oficiais de monitor ou director e, así, en 2012 expediron 1.419 títulos fronte aos 884 de 2009. Ademais, entre estes catro anos constituíronse en Galicia 17 novas escolas de tempo libre.
O Plan de Formación de Xuventude consta este ano de 153 cursos de diferentes temáticas que beneficiarán a preto de 18.000 mozos e mozas, o que supón 5.800 persoas máis que o ano pasado. A iniciativa consta de 7.000 horas de formación non formal. Os cursos divídense nas áreas de xuventude e voluntariado.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata ao centro plurilingüe Pepe Xan da Baña de Santa Comba
Un total de 24 centros de Galicia e máis de 2.000 estudantes están a participar nesta actividade desde o pasado mes de outubro
Ademais do ‘Pasaporte Solidario’, que está enfocado cara os máis novos, a Dirección Xeral tamén promove a adscrición dos institutos á Rede de centros escolares solidarios
O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas son capaces de ofrecer un servizo solidario, que aporta valor á sociedade
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, ten por obxectivo promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado), e favorecer que os escolares se comprometan como voluntarios, a través da iniciativa ‘Pasaporte Solidario’.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata ao centro plurilingüe ‘Pepe Xan da Baña’ de Santa Comba (A Coruña) para participar nunha actividade de dinamización deste programa que consta dunha metodoloxía activa e participativa para achegar ao alumnado á realidade do voluntariado.
Un total de 24 centros de Galicia e máis de 2.000 estudantes están a participar nesta actividade desde o pasado mes de outubro. Entre as accións que teñen que certificar os participantes para cubrir o pasaporte atópanse tarefas como acompañar aos maiores, colaborar na casa, ou axudar aos compañeiros de clase.
Ovidio Rodeiro aproveitou a súa visita a este centro para escoitar suxerencias e propostas para mellorar o Pasaporte Solidario, unha iniciativa que cumpre o seu terceiro ano de vida; así como para saudar a todos os alumnos participantes e manter con eles varias reunións para coñecer de primeira man como foron desenvolvendo as distintas actividades.
O Pasaporte Solidario é un documento cuxas páxinas conteñen propostas de actividades solidarias pensadas tanto para alumnos de primaria como de secundaria. Cada estudante que o solicita –coordinados polos centros- ten que encher o seu pasaporte con certificados que acrediten o cumprimento da actividade solidaria antes de finais de maio.
Rede de centros escolares solidarios
Ademais do Pasaporte Solidario, que está enfocado cara os máis novos, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado tamén promove a adscrición dos institutos á Rede de centros escolares solidarios, que pretende descubrir o voluntariado ao alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e de adultos de Galicia e animalos a comprometerse.
O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto, son capaces de ofrecer un servizo solidario, que aporta valor á sociedade.
Cada centro escolar pode desenvolver con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, cun proxecto único que repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, ou ben a participación en proxectos realizados en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, de xeito que os alumnos realicen actividades solidarias a favor da entidade.
Levarase a cabo un curso presencial e especializado os días 19 e 20 de abril no Centro de emerxencia para vítimas de violencia de xénero en Vigo
O director xeral de Xuventude e Voluntariado lembrou que preto de 2.000 persoas participaron nos dous cursos básicos de voluntariado
López Abella presentou a “Guía para o voluntariado de violencia de xénero” para apoiar a súa acción voluntaria e reforzar a súa implicación en contra da lacra social
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, informaron esta mañá en rolda de prensa das accións que levarán a cabo durante o 2013 sobre o programa de voluntariado para o acompañamento ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas.
Ambos departamentos puxeron en marcha a finais do pasado ano este programa, que parte da necesidade da implicación de toda a sociedade na loita contra a lacra que supón violencia de xénero.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, lembrou que preto de 2.000 persoas participaron nos dous cursos básicos de voluntariado de acompañamento a vítimas de violencia de xénero, organizados no marco deste programa, un seguimento que “confirma a necesidade de que a Administración oferte medios e programas para canalizar a solidariedade voluntaria no apoio daqueles colectivos que máis sofren”.
Segundo explicou a secretaria Xeral da Igualdade, este ano, despois dunha primeira fase de formación dos voluntarios e voluntarias, pasase á segunda fase, na que se lles formará nun curso máis especializado no Centro de emerxencia para vítimas de violencia de xénero en Vigo, CEMVI.
O curso contará con 30 prazas e realizarase os días 19 e 20 de abril, cunha duración de 8 horas. O seu obxectivo é poñer a disposición do CEMVI unha bolsa de voluntarios e voluntarias que poidan colaborar cos e cas profesionais da institución para darlle unha atención máis integral e máis individualizada ás usuarias do Centro.
Concretamente, formarse ao voluntariado para acompañar e apoiar ás vítimas e ás súas fillas e fillos que residen con elas no centro; acompañalas ás dependencias administrativas, policiais ou xudiciais; apoiar aos nenos e nenas e contribuír en definitiva, a unha mellor atención integral e de recuperación das mulleres e menores que sofren violencia de xénero.
Nese sentido, cabe destacar a importancia do perfil diverso das voluntarias e voluntarios que van participar nesta fase de formación, posto que a súa labor voluntaria poderá posibilitar a realización de actividades complementarias as que se desenvolven no centro: actividades de carácter lúdico, artístico, actividade física, reforzo educativo, etc.
Precisamente por iso, as encargadas de formar aos voluntarios e voluntarias serán as propias traballadoras do Centro de Emerxencia de Vigo, que contarán ademais coa colaboración da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo, entidade que acumula ampla experiencia no acompañamento voluntario de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Os contidos da acción formativa están divididos en seis módulos. O primeiro centrarase en entender psicoloxicamente ás vítimas da violencia de xénero; o segundo, terceiro e cuarto a coñecer os métodos de funcionamento e os recursos da Rede galega de acollemento, da Rede de Mediadoras contra os malos tratos de Vigo e do Centro de Emerxencia de Vigo; o quinto abordará nocións xurídicas básicas -Orde de protección, policía custodio, dereitos das vítimas, confidencialidade, medidas de seguridade- e o sexto e último módulo, dará a coñecer cómo colaborar e as súas funcións e cometidos como voluntarios do CEMVI.
Os participantes obterán unha certificación oficial da súa colaboración e da experiencia adquirida, como recolle a Lei Galega de Acción Voluntaria. Ovidio Rodeiro indicou que se trata dunha acción que encaixa cos obxectivos que marca o Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, “unha estratexia xurdida do diálogo e o consenso con máis de 800 entidades sociais de Galicia”.
Guía para o voluntariado
Ademais de informar sobre este curso específico, López Abella presentou a “Guía para o voluntariado de violencia de xénero” que, coa finalidade de apoiar a súa acción voluntaria e reforzar a súa implicación en contra da lacra social que supón a violencia contra as mulleres, será entregada a todos/as voluntarios/as que participen nas actuacións formativas.
A Guía explica e informa aspectos como “Que é ser voluntario/a?”, “Que é a violencia de xénero?”,”Tipificación da violencia de xénero”, “A escalada e o ciclo da violencia de xénero”, “Consecuencias da violencia de xénero nas mulleres e nas súas fillas e fillos”, “Mitos e realidades sobre a violencia de xénero”,”Indicadores para a detección dos malos tratos”, “Labor da persoa voluntaria en violencia de xénero” e “Recursos para as vítimas de violencia de xénero e os seus dereitos”.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, participaron hoxe na entrega de galardóns desta iniciativa, na que tomaron parte ata 160 mozos e mozas e 40 coordinadores
O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio resultou subcampión na final do alumnado que procedía da ESO; mentres que o IES A Pinguela de Monforte foi o segundo entre os equipos de bacharelato
Os temas propostos este ano centráronse no papel dos famosos como referentes para as xeracións máis novas, e na estética e culto ao corpo
Só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico dáse a coñecer aos equipos se teñen que posicionarse “a favor” ou “en contra”
Á final chegaron un total de 10 equipos que procedían de Becerreá, Foz, Monforte de Lemos, Ourense, Noia, Fene, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Poio
Mato eloxiou as “gañas de participar” e a implicación dos mozos e mozas, que amosaron a súa “vontade de dialogar, expresar as ideas e debatelas nun escenario de respecto e tolerancia”
O colexio Filipense Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa e o IES de Foz veñen de gañar hoxe a final do certame do Parlamento Xove, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar: o primeiro, na categoría da ESO; e o segundo entre os participantes de bacharelato. Na iniciativa, que rematou esta mañá, tomaron parte ata 160 mozos e mozas e 40 coordinadores, dos que 50 chegaron a esta final.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participaron hoxe na entrega de galardóns deste concurso, un acto no que estivo acompañada polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.
Mato eloxiou as “gañas de participar” e a implicación dos mozos e mozas, que amosaron a súa “vontade de dialogar, expresar as ideas e debatelas nun escenario de respecto e tolerancia”.
Na súa intervención, a responsable da área autonómica tamén felicitou aos 10 centros educativos que chegaron á final: o colexio Filipense Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), e o colexio internacional SEK Atlántico (Poio) na categoría de ESO; así como os IES de Becerreá; Foz; Laxeiro (Lalín); Virxe do Mar (Noia); Valle Inclán (Pontevedra); A Pinguela (Monforte); Fene; e o Colexio Divina Pastora (Ourense) na categoría de bacharelato.
De todos eles, e ademais dos gañadores, o colexio internacional SEK Atlántico de Poio e o IES A Pinguela de Monforte foron os que acadaron á posición de subcampións nas súas respectivas categorías tralo debate de hoxe.
Os participantes nesta iniciativa empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca do tema proposto pola organización. Deben realizar unha investigación previa, elaborar artigos para un blog, realizar un dossier de investigación e defender no debate a postura que lles toque.
O obxectivo é fomentar entre a xuventude o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias; ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais promovendo a selección de información, a expresión oral, as competencias básicas ou a argumentación razoada. Tamén se fomenta a tolerancia e respecto polas ideas dos demais.
Na categoría de ESO, este ano o tema de debate foi “Son os famosos cunha presenza destacada nos medios de comunicación un referente para as xeracións máis novas?”, mentres que no bacharelato o tema centrouse na “Estética e culto ao corpo: a sociedade valóranos máis polo que somos ou polo que aparentamos?”.
Só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se dá a coñecer a cada equipo –formado por 4 alumnos máis un profesor- se lles corresponde responder “a favor” ou “en contra” da cuestión formulada. É un xurado, formado por xornalistas, o encargado de decidir o gañador.
Premios
Os gañadores ao mellor artigo e mellor dossier de investigación recibiron cada un unha tablet. Pola súa banda, o equipo campión de ESO ten como premio unha semana de ocio educativo no albergue xuvenil LUG II, cun programa de actividades de multiaventura e ocio educativo, mentres que o subcampión desta categoría disporá dun fin de semana de ocio.
Xa na categoría de bacharelato, o equipo campión poderá disfrutar dunha viaxe valorada en 5.000 euros, e no caso dos subcampións cada un dos membros do equipo recibiu unha tablet.
O certame inclúe un premio especial ao mellor artigo e dossier de investigación, e tamén para os mellores oradores individuais.
A edición de Parlamento Xove 2013 comezou a súa andaina o pasado mes de outubro coa fase de formación, que rematou en xaneiro. Durante estes meses, o alumnado recibiu coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate. A forte implicación dos centros nesta competición fixo necesaria que se celebrasen tres fases preliminais, tanto en ESO coma en Bacharelato que tiveron lugar nos meses de febreiro e marzo.
Galicia está a acoller a un grupo de 15 mozos e mozas procedentes do municipio ruso de Novodevyathinsky, na rexión de San Petersburgo, que está a participar nun intercambio bilateral enmarcado dentro do programa galego de mobilidade ‘A Xuventude no Mundo’ que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe en Santiago aos participantes desta iniciativa que se enmarca dentro das accións de colaboración que en materia de xuventude manteñen a Xunta e o Concello de Novodevyathinsky. Este mesmo mes, entre os días 22 e 29, serán 15 mozos galegos os que viaxen ata este municipio. Os dous intercambios, segundo destacou Rodeiro, teñen como temática a análise das semellanzas e diferenzas entre os dous países á hora de abordar as posibilidades de emprego na xuventude.
‘A Xuventude no Mundo’ oferta neste primeiro semestre de ano un total de 50 prazas para que os mozos e mozas galegos realicen intercambios en catro países diferentes. Ademais de Novodevyathinsky, os participantes poden desprazarse ata Ossana (Italia), San Petersburgo (Rusia) e Prefectura de Wakayama (Xapón).
Rodeiro sinalou que este programa de mobilidade xuvenil ten como obxectivo que a mocidade poida desenvolver actividades de interese noutras partes de Europa, obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que poida incrementar o seu nivel de independencia e responsabilidade.
Os intercambios constan con aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, transporte na cidade e actividades organizadas pola entidade de acollida. A cargo dos participantes correrá o desprazamento ata o lugar, o seguro da viaxe, de accidente e de enfermidade, así como os gastos de obtención do visado para os intercambios a Rusia.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG)
O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que incrementan a súa oferta en 100 prazas con respecto a 2012
Prevese a contratación dunhas 900 persoas para os postos de monitores e directores de tempo libre
Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas, así como o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís
Tamén estarán en marcha actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro, e actividades de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior
Preto de 8.200 mozos e mozas poderán participar este ano na campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar para ofertar á mocidade actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo. As actividades, que este ano chegarán a case 100 persoas máis que o anterior, están dirixidas á persoas entre 9 e 35 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.
Rodeiro puxo en valor o esforzo da Xunta para manter esta campaña, e mesmo o seu incremento, fronte a outras comunidades autónomas que suspenderon esta actividades pola actual situación económica. Destacou esta aposta non só polo carácter cultural e lúdico que ten para os mozos e mozas ou pola xeración de emprego que supón, senón tamén porque favorece a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo,ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Este verán haberá 4.990 prazas en Galicia, ás que se suman un total de 173 noutras comunidades autónomas. A maiores, reservaranse 271 prazas para menores con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou menores tutelados.
Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto e poderán participar nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da orde no DOG, que é hoxe. O sorteo das prazas realizarase, ante notario, nos 45 días seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia.
A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material, e atención sanitaria. No caso de traslado a outras comunidades autónomas, inclúese tamén o transporte desde Santiago de Compostela ata o destino.
Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións entre o 15 de xuño e o 30 de setembro ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, concellos e mozos non asociados. A través desta fórmula, porase a disposición da mocidade un total de 1.815 prazas en doce instalacións distribuídas nas catro provincias galegas.
Actividades para maiores de 18 anos
Para os maiores de 18 anos e menores de 35, este ano volverase a organizar unha serie de actividades destinadas a este grupo de idade. Serán un total de 393 prazas, na costa e no interior, que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre.
Nos meses de verán poranse en marcha o “H2O+18: barrancos do Miño” e “Surfeando no Cantábrico”. Inclúense actividades deportivas e de coñecemento da cultura da auga galega, como o barranquismo, kaiak, BTT, xeocaching, surf, bodyboard, escalada e sendeirismo.
Tamén se organizan “Rutas en kaiak. Emprende no mar” na Ría de Vigo, cun percorrido de cinco días pola costa. Os mozos e mozas tamén poderán participar en actividades como tiro con arco, orientación ou snorquel na Illa de San Simón.
Este ano levarase a cabo tamén o proxecto “Conecta Galicia”, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior. Ao abeiro desta actividade, organizaranse actividades lúdicas e tamén sobre o Camiño de Santiago e o mar galego para descubrir o patrimonio histórico cultural, así como o medio mariño.
En total, os mozos da Galicia exterior terán reservadas 180 prazas entre as que se inclúen as deste programa e 20 a maiores en campos de traballo.
Campos de traballo
Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 310 prazas en Galicia. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.
Na Comunidade Autónoma organizaranse campos de traballo de diferentes temáticas: de conservación e información ambiental nas Illas Cíes; ambiental e etnográfico en Lalín; medioambiental en Vilar de Ordelles e Muíños; de bioconstrución en Vilar de Barrio; de audiovisual en Celanova; e cultural e etnográfico en Ponteceso.
Tamén haberá campos arqueolóxicos en Boqueixón e Rois; e de emprendemento en Palas de Rei.
Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón.
Os galegos e galegas poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan. Neste programa ofértanse máis de 220 prazas: 89 en distintas CCAA e 136 no estranxeiro.
Esta iniciativa está organizada de xeito experimental pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestucturas
As primeiras quendas, con 8 voluntarios cada unha, serán desde mañá, 2 de abril, ata o sábado 6 de abril; do 8 ao 12 de abril; do 15 ao 19 de abril; e do 22 ao 26 de abril
Os participantes obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestucturas, organiza este ano de xeito experimental o primeiro programa de Voluntariado Ambiental, que terá lugar no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
As primeiras quendas, con 8 voluntarios cada unha, serán desde mañá, 2 de abril, ata o sábado 6 de abril; do 8 ao 12 de abril; do 15 ao 19 de abril; e do 22 ao 26 de abril. A intención dos departamentos implicados neste proxecto é continuar a realizar este programa nos meses de primavera, outono e inverno.
Este programa de voluntariado nace co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional.
As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque, e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade destas illas.
O programa desenvólvese en quendas de 5 días, de luns a venres, e está concibido como un campo de traballo, no que grupos de 8 persoas voluntarias, xunto cun monitor, realizarán actividades de eliminación de especies invasoras, avistamento de cetáceos, recollida de datos paramétricos da auga do mar (temperatura, osíxeno....) e pequenas plantacións de especies autóctonas.
Para os voluntarios, este programa contén o aloxamento e pensión completa no albergue da illa de Ons, o programa de actividades e monitores e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Os voluntarios deberán desprazarse por conta propia ata o peirao de Bueu, desde onde serán recollidos en barco para o seu traslado á Illa.
Poden participar no programa voluntarios e voluntarias que teñan cumpridos os 18 anos no momento da súa participación. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán ter en conta que a indumentaria que leven ten que ser axeitada ás actividades a realizar ao aire libre, e deben levar saco de durmir e utensilios persoais de aseo.
Os participantes obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas con presenza institucional do seu departamento de Xuventude nas redes sociais
En total, en 2012 o portal institucional para a mocidade galega xuventude.xunta.es rexistrou un tráfico de 260.000 usuarios, que visitaron máis de 2,2 millóns de páxinas de información
Estes perfís proporcionan á xuventude.xunta.es máis da metade do seu tráfico total
As seccións máis visitadas son, por este orde, as de novas e anuncios, carné xove, emprego, acción de verán, rede galega de información xuvenil e bolsas e ensino
En canto ás redes sociais, Facebook é a que conta con máis seguidores, cun total de 6.589 fans
O perfil de Twitter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado conta con 3.866 seguidores e as mensaxes chegan a case 14.000 contas diferentes
O perfil de Tuenti, pola súa banda, conta con 1.134 seguidores
Os perfís que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ten nas redes sociais Facebook, Twitter e Tuenti contan con máis de 11.500 seguidores. Ademais, estes perfís proporcionan á xuventude.xunta.es máis da metade do seu tráfico total.
En 2009 a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, apostou polo reforzo de Internet como vehículo para a información e a interactuación coa mocidade. Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas con presenza institucional do seu departamento de Xuventude nas redes sociais.
En total, en 2012 o portal institucional para a mocidade galega rexistrou un tráfico de 260.000 usuarios, que visitaron máis de 2,2 millóns de páxinas de información. Dos visitantes, un 62 por cento son usuarios que xa visitaron o portal con anterioridade, mentres que o restante 38 por cento son usuarios novos.
As seccións máis visitadas son, por este orde, as de novas e anuncios, carné xove, emprego, acción de verán, rede galega de información xuvenil e bolsas e ensino. Como cabe supoñer, máis do 90 por cento do tráfico procede de Galicia, sendo Madrid e Cataluña as seguintes comunidades con máis accesos. Entre os países estranxeiros que tamén visitan o portal destaca o Reino Unido, Alemaña, Arxentina e Portugal.
En canto ás redes sociais, Facebook é a que conta con máis seguidores, cun total de 6.589 fans. Unha media de máis de 300 usuarios interactúan todas as semanas no perfil, ben premendo “me gusta”, ben comentando un estado ou compartindo os contidos. O 63 por cento dos seguidores son mulleres, un 35 por cento homes e o resto colectivos. Por idades, máis do 80 por cento dos seguidores que publican a súa data de nacemento teñen entre 18 e 34 anos.
O perfil de Twitter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado conta con 3.866 seguidores, as mensaxes teñen unha media de 138 retweets mensuais e chegan a 10.584 contas diferentes. O número de listas nas que foron incluídos os Twitts da Xuventude é de 85, mentres o índice Klout de influencia social sitúa este perfil nun 59 sobre 100. O perfil de Tuenti, pola súa banda, conta con 1.134 seguidores.
A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 300.000 euros en obras de mellora no complexo xuvenil As Mariñas, emprazado en Gandarío. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, para explicarlle en qué consistirán estes traballos e para asegurarlle que estas instalacións son e seguirán a ser de xestión pública.
“Imos realizar obras de actualización e mellora que proban a inequívoca aposta da Consellería por este albergue que seguirá a ser da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado”, destacou Rodeiro.
Os traballos consistirán principalmente na mellora da infraestrutura e o equipamento, ao tempo que se optimizará o sistema de calefacción.
Así mesmo, o director de Xuventude insistiu en que este complexo permanecerá aberto sempre que teña actividade, o que significa, que abrirá ademais da campaña de verán cando existan outras actuacións ao longo do resto do ano. Polo tanto, Rodeiro deixou claro que o albergue non pechará 9 meses ao ano.
En definitiva, Ovidio Rodeiro afirmou que o albergue seguirá a ser de xestión pública e que sempre que haxa actividade permanecerá aberto.