A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha o programa Xplora Xuventude que se configura a modo de campaña informativa e que ten como finalidade achegarse aos mozos e mozas a pé de rúa, aproveitando eventos con gran afluencia de público mozo.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro, os/as técnicos/as da Rede Galega de Dinamización Xuvenil percorrerán 40 concellos da xeografía da Comunidade co obxectivo de levar o traballo do departamento autonómico alí onde se atopan os mozos e mozas usuarios dos servizos que presta e beneficiarios/as dos programas que leva a cabo.
A iniciativa comezou hoxe no concello pontevedrés de Gondomar.
En cada localidade instalarase unha carpa con múltiples contidos dirixidos ao público xuvenil e ofrecerase información sobre recursos e programas para a mocidade e asesoramento para aqueles mozos e mozas interesados.
Ademais de información de interese para a mocidade, esta campaña informativa pretende ofrecer un espazo a grupos de mozos e mozas e entidades xuvenís no que poidan amosar as actividades e propostas que levan a cabo, servindo como escaparate do talento xuvenil.
Consulta aquí o cadro cos lugares e datas de instalación da carpa.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe os participantes desta iniciativa especializada en deportes náuticos
Neste ano 2013, o departamento autonómico investirá máis de 2,2 millóns de euros para financiar preto de 8.200 prazas de campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en toda Galicia, un 2,2% máis que o ano pasado
Así mesmo, aumenta tamén o número de albergues e campamentos nos que se desenvolverán as actividades desta campaña ata as 18 instalacións, cinco máis que en 2012
As empresas de ocio e tempo libre galegas están a dar emprego a máis de 900 monitores e directores de campamentos grazas a esta iniciativa
Beatriz Mato informou da posta en marcha do Plan de Mellora das Instalacións Xuvenís, que contará cun orzamento de máis dun millón de euros ata 2015 e permitirá a realización de obras en cinco centros
No caso das Sinas, destinaranse preto de 400.000 euros para aumentar a habitabilidade do albergue, reparar os desperfectos sufridos polo paso do tempo ou facelo máis accesible para as persoas con mobilidade reducida
Uns 600 mozos e mozas de entre 13 e 17 anos participarán ao longo deste verán nas actividades do albergue das Sinas en Vilanova de Arousa, que se inscriben no marco da campaña de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe aos participantes deste campamento especializado en deportes náuticos, e que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto en varias quendas. Mato indicou que estas instalacións atópanse entre as máis importantes no marco desta iniciativa que volve ofrecer á mocidade galega e ás súas familias un recurso de ocio educativo e tempo libre “de primeiro nivel”.
Para a titular de Benestar, estes campamentos, nos que se pode participar a partir dos nove anos, “axudan aos mozos e mozas galegos a incrementar as súas habilidades sociais, supoñen unha magnífica oportunidade de educación non formal, e ademais son un recurso de conciliación da vida laboral e familiar” á vez que contribúen a mellorar o coñecemento do medio natural, fomentan as actividades culturais, e promoven a práctica de xogos e deportes.
Neste ano 2013, o departamento autonómico investirá máis de 2,2 millóns de euros para financiar preto de 8.200 prazas de campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en toda Galicia, un 2,2 por cento máis que o ano pasado. Así mesmo, aumenta tamén o número de albergues e campamentos nos que se desenvolverán as actividades desta campaña ata as 18 instalacións, cinco máis que en 2012.
Beatriz Mato informou da posta en marcha do Plan de Mellora das Instalacións Xuvenís, que contará cun orzamento de máis dun millón de euros ata 2015. Iso permitirá a realización de obras en cinco centros. Ademais de nas Sinas, realizaránse reformas no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo (Lugo), no complexo xuvenil As Mariñas de Bergondo (A Coruña), no albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín (Lugo) e no campamento xuvenil Virxe de Loreto de Porto do Son (A Coruña) .
No caso das Sinas, destinaranse preto de 400.000 euros para aumentar a habitabilidade do albergue, reparar os desperfectos sufridos polo paso do tempo, facelo máis accesible para as persoas con mobilidade reducida e mellorar aspectos como a iluminación, as instalacións eléctricas ou a ventilación, entre outros.
Doutra banda, a conselleira de Traballo e Benestar valorou que, ademais de mellorar as habilidades e as relacións entre os participantes, a Campaña de Verán conleva un importante impulso ao emprego. De feito, as empresas de ocio e tempo libre galegas están a dar emprego a máis de 900 monitores e directores de campamentos grazas a esta iniciativa.
Por último, Beatriz Mato lembrou que a Campaña de Verán inclúe tamén actividades para os mozos e mozas maiores de 18 anos, prazas en campos de traballo e intercambios con outras Comunidades Autónomas como o País Vasco, Castela e León, Estremadura ou A Rioxa.
O delegado territorial da Xunta subliñou que a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado aumentou as prazas para participar nas actividades da campaña de verán e ampliou o número de instalacións
Rogelio Martínez visitou hoxe os participantes da actual quenda de idades comprendidas entre os 9 e 11 anos
Durante os once días desenvolverán actividades de teatro e aventura
Na campaña de verán organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, este ano ofértanse un total de 785 prazas na provincia de Ourense, 245 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 35 anos participen nestas actividades de educación non formal. O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros no total galego.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, subliñou a aposta do Goberno galego para manter a oferta destas actividades, e mesmo o seu incremento, fronte a outras comunidades autónomas que suspenderon estas actividades. En Ourense tamén se amplía o número de instalacións nas que se ofertan prazas de campamentos , incluíndo 3 novos albergues respecto ao ano anterior. Así, ao campamento xuvenil “Penedos de Xacinto” no concello de Entrimo e á Residencia “Florentino López Cuevillas” da capital, súmanse nesta campaña á Estación de montaña Manzaneda; o albergue xuvenil “Vilar de Ordelles”, no concello de Esgos; e o Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles.
Teatro e aventura na natureza
Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, visitou esta mañá no campamento xuvenil Penedos de Xacinto, na localidade ourensá de Entrimo, os 100 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, que participan na primeira quenda de xullo.
Durante a súa estadía en Entrimo os rapaces poderán participar en actividades de teatro e aventura na natureza que inclúen clases de dramatización, expresión corporal e desinhibición; obradoiros de formación e observación; ensaios e propostas teatrais; técnicas de circo; malabares e equilibrio; ademais de piscina.
Ao longo de todo o verán por este campamento de Entrimo pasarán máis de 350 mozos e mozas para participar en actividades de teatro, aventura na natureza e deporte.
O Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles, acolleu dende o día 1 de xullo o primeiro dos campamentos de verán que acolle a provincia de Ourense. Un total de 45 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos participaron nun campamento que tivo actividades como obradoiros de ecoloxía, de comunicación e expresión, iniciación á hípica, pequenas rutas, xogos e veladas de animación.
Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 785 prazas na Campaña de Verán, 245 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 35 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
Na provincia ourensá se amplía o número de instalacións nas que se ofertan prazas de campamentos , xa que ademais do Centro de Educación ambiental Equal, no concello de Coles, tamén hai actividades da Campaña de Verán no campamento xuvenil “Penedos de Xacinto” no concello de Entrimo, na Residencia “Florentino López Cuevillas” da capital, na Estación de montaña Manzaneda e no albergue xuvenil “Vilar de Ordelles”, no concello de Esgos.
Os interesados poden inscribirse no portal web http://xuventude.xunta.es ata o 26 de xullo
Teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega
A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar abriu o prazo para que os concellos galegos poidan inscribirse para participar nos obradoiros xuvenís ‘Activa 2013’. Os interesados poderán facelo no portal web http://xuventude.xunta.es ata o 26 de xullo.
Estes obradoiros están programados para constituír accións formativas no ámbito da educación non formal. Teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega.
Serán os concellos os que oferten directamente as actividades aos mozos e mozas, co obxectivo de facilitar a participación de todas aquelas persoas interesadas. Ademais, os concellos tamén poderán pedir a incorporación de novas temáticas de especial interese para as características dos mozos e mozas do seu municipio.
O programa Activa está especialmente destinado aos menores de 30 anos, a profesionais e concelleiros que traballan coa xuventude e a integrantes de asociacións e grupos informais. Son impartidos polos técnicos do proxecto de dinamización xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
As temáticas están asociadas a oito temas, distribuídos cada un deles en obradoiros de dúas horas e de carácter presencial: oratoria motivacional ou coaching; entrevistas de traballo e elaboración de currículos; programas, recursos e axudas da UE en materia de xuventude; voluntariado xuvenil, creación e mantemento dunha asociación xuvenil; discurso público e oratoria; xestión e execución de proxectos de participación xuvenil e programas e axudas públicas para mozos e mozas.
A diversidade destas accións formativas responde ás solicitudes formuladas polos distintos axentes que participaron no programa en edicións anteriores, así como da análise das necesidades formativas da mocidade galega no ámbito da educación non formal non cubertas por outras actividades e programas impulsados polas distintas administracións.
A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular, tal e como testemuñan os estudos realizados polos técnicos de xuventude da Comisión Europea.
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria para que os colexios e institutos públicos se sumen a esta iniciativa de innovación educativa, na que está previsto que participen máis de 300 centros de ensino
Este curso incorpórase unha 6ª actuación para a mellora da xestión da calidade dos centros
Nesta terceira convocatoria, amplíase o prazo ata o 13 de setembro para favorecer a incorporación de novos centros
Preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa, na que Galicia foi Comunidade Autónoma pioneira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará o vindeiro curso 2013/14 impulsando a mellora da calidade educativa a través da nova convocatoria de contratos-programa, na que está previsto que se impliquen máis de 300 centros de ensino, e na que Galicia foi pioneira. Os centros participantes no curso 2013/2014 poderán solicitar ata 6 actuacións, entre elas, PROA; mellora da lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar e mellora da excelencia educativa. A estas cinco actuacións que se viñan desenvolvendo ata este curso que remata, engádese agora unha sexta de especial interese para aqueles centros que procuren a mellora da calidade da súa xestión.
Os destinatarios de contratos-programa son os colexios e institutos públicos de Galicia interesados en desenvolver iniciativas que procuren a mellora do éxito escolar a través da introdución de metodoloxías innovadoras.
O éxito deste programa quedou demostrado, non en balde preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa. No caso concreto das liñas de actuación referidas á redución do abandono e á mellora de coñecementos para acadar a excelencia a valoración é positiva ou moi satisfactoria no 100% dos centros. De feito, e de cara á convocatoria do próximo curso, a práctica totalidade dos 289 centros participantes nesta iniciativa transmitiron o seu interese por continuar con ela o próximo ano.
Novidades
Outra das novidades que se presenta para este novo curso é a xestión da convocatoria a través dunha aplicación informática específica que facilitará a introdución e a xestión dos datos das solicitudes dos centros.
O prazo de solicitude para concorrer nesta convocatoria estará aberto desde o 6 de xullo ata o vindeiro 13 de setembro. Con esta medida procúrase facilitar o proceso de solicitude dos centros de nova incorporación.
Neste curso 2012/13 que remata, un total 289 centros contaron con contratos-programa, o que supuxo que 3 de cada 10 centros públicos de ensino obrigatorio de Galicia se beneficiasen desta iniciativa.
O Complexo Xuvenil As Mariñas de Bergondo é o centro que máis participantes acolle da Campa de Verán da Xunta de Galicia. Nesta instalación, que engloba nunha xestión común os albergues xuvenís de Gandarío e Marina Española, disfrutarán dos campamentos de verán un total de 1.330 mozos e mozas.
Neste intres, o albegue Marina Española está ocupado ata o día 8 por un campamento para os máis pequenos, de 9 e 10 anos de idade, que se titula “A miña primeira aventura”, que conta con xogos tradicionais, actividades culturais e de educación ambiental e mariña. Mentres, en Gandarío mozos e mozas de entre 13 e 15 anos participan nun campamento de actividades acuáticas, con vela, táboa, canoa e coñecemento práctico da natureza mariña.
Precisamente as actividades relacionadas co mar é a especialidade destes dous albergues, xa que ademais de estar a carón da praia, contan cun importante equipamento para que os participantes nos campamentos aprendan técnicas básicas de navegación a vela ou TDV (windsurf).
Marina Española é un edificio de 4 andares a carón do mar con aloxamento en cuartos de 6 camas e aseo integrado. Dispón de salas de xuntanza, salón de usos múltiples, sala de xogos, pistas deportivas, polideportivo cuberto e espazos ao aire libre.
Pola súa banda, Gandarío é un gran recinto de 50.000 metros cadrados situado á beira da praia, con amplas zonas verdes, instalacións deportivas, laboratorio de aula-mariña, salón de xogos, museos de bioloxía mariña e de arte xuvenil, salas de xuntanzas e zona de acampada con servizos e cafetería.
A Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado reserva neste ano nos campamentos xuvenís un total de 271 prazas destinadas a colectivos con características especiais.
Deste xeito, teñen prazas reservadas mozos e mozas con algún tipo de discapacidade, que tanto son integrados nos campamentos ordinarios, como tamén contan con quendas específicas no Complexo Xuvenil As Mariñas, en Bergondo e no Campamento Xuvenil de Pontemaril, en Forcarei.
Ademais, tamén se reservan prazas para outros dous colectivos, como son os de mozos e mozas que están en centros de menores dependentes da administración e os procedentes de familias con casos de maltrato. Na organización de estas prazas a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora coas secretarías xerais de Política Social e Igualdade.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de subvencións
Cada proxecto municipal terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderá incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta entre varias entidades locais
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destina un total de 700.000 euros para promover as actividades que desenvolven os concellos dirixidas á mocidade.
Esta liña de axudas ten como obxectivo principal potenciar os servizos municipais de información xuvenil, así como fomentar actividades formativas e educativas no ámbito do ocio e tempo libre, o asociacionismo xuvenil e promover a utilización das novas tecnoloxías por parte da xuventude.
Cada un dos proxectos municipais terá unha subvención máxima de 3.000 euros, que se poderán incrementar ata os 6.000 no caso de que sexa unha solicitude conxunta dunha agrupación de concellos, de mancomunidades, ou dunha fusión de municipios.
Serán obxecto de axuda, por unha banda, os custos derivados do funcionamento do servizo de información xuvenil, incluídas as actividades que desenvolvan; e, por outra banda, tamén se financiarán as iniciativas formativas e educativas relacionadas coa creación xuvenil, os programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre e, en xeral, todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil que estean destinados á mocidade de idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos.
O prazo para participar nesta orde está aberto ata o 3 de agosto e os proxectos deberán estar concluídos o día 15 de outubro.
A concesión de subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios de avaliación dos proxectos serán o bo funcionamento das oficinas municipais de información xuvenil, segundo os informes técnicos das xefaturas territoriais; as características innovadoras, viables e formativas; o número de beneficiarios potenciais; a pertenza a unha zona rural ou o emprego da lingua galega.
As iniciativas presentadas poderán acadar unha puntuación superior se, ademais dos criterios anteriores, son presentados de forma conxunta por varios concellos.