En portada (1157)

O Programa de avais para a mocidade ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por persoas teñan menos de 36 anos.

Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estas deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de 36 anos. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
c) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
d) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM* e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa.

Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a vivenda estea situada en Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
b) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos inherentes á adquisición, non supere os prezos de adquisición, segundo as zonas territoriais** onde se localice a vivenda:
− Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 240.000 euros.
− Concellos correspondentes á zona territorial 1: 180.000 euros.
− Concellos correspondentes á zona territorial 2: 130.000 euros.

Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/s persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/as persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en España.
Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:
a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.
b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio, situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.
c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co procedemento VI402B

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 28 de abril e estará aberto ata o 30 de novembro de 2023, ou ata o esgotamento do importe máximo de avais que se concedan no ano 2023, que se fixa en cinco millóns de euros.

Maís información no DOG do 11 de abril de 2023 e en https://igvs.xunta.gal/portada

* IPREM Mensual para 2023: 600 €

** Zonas territoriais
− Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: comprende os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.
− Concellos correspondentes á zona territorial 1:
Na provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.
Na provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.
Na provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.
Na provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
− Concellos correspondentes á zona territorial 2: resto de municipios da Comunidade Autónoma.

Dende este mes sumamos un punto máis onde poder facer ou activar o teu carné xove: a Casa da Cultura de Portas.

Localízase na Rapeira, nº 1, en Portas. Para que che fagan ou activen o carné xove cómpre que acudas de luns a venres de 9:00 a 14:00 h. Ademais, pódelos contactar por teléfono (986 536 925) ou por correo electrónico (bpmportas@gmail.com).

Casa da Cultura de Portas
A Rapeira, 1
36658 Portas. Pontevedra
Teléfono 986 536 925
bpmportas@gmail.com

Descontos co Carné Xove, seguro de viaxe, puntos de activación, carné xove virtual...: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 volve bater todos os récords históricos con máis de 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas, 400 máis que o ano pasado, sendo Galicia a Comunidade Autónoma que máis prazas oferta.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, deu a coñecer a nova programación estival no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, onde salientou que se trata dunha oferta ampla, variada e accesible, para que a xuventude galega teña un verán inesquecible.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo e a Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, concretou que entre as novidades desta edición, que leva por título ‘O verán que sempre vas lembrar’, está a incorporación dun novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela. Tamén destacou a creación de novos campos de voluntariado en Santa Comba, Viana do Bolo, Pantón e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz; así como un campo de voluntariado específico para mozos galegos no exterior en Castro de Rei. Así mesmo, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria, ademais de crear un novo en Castela-A Mancha.

A conselleira destacou que a Xunta segue a apostar pola campaña de verán para que as mozas e mozos de entre os 9 e os 30 anos pasen un verán inesquecible e para que as familias conten cun recurso de conciliación fundamental durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. Con este fin, a Xunta pon a disposición da xente nova un total de 36 instalacións xuvenís por toda a xeografía galega para levar a cabo as diferentes actividades de ocio e tempo libre dos campamentos.

As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o vindeiro 18 de abril, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.

Campos de voluntariado
Por outra banda, a Xunta ten listo tamén o programa de campos de voluntariado. En total ofreceranse 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas en Cíes. As solicitudes poderán presentarse tamén desde o día 18 mediante un formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude. As solicitudes aos Campos de Voluntariado internacionais xa se poden presentar.

Por provincias, a localización e nome dos campos de voluntariado é a seguinte. Na da Coruña haberá trece: Vilarbó (As Pontes); ‘Lembrando a nosa pegada’ (Outes); ‘Alí, Xaz’ (Ponteceso); ‘Luces de Boimorto’ (Boimorto); ‘O batán do Mezonzo’ (Vilasantar); ‘Arboretum’ (Mesía); ‘Dunas de Corrubedo’ (Ribeira); ‘Monte da Espenuca’ (Coirós); ‘Amicos’ (Boiro); ‘Castro de Lupario’ (Rois); ‘Visualizando Camiños’ (Boqueixón e Vedra); ‘Castro de Montesclaros’ (A Laracha) e ‘A Braña da Serra’ (Santa Comba).

Na provincia de Lugo, desenvolveranse oito campos de voluntariado en Castro da Torre (Folgoso do Courel); Castro da Guitarra (Pantón), Pena Furada (Quiroga); ‘Xuventude é Camiño’ (Palas de Rei); ‘Friulio’ (Friol); ‘Da auga e da pedra’ (Guitiriz); ‘Castro e Romaría de San Lourenzo’ (A Pobra do Brollón); e ‘Castro de Viladonga’ (Castro de Rei).

Na provincia de Ourense, terán lugar once campos: Esgos; ‘Teatro do Bibei’ (Viana do Bolo); ‘Loñoá’ (O Pereiro de Aguiar); Larouco; Castelo de Monterrei (Monterrei); ‘Do audiovisual galego’ (Celanova); Parque natural do Xurés (Muiños); ‘Sapere Aude’ (Vilar de Santos e Allariz); ‘Saberes de onte e de sempre’ (Bande); ‘Destino Vilariño’ (Vilariño de Conso); e ‘Recuperando o tempo esquecido’ (A Veiga).

E na provincia de Pontevedra celebraranse catorce campos de voluntariado: ‘Ruta de Palacios’ (O Porriño); ‘Aldea Alfacuca’ (Mos); ‘O Camiño Portugués pola costa’ (Oia); ‘Tradición en verde’ (Lalín); ‘Shinrin Yoku’ (Soutomaior); ‘Salvemos o mar’ (Vilanova de Arousa); ‘Rural influencers’ (Cerdedo-Cotobade); ‘A terra que habita o mar’ (O Grove); Illa de San Simón (Redondela); e as cinco quendas en Cíes.

As temáticas dos campos de voluntariado son moi diversas: medioambiental, arqueolóxico e patrimonial, social, cultural, etnográfico, audiovisual ou teatral, entre outras.

Máis información sobre a Campaña de Verán: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

Así foi a 3º Edición do Congreso Mo_Cidade da Xunta de Galicia

basifoi3

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, clausurou o pasado sábado, 25 de marzo, a 3º Edición do Congreso Mo_Cidade, celebrada no Palacio de Exposición e Congresos da Coruña (Palexco), contou coa participación de 400 persoas. Na cita puideron gozar dun amplo abanico de actividades como conferencias, concertos, talleres ou monólogos.

Fabiola García lembrou que Mo_Cidade este ano se cambiou de data e tamén de localización, pero que mantivo o seu espírito cunha edición con moito talento. Así, puxo en valor que o importante deste congreso é que “está integrado por mozos que se dirixen a mozos” e, a través do cal, se busca que broten ideas e se impulsen novos proxectos.

Neste sentido, a conselleira subliñou que o Goberno galego quere que a Galicia de hoxe incorpore canto antes todo o que ten que achegar a mocidade galega, por iso, sinalou que son moitos os programas que se poñen en marcha para dalo a coñecer. Entre eles, destaca Xuventude Mentoring, para a inmersión e titorización no mundo laboral de persoas que acaban de estudar; Iniciativa Xove, que ofrece axudas de ata 5000 euros para que comezar un proxecto sexa máis fácil; ou o Parlamento Xove, que convida a debater e mellorar as habilidades na oratoria.

 

CHARLA2CHARLA3Cristina2IMG 0573IMG 0627IMG 0719IMG 0753IMG 3326IMG 3348IMG 3441 2IMG 3472IMG 3511

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mo_cidade 2023

Teñen lugar diferentes actividades que procuran darlle protagonismo á xente nova e aos ámbitos do seu interese como pode ser a cultura urbana, as novas tecnoloxías, o mundo dos videoxogos, a música, o emprendemento e o acceso ao comprado laboral. En definitiva, unha cita de lecer na que se conxuga e ponse en valor o talento da mocidade e o seu papel na sociedade.

Nesta edición celebráronse conferencias de profesionais recoñecidos como o mánager do artista C Tangana, Íñigo Elósegui; a tiktoker Carla Gabián; a cofundadora de Lázzaro e unha das integrantes na lista Forbes menores de 30 anos, Carlota Corzo; ou o director deportivo do equipo de gaming KOI, David Sabater.

Tamén houbo actividades dirixidas ao persoal técnico, con xornadas de traballo específicas; actuacións musicais a cargo de Alicia Otero, gañadora da especialidade de Música de Xuventude Crea 2021, ou da artista Lina de Sol; un monólogo do humorista galego Pablo Meixe...

Se queres participar no programa de Campos de voluntariado no estranxeiro, o luns, día 13 de marzo, ábrese o prazo para presentar as solicitudes.

Existen máis de 400 opcións de campos ás que poderás apuntarte.

Máis información

A Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) lanza de novo este ano a campaña de Bonos Albergues REAJ, co fin de incentivar o uso dos albergues da rede, dala a coñecer xunto co Carné de Alberguista, fomentar o movemento alberguista e que os mozos, mozas e grupos coñezan novos destinos.

As persoas e grupos posuidores dun bono poderán facer uso del en calquera albergue da rede para estancias que teñan lugar ata o 31 de maio de 2023. Por tanto, as persoas usuarias ou grupos deberán asegurarse de que as súas estancias (pernoitas) teñen lugar antes de dita data, xa que non poderán ser utilizados a partir dela.

A campaña Bonos Albergues REAJ componse de:
- Bonos Individuais de 30 euros (IVE incluído).
- Bonos Grupais de 200 euros (IVE incluído).

Os devanditos bonos serán postos ao dispor dos usuarios na páxina web de REAJ cada semana de maneira graduada.

 

REQUISITOS

Bonos individuais:

Os Bonos Albergues REAJ individuais poderán ser solicitados por calquera persoa física que teña entre 18 e 30 anos e teña residencia legal en España. No momento da solicitude do bono o usuario deberá ser menor de 31 anos. Unha vez cumpridos os 31 anos, non poderá ser solicitante do bono (aínda que si que poderá trocalo no caso de que o solicitase antes de cumprir os 31).

Só se emitirá un bono por persoa que irá ligado ao seu número de DNI / NIE e será persoal e intransferible, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.

Bonos de grupo:

Os Bonos Albergues REAJ de grupo poderán ser solicitados por calquera grupo legalmente constituído que teña CIF e estea recoñecido por algunha administración como grupo.

Só se emitirá un bono por cada CIF e só poderá ser utilizado polo grupo ao que lle foi concedido, non podendo ser cedido a terceiros baixo ningunha circunstancia.

 

Tes toda a info e o formulario de solicitude nesta ligazón

Durante o acto de entrega de premios dos carteis escolares do concurso do 8-M, o Día Internacional da Muller, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana sinalou á mocidade como motor da igualdade para construír unha sociedade máis xusta ante a conmemoración do 8-M.

O xurado do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, ditaminou os carteis gañadores da sexta edición desta iniciativa da Xunta de Galicia, resultando gañadores os traballos de escolares de centros da Coruña, Baiona, Pontevedra, Bueu, Cambados e Lugo.

Establecéronse tres categorías no certame. Na primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria, obtivo o primeiro premio o alumnado de 2º de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña co título Igualdade; o segundo galardón recaeu nas alumnas e alumnos do 4º de Primaria do CPI Cova Terreña, de Baiona, co traballo Fomentamos a igualdade no patio do cole; e o accésit foi para o alumando de 4º de Infantil do CEIP A Carballeira, de Lourizán-Pontevedra con Mariscadoras.

Na segunda categoría, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial, resultou gañador co primeiro posto o alumnado de 2º da ESO do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, da Coruña, co deseño Seguimos en loita pola igualdade; o segundo premio foi para as alumnas e alumnos do IES Illa de Ons de Bueu co traballo Pero se xa hai igualdade; e o accésit recaeu nos escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade.

Na terceira categoría, dirixida ás alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior, obtivo o primeiro premio o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo con Elas abriron o teu futuro; o segundo galardón foi para as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Rafael Dieste da Coruña con Alumeando; e o accésit obtívoo o alumnado de 2º de Bacharelato do IES A Xunqueira II de Pontevedra co título Publicacións pola igualdade.

O xurado valorou este ano de xeito positivo a alta participación acadada nesta edición do certame no que presentaron os seus traballos ata 95 centros escolares.

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Carteis premiados

http://igualdade.xunta.gal/

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia organizará, do 23 ao 26 de marzo na Coruña, a terceira edición de Mo_cidade, o congreso da xuventude galega que aúna formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer e que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos ou ideas, e fomentar a participación e o diálogo entre o público asistente.

Nesta ocasión e como novidade, a terceira edición de Mo_cidade ofrecerá unha programación específica para público técnico (xornadas do xoves e venres pola mañá), a maiores da tradicional para a mozos e mozas de 18 a 30 anos (venres pola tarde e sábado). De feito, Mo_cidade busca asentarse como un evento de referencia para a xuventude grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes.

A inscrición no evento, totalmente gratuíta, dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, ás actuacións musicais, así como ao aloxamento (incluíndo con este almorzo e
cea) durante os días do encontro.

Ademais, o evento contará cunha zona de networking e formación e cunha zona expositiva con stands de diferentes entidades, asociacións xuvenís e de voluntariado.

Consulta aquí o programa completo do encontro

 

Datas de realización: do 23 ao 26 de marzo de 2023.

Lugar de realización: Palexco (A Coruña).

Aloxamento: Complexo Xuvenil As Mariñas (Bergondo), en dormitorios compartidos.

Destinatarios: mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos de idade (incluídos) e persoal técnico do sector do ocio educativo e tempo libre.

Prazas ofertadas para a mocidade: 300.

Prazo de inscrición para a mocidade: do 1 ao 15 de marzo. AMPLIADO ATA O MARTES 21 DE MARZO, ÚLTIMAS PRAZAS! 

Inscrición para a mocidade: será en liña a través deste formulario electrónico.

 

Procedemento de adxudicación de prazas: as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.

A confirmación da praza farase por correo electrónico no prazo máximo de tres días hábiles tras realizar a inscrición. Unha vez confirmada a praza, e tal e como se indique na comunicación de confirmación, haberá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico:

  • Fotocopia escaneada do DNI/NIE.

No caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas establecerase unha lista de agarda por orde de entrada.

A ausencia de datos, que estes sexan erróneos, enviar mal a documentación ou non enviala, ocasionará a baixa automática do encontro e as prazas quedarán dispoñibles para as persoas en lista de agarda.

As persoas admitidas que por calquera motivo non poidan finalmente asistir ao encontro deberán comunicalo a través dun correo electrónico (xuventur@xunta.gal) cunha antelación mínima de catro días naturais á data de inicio do evento, co fin de poder asignar as prazas vacantes aos solicitantes da lista de agarda. De non facelo así quedarán excluídas da participación en sucesivas edicións deste encontro e nos demais que poña en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Transporte: a organización poñerá a disposición das persoas inscritas autobuses para desprazarse entre o aloxamento incluído neste evento e o Palexco. O traslado entre a localidade de domicilio á
Coruña será por conta das persoas inscritas.

Acreditación: o acceso a todas as actividades do encontro esixe que a persoa moza participante se acredite, como hora límite, ás 10:00 horas do sábado 25 de marzo de 2023. Deste xeito, o horario de acreditación para a mocidade, e tal e como se reflicte no programa, abrirase o venres in situ no evento ás 16:30 horas e finalizará o sábado ás 10:00 horas. De non presentarse neste horario e, salvo causa xustificada, a persoa quedará excluída das actividades programadas.

Máis información: xuventur@xunta.gal

Dende este mes sumamos un punto máis onde poder facer ou activar o carné xove: a Casa da Mocidade de Barbadás.

Localízase na rúa Os Diestros, nº 2, na Valenzá (Barbadás). Para que che fagan ou activen o carné xove cómpre que acudas de luns a venres de 8:30 a 14:30 h. Ademais, pódelos contactar por teléfono (988 000 234) ou por correo electrónico (xuventude@barbadas.es). Tamén podes seguilos nas redes sociais (@mocidade_barbadas)

Descontos co Carné Xove, seguro de viaxe, puntos de activación...: http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove