Descontos co Carné Xove no Salón Teatro de Santiago
Dende hoxe pasa a formar parte da oferta de establecementos onde se ofrecen descontos á mocidade posuidora do carné xove o Centro Dramático Galego cun desconto do 40% en todas as representacións no Salón Teatro do centro.
Así, pois, mozos e mozas xa podedes desfrutar neste centro das vantaxes e descontos que vos ofrece o Carné Xove!
CARNÉ XOVE: NOVAS ADHESIÓNS NO SECTOR DO TRANSPORTE DE AUTOBÚS
A Consellería de Política Social, dentro da súa estratexia de fomento de novas adhesións de establecementos ao Carné Xove para sumar novas vantaxes para a mocidade usuaria, conseguiu a anexión a este programa das entidades concesionarias dos servizos de transporte interior de autobús en Galicia.
Consulta no seguinte enlace as entidades adheridas, as liñas de transporte e os descontos e condicións aplicables para as persoas titulares do Carné xove.
A Xunta de Galicia pon á túa disposición máis de 30 instalacións pensadas para a Galiciamoza
12 Espazos Xoves:
3 Residencias Xuvenís en Lugo, Ourense e Vigo con 231 prazas de aloxamento, tanto se es estudante como se estás traballando.
14 albergues e campamentos xuvenís
Albergue Xuvenil Marina Española
Campamento xuvenil Espiñeira (Boiro)
Campamento xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son)
Campamento xuvenil Furelos (Melide)
Campamento Xuvenil Os Chacotes (Palas de Rei)
Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín)
Albergue Xuvenil Area (Viveiro)
Campamento xuvenil A Devesa (Ribadeo)
Campamento xuvenil Penedos de Xacinto (Entrimo)
Campamento Xuvenil A Illa de Ons (Bueu)
Campamento Xuvenil Pontemaril (Forcarei)
Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa)
5 centros Quérote +: @querote_mais
O Centro Coordinador de información Xuvenil con atención presencial na rúa Ramón Piñeiro 17-19 de Santiago de Compostela.
A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2021.
Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado
Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas coa COVID-19 no actual contexto de crise sociosanitaria.
Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
Requisitos:
- As entidades de acción voluntaria e as entidades locais deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Terán sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolveran os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.
- Terán debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.
As solicitudes presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2021.
Máis información no DOG do 31 de marzo de 2021 e en www.voluntariadogalego.org
O programa Carné Xove da Xunta de Galicia segue a medrar coa adhesión do Concello de Vilariño de Conso.
Ofrecerá a gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos e mozas que sexan titulares da tarxeta
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa alcaldesa do municipio, Melisa Macía
O concello de Vilariño de Conso súmase ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia como entidade colaboradora, asumindo un compromiso de gratuidade para as actividades deportivas ou de ocio promovidas polo Concello, así como no acceso a pavillóns e museos municipais para os mozos que sexan titulares da tarxeta.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa alcaldesa do municipio, Melisa Macía. Coa adhesión deste municipio a iniciativa da Xunta, á que xa hai máis de 1.000 establecementos adheridos, segue a medrar.
A finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova de entre 12 e 30 anos, mediante a colaboración dos establecementos adheridos ao programa, o acceso a diferentes servizos mediante descontos e outras vantaxes. Os beneficios abranguen, entre outros ámbitos, a cultura, o aloxamento, transportes, comercio e o ensino.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece tamén aos titulares unha serie de vantaxes e servizos entre os que se inclúen descontos nos seus programas e actividades. Así, ofrece rebaixas de ata un 25 % nas cotas da Campaña de Verán (campamentos, intercambios, campos de traballo ou actividades).
Novidades do Carné Xove
Antes, a expedición do Carné Xove estaba suxeita ao pagamento dunha taxa de 6 euros e tiña unha vixencia máxima de dous anos. Dentro das novidades que está a implementar a Xunta de Galicia contémplase a expedición gratuíta e unha vixencia permanente, sen necesidade de renovación, ata que o usuario cumpra os 31 anos.
Ademais, a tarxeta enviarase de xeito gratuíto ao domicilio dos mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. De todos os xeitos, é preciso recordar que a activación debe facerse de xeito presencial nos servizos provinciais de Xuventude, o Centro Coordinador de Información Xuvenil, os Espazos Xove e as Oficinas de Información Xuvenil dos concellos autorizados.
Así mesmo, está tamén prevista a posta en marcha dunha aplicación móbil do programa que permitirá, entre outras funcionalidades, xeolocalizar os establecementos adheridos e coñecer os descontos que aplican, ademais de acceder ás novas da iniciativa.
O día 2 de abril foi o Día internacional do libro Xuvenil e para celebrar esta data, desde a Dirección xeral de Xuventude lanzamos a toda a Mocidade galega un reto lector que nos propoñen o equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo de Ferrol.
Propoñen compartir reflexións e impresións a través da lectura da obra Enderezo descoñecido de Katherine Kressman.
Poderemos comentar temas como a amizade, a angustia, a traición, o ascenso de réximes totalitarios, a vinganza, o rol da muller...
O tempo estimado de lectura de Enderezo descoñecido é dunha hora.
O taboleiro colaborativo virtual padlet permitiranos compartir de xeito sinxelo vídeos, audios ou textos breves. Aquí podedes acceder ao muro compartido e plasmar as túas reflexións e impresións sobre o libro: club de lectura ENDEREZO DESCOÑECIDO
Onde podes conseguir o libro?:
Libro Enderezo desoñecido na rede de bibliotecas de Galicia
Libro Paradero desconocido na rede de bibliotecas de Galicia
E si te atreves en alemán: Adressat unbekannt na rede de bibliotecas de Galicia
Si prefires compralo, lembra que co carné xove tes un desconto en moitas librarias de Galicia:
Descontos nas librarías da Federación de libreiros
Descontos noutras librarias: Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña
A programación das Letras Galegas 2021 contará con medio cento de actividades para divulgar o legado de Xela Arias
Propostas no eido educativo
Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas.
Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.
Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galego Lingua de Rapear, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para a dinamización lingüística entre a xente moza. Tamén se apostará por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.
Exposicións en distintos puntos de Galicia
No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense. Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mostra fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirado no poemario da autora. Chegará ás cidades de Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.
De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas.
Máis accións en formato dixital
Un dos aspectos salientables é que haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta o actual contexto sanitario. Como o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.
A Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.
Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.
Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na fase clasificatoria de Secundaria na duodécima edición do programa Parlamento Xove que, pola situación sanitaria, volve a ser online. Deulle a benvida ao preto de 100 estudantes da ESO que se deron cita para debater sobre unha cuestión de máxima actualidade.
Os equipos confrontaron as súas opinións sobre a seguinte pregunta: Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?. Nesta primeira quenda participaron 23 equipos, cada un deles formado por unha persoa docente, que exerce de coordinador do grupo, e por catro estudantes.
Este ano, debido á situación actual provocada pola pandemia sanitaria, as primeiras fases de Parlamento Xove realizaranse online, de igual xeito que se fixo na final de ESO de 2020. A Xunta de Galicia valorará, segundo a evolución da pandemia sanitaria, a posibilidade de que as finais se celebren de xeito presencial no Parlamento de Galicia se as circunstancias sanitarias o impiden utilizarase de novo a vía telemática.
Equipos participantes
En concreto, na categoría de Secundaria déronse cita 13 equipos de centros da provincia de Pontevedra: dous equipos dos centros Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio), CPR Plurilingüe Compañía de María (Cangas) e do CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa); e un equipo do CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), do CPR Eduardo Pondal (Cangas), do IES do Barral (Ponteareas), do IES da Xunqueira (Pontevedra), CPR Santiago Apostol (Soutomaior), do Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna (Vigo) e do CPR Plurilingüe Divino Salvador (Vigo).
Tamén participan cinco grupos da Provincia da Coruña: Colexio La Salle (Santiago); dous equipos do CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña) e outros dous do CPR Esclavas Sagrado Corazón de Jesús. Catro equipos saídos de centros da provincia lucense: dous equipos do CPR Maristas A Inmaculada (Lugo), un do IES da Pinguela e outro do Ies Francisco Daviña Rey, ambos de Monforte de Lemos. Por último, da provincia de Ourense participa un grupo do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense).
Outras fases clasificatorias
Ademais da modalidade de Secundaria, tamén se celebrará a de Bacharelato e a de Universidades. Os 22 equipos que participan na categoría de Bacharelato terán a súa fase previa o 13 de marzo. Os 8 equipos universitarios inscritos celebrarán directamente unha fase final cuxa data aínda está por determinar.
Polo tanto, este ano o programa Parlamento Xove da Xunta de Galicia contará con máis de 200 estudantes da ESO, Bacharelato e das universidades galegas.
A Direción Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado realiza unha exposición na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela con seis obras premiadas e finalistas no Xuventude Crea 2020 na especialidade de graffiti. Estas creacións poderanse ver ata o día 31 de marzo no horario de apertura da biblioteca.
En concreto, trátase dos tres graffitis premiados: ‘O raposo’, do artista coruñés Javier Caamaño; ‘Estilo en continua construción’, do vigués Adrián Lomba; e ‘Entusiasmo luminoso’, do mozo Daniel Fernández, de Baiona. Así mesmo, tamén se exporán a obra merecedora da mención de honra, ‘Escornabois’, da coruñesa Fernanda Rodríguez; e outras dúas obras finalistas: ‘Macaco’, do coruñés Ismael Pérez; e ‘Level’20’, de Daniel Abreu, de Navia.
Esta exposición enmárcase dentro do novo proxecto da Consellería de Política Social, que trata de poñer en valor e darlle visibilidade ás obras das persoas mozas premiadas de cada edición, máis alá da celebración das diferentes fases finais. Así, ademais desta mostra, organizaranse este ano outras actividades destacadas, como unha exposición itinerante retrospectiva sobre o pasado e o futuro do programa, ou a publicación da novela curta gañadora ‘Cando sangren os lobos’, por Edición Xerais. Cómpre lembrar que a categoría de novela curta foi unha das novidades incorporadas a este certame en 2020.
O programa inclúe 14 especialidades: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (coas modalidades de pintura e escultura). Na edición de 2020, que acadou un récord de solicitudes con preto de 500 persoas mozas participantes, incorporáronse como novidade as especialidades de creación de videoxogos e novela curta.
Neste ano 2021, o programa Xuventude Crea acadará a súa duodécima edición, na que buscará seguir estimulando e apoiando a imaxinación e a creatividade das mozas e mozos galegos de entre 16 e 30 anos.